Votar para facer a nosa revolución

Votar para facer a nosa revolución

Nunha das múltiples reunións informativas que organizou o BNG da Estrada sobre a Lei de Augas do PP, un asistente, veciño e afectado pola lei, fixo un comentario un pouco resignado, pero moi atinado, sobre a suposta liberdade das sociedades que se din democráticas.

Este señor, de idade avanzada, pero como veredes, cunha mente moi lúcida, dixo, nun momento dado da reunión, que "antes" -referíanse obviamente ao período histórico da ditadura franquista- "se protestabas corríanche a paus; hoxe xa podes berrar o que queiras, que ninguén che fai caso".

Dúas frases sinxelas, pero contundentes na análise desta sociedade que presume vivir en democracia e liberdade, e, segundo algúns, "no mellor dos mundos posíbeis", mais, como veremos, é todo o contrario.

Certo!, podemos votar, elixir a aqueles partidos políticos e representantes nas institucións que mellor defendan os nosos intereses colectivos. Sen embargo máis do 80% do electorado repártese entre só dúas forzas políticas, o PSOE e o PP, que, aínda que antagónicas en aparencia, no fondo son o mesmo, as dúas caras dunha mesma moeda, que están de acordo na meirande parte dos asuntos, sobre todo de índole económico, como se está a comprobar nos últimos meses, que, ao marxe dalgunha que outra liorta mediática, o entendemento entre eles é perfecto. E o que esta claro a estas alturas da película é as decisións políticas destes dous partidos prexudican gravemente ao seu electorado, que alterna entre ambas forzas, producindo cero cambios na sociedade.

Podemos manifestarnos e temos dereito á folga, certo!, sen embargo, malia o exitosa que sexa unha manifestación ou unha folga, os grandes partidos ampáranse nos resultados electorais e no número de escanos que lle garanten gobernar máis ou menos tranquilos, para seguir adiante coas súas políticas lesivas para as maiorías sociais, da que tamén forma parte o seu electorado. Por outra banda, os grandes medios de comunicación tamén axudan a manter o statu quo, coa súa tradicional guerra de cifras sobre a asistencia ás manifestacións ou o seguimento dunha folga, cando non omiten deliberadamente nas súas informacións a convocatoria dunha folga, como aconteceu na última folga xeral convocada en solitario pola CIG. Neste sentido chama a atención que mentres omiten as folgas e manifestacións en Galiza, temos todos os días nos xornais e nas televisións as revolucións islámicas. Será que nós non temos dereito á revolución?

Temos garantida a liberdade de expresión, é verdade!, sen embargo, por poñer un exemplo cercano, o BNG, tendo representación que ten nas institucións, e tendo unha grande capacidade de xerar noticias todos os días, a súa presenza nos grandes medios, mesmo os públicos, é mínima. Tamén é certo que hoxe en día, grazas ás novas tecnoloxías é doado crear unha web, un blog, un vídeo blog, ... para expresármonos libremente, mais non é menos certo que a audiencia sería certamente reducida se o comparamos cos grandes medios de comunicación escritos e dixitais e, por suposto, coa televisión, a grande fonte de (des)información das masas.

Como se pode ver, non lle faltaba razón ao home que acudiu á reunión informativa da Lei de Augas organizada polo BNG. Os grandes partidos políticos perdéronlle o medo á sociedade, unha sociedade que pivota electoralmente falando entre os dous grandes partidos políticos, estando asegurado deste xeito, o guión marcado polo neoliberalismo.

Con todo, de todos os mecanismos de protesta social, votar segue a ser o máis importante. É o que decide a composición das institucións, e, polo tanto elixir aos de sempre ou optar pola alternativa, é o que marca a diferencia de facer un política que beneficia aos de sempre ou facer unha política que beneficie aos pobos e ás persoas.

Polo tanto, se non estamos de acordo coa inxección masiva de diñeiro pública aos bancos, se non estamos de acordo coa reforma laboral e o despido libre, se non estamos de acordo cos recortes dos salarios dos funcionarios, coa subida de impostos, cos recortes nas prestacións sociais, coa reforma das pensións, coa privatizacións, ... o 22 de maio temos unha oportunidade para demostrar colectivamente que non estamos de acordo co rumbo que está a tomar esta sociedade, que, de non haber unha rectificación, camiña cara o abismo.

Poderase pensar que unhas eleccións municipais non son o contexto axeitado para "castigar" a deriva neoliberal dos grandes partidos, mais temos que pensar que son os alcaldes e alcaldesas do PSOE e do PP os primeiros en defender, e incluso en moitos casos aplicar, as doutrinas do neoliberalismo. Daquela, na nosa man está facer a revolución, en rectificar!