Vitalismo tecnolóxico. Estructura social alternativa

Vitalismo tecnolóxico. Estructura social alternativa

Ademais do mundo coñecido tradicionalmente, natural mentres se lle permita, existen outros alternativos que se desenvolven paralelamente en internet. Obsérvase neles un movemento incesante, determinado por milleiros de usuarias/os que bulen, coma formigas virtuais, polo medio deles. Interpretados como "sitios" para facer amizades novas, comunicarse coas que xa se teñen e viven lonxe, ou tamén, porque óbvialo aquí, como "espazos de interacción erótica", rematan por converterse nun entretemento que parece encher as nosas horas baleiras.

Antes desta furiosa tecnoloxización social, as horas "soltas", ou como se lles queira chamar, eran ocupadas, entre outras cousas, polo trato directo coa veciñanza, favorecendo o contacto humano. Entendíase, e moitas persoas así o entenden a día de hoxe, que tales relacións "in praesentia" constituían o paso previo á realización persoal, na medida en que, dende un punto de vista holístico, somos parte dunha rede que sentirá maior plenitude de pertencer a un grupo de afíns, isto é, de ter persoas coas que, ademais da imprescindíbel empatía, se comparta unha visión semellante da vida. Daquela, a felicidade, entendida como capacidade para sentírmonos satisfeitas/os, vén determinada, entre outras cousas por un elemento alleo: a existencia dun grupo de referencia. Segundo isto, as reunións sociais xeran un pracer exquisito que contribúe a esa satisfacción.

Isto é sabido de vello. Aquelas conversas entrañábeis que tiñan lugar no banco da praza, pola fresca, despois de cear, por exemplo, posuían un efecto tranquilizador. Permitían que tivésemos unha especie de colchón no que apoiarnos. Enténdese pois a nostalxia dese mundo anterior, previo á tecnoloxización, no que eramos porque nos tocaban, porque falaban con nós e escoitaban aquilo que precisabamos dicir. Así é que, agás que estivésemos a disgusto con esas persoas, o diálogo permitía paliar a sensación de soidade.

Por outra banda, os encontros que derivaban nun interese máis íntimo -erótico-sexual ou amoroso- vivíanse con excitación. Os ollos perpetuaban aquilo de que o amor entra a través deles, propiciando o desexo, e todo se simplificaba, complicándose, ou non, posteriormente. O caso é que vibrabamos, sentíamos o corpo estremecer. Tiñamos desexos "in praesentia" que podían realizarse, de haber boa disposición, nese mesmo encontro ou noutros posteriores. E resultaba ben estimulante que así fose.

Así é que, aqueles "si-lugares", empregando a terminoloxía de Marc Augé, constituían sitios reais de potencial harmonía, nos que sentírmonos a gusto. Lóxico entón que botemos en falta este tipo de conexións humanas que facilitaban a claridade nas nosas relacións. Ao vernos as caras, resultaba máis doado identificar os propios sentimentos ao respecto da persoa que tiñamos diante nosa. Axiña sabiamos se había ou non o tan moderno "feeling" que moi ben poderiamos entender como simpatía ou atracción por un tipo determinado de personalidade.

Entón, partindo desa idea nostálxica das relacións humanas estabelecidas en espazos públicos ou, en ocasións privados, mais sempre "in praesentia", moi ben poderiamos denostar as novas relacións humanas xeradas neses "non-lugares" virtuais, a través de redes sociais como twiter, twenty ou facebook. Poderiamos, certo é.

Unha das cousas que diriamos é que cansan, que ao non ver a persoa coa que "falamos" resultan pouco auténticas. Que sentido ten, xa que logo, facer unha morea de "amigas/os" que nunca, ou practicamente nunca, poderemos ver e que, de feito, nalgúns casos, nin o pretendemos?. Ademais, como saber que esa persoa nos enche "o ollo virtual" se ese ollo se presenta miope por limitado e pouco preciso?. E moi importante, pódese mentir máis facilmente polo facebook ou twenty?. De ser así, deberíase controlar o uso que as/os adolescentes fan destas páxinas ?. Cómpre vixialos/as?.

Facémonos estas preguntas na medida en que observamos a existencia de sectores moi críticos con este tipo de redes sociais que aseguran que os seus usuarios tenden ao illamento. Cremos pois necesario reflexionar sobre o afán de control por parecernos que talvez non sexa o camiño axeitado para evitarmos o uso compulsivo das devanditas páxinas.

Preguntámonos até que punto mesturamos eficacia con pedagoxía por buscar a propia comodidade, isto é, para zanxarmos o problema sen ter que perder horas en falalo abertamente e intentar razoar. Por outra parte, urxe lembrar a auténtica mensaxe dunha prohibición -a ameaza do castigo- e visibilizar nela os propios medos proxectados nese intento egoísta de vivir tranquilamente. Sobre este punto, e, ao respecto da tendencia excesiva, dende o noso punto de vista, a "regular", parece moi acaída a coñecida frase de Hegel que recolleremos aquí para explicar o que se pretende transmitir.

"Xustificar o castigo como ameaza -dicía o filósofo-ao culpable equivale a facer o mesmo que un home que levanta o seu bastón contra un can. É tratar o home como un can, en lugar de facelo coa liberdade e o respecto que merece". Partindo desta idea de Hegel ao respecto do castigo, consideramos que, a día de hoxe, a tendencia punitiva é desorbitada e fornece a inmadureza da cidadanía, pois no canto de responsabilizala, faina culpábel. A culpa é susceptíbel de perdón, así que pode desaparecer. A responsabilidade, pola contra, implica unha conciencia autónoma do erro que non pode ser borrada e que, precisamente por iso, amplía o noso potencial para afrontar as propias limitacións.

A persoa responsábel é madura para comprender cal debería ter sido a súa actitude nunha determinada circunstancia. Daquela, pode valorar até que punto o seu comportamento afecta, ou non, negativamente aos demais sen fuxir coa culpa ao lombo mentres non acade a aquiesciencia da parte ofendida que será quen teña a capacidade de eximila da mesma e, xa que logo, de "responsabilidade".

As persoas que fuman, por exemplo, non deberían precisar dunha lei que prohiba fumar nos bares. O que necesitan é conciencia do malestar que xeran ao seu redor e valorar a importancia de non causar incomodidade noutras persoas. O exemplo sábese simple, mais resulta tan clarificador que non resistimos a tentación de plasmalo aquí. Pensamos que nos ha permitir vislumbrar a mudanza imprescindíbel para mellorar o sistema educativo e formar a aqueles/as que veñen detrás. Pasamos demasiado tempo expoñendo contidos e apenas falamos do verdadeiramente importante. Asi é que, en moitos casos, corremos o risco de xerar auténticas/os inapetentes e preguiceiras/os, que non valoran o coñecemento nin queren escoitar, ou ben, cerebros fríos e insolidarios, cuxas pretensións irán en detrimento da calidade humana.

Ao respecto disto, da calidade humana, deberíamos afondar moito máis. Así é que, de sermos sinceiras/os, temos de recoñecer que, ao falarmos de "multiculturalidade", por exemplo, facémolo, moitas veces, dende un punto de vista occidental, cunha tendencia "exotizante" implícita da que non somos conscientes. Por iso, por non querermos ir á raíz do asunto, os avances son tan lentos neste tema e, aínda a día de hoxe, pódense escoitar frases despectivas como "putos xitanos", algo certamente lamentábel que reflicte a existencia dunha eiva no sistema que, polo que se ve, non somos capaces de solventar.

Daquela, algo falla. Probabelmente o erro radique no xeito canónico de tratarmos estes temas cos máis novos coa consecuente ausencia da imprescindíbel interiorización. Se cadra, non queremos deixar a un lado a ortodoxia conservadora e mirar de abordar o asunto dende outra perspectiva, mudando a metodoloxía ... Talvez nós mesmas/os, deberiamos abrir máis os ollos e erguernos do sillón. Podería ser útil dar un golpe na mesa. Dicir basta.

A teoría sabémola ben. Falamos de respecto. De solidariedade. Tamén de compresión. De pluralidade... Mais o caso é que o problema continúa. Confúdese respecto con evasión. Solidariedade con condescendencia. Pluralidade con hibridismo. Invisibilízase a violencia estrutural, baixo o acubillo dunha idea contemporánea e conxuntural de "normalidade" cuxa existencia nada ten que ver co criterio persoal e a formación humana, mais cunha cuestión unicamente numérica: cantos máis pensemos así máis claro está que temos a razón da nosa parte.

O razoamento que orixina esta ditadura moderna do "sentido común" é en extremo simple e moralista na medida en que deriva da análise superficial e do repertorio de costumes instalados pola maioría acomodada que tende ao "continuismo". Calquera outra forma de ser e de estar no mundo considérase anormal.

Todo isto é fácil de percibir así é que nada de orixinal ten formúlalo aquí, mais si podería ser útil lembralo e suscitar un debate máis fondo, pois, até que punto non somos conscientes de que a visión conservadora do mundo deriva no conformismo e na ausencia de autonomía das/dos nosas /os pupilas/os?. Preguntámonos isto porque nos parece perverso que se intente inculcar a idea de que o moralismo conservador é de seu inofensivo. Entendemos que isto é moi grave xa que fornece a existencia do pensamento -se se lle pode denominar así- uniforme, con tendencia a estigmatizar aquilo que non comprende e se nega a aceptar.

Así é que, como Sísifo, volvemos sempre ao punto de partida: á visión monocroma da realidade circundante e, xa que logo, á prohibición, á hipocrisía, á envexa, aos ciumes, e, finalmente, ao monstro do egoísmo indiferente. Carente de empatía. Competitivo e soberbio por mera supervivencia.

Daquela, e partindo da idea da necesidade dunha auténtica educación transversal que forme individuos maduros, parécenos urxente revisar ese "ideario" do sentido común occidental que foxe do diálogo, tendendo no seu lugar a prohibir ou censurar. Isto permitiría, por exemplo, enfocar o uso de internet que comentábamos ao inicio conciliándoo coa necesidade de preservar a interacción coa contorna.

Entendemos que resultaría máis útil educar os/as usuarias/os no canto de centrármonos en evitar o tema mediante o control ou a imposición. Isto esixiría, pola nosa parte, recoñecer que temos moitos prexuízos ao respecto que se reflicten na manía constante de mesturar todo dado o propio coñecemento parcial, determinado, nalgúns casos, pola escaseza de curiosidade e, noutros moitos, pola falta de tempo e o ensimesmamento excesivo na vida persoal.

As consecuencias desta desidia son evidentes, faise todo por detrás. Así é que, se queriamos que as/os adolescentes tivesen certo pulso para usaren o twenty ou o facebook, atopámonos xusto co contrario: abusan. Perden horas de sol na casa, diante da pantalla, ben pegados á cadeira. Ante iso, volvemos ao principio: pillámolos, castigámolos sen ordenador nin teléfono móbil e reforzamos a nosa imaxe de "vixiantes", con poder para controlar. Mentres, o ciclo des-educativo se perpetúa. Non se produce ningunha aprendizaxe.

Así é que, no canto de xerar relacións virtuais construtivas que pasen por partillar coñecementos e amplíar a visión da vida, insistirán nunha das moitas posibilidades que ofrecen estas redes sociais: a de ligar, algo ben empobrecedor, non o feito de "ligar" en si mesmo que nada ten de reprochábel, en absoluto, mais na visión tan estreita do que son estas páxinas. Así, cremos que, de teren falado abertamente coa familia ou co profesorado, poderían darlle usos moi diferentes e multiplicar os efectos positivos deste tipo de relacións "in absentia". Entre eles o intercambio de información, a capacidade de convocatoria para asistir a actos públicos e o pracer do entretemento en si mesmo.

E ao respecto de se é máis fácil mentir pola rede, debemos dicir que, despois de pensalo un pouco, e aínda que temos de recoñecer que nun principio creiamos que así era, a nosa conclusión é que non. Porque, sexamos realistas, a que non lla teñen metido dobrada, contándolle milongas á luz do día?.

Disque existe un xeito de detectar a mentira fixándonos nos acenos daquel ou daquela que fabula, e que, segundo se explica, son moi útiles. Seica movementos como levar a mana ao nariz, por exemplo, podería interpretarse como un aviso de trola... Talvez nalgúns casos sexa así, mais hai mentiráns e mentiranas que saben ben intepretar a propia fabulación, danlle mesmo un tono dramático a mentira e, cos ollos ben abertos, fan que vexamos paxaros onde únicamente hai lama podre. Isto pasounos a todos/as nalgún momento. As mentiras "in praesentia" teñen protagonizado episodios ben novelescos da vida íntima, por iso tantas veces temos durmido co "inimigo" sen decatarnos. A deslealdade é un feito social que non podemos negar. E, dado que é social, na medida en que se produce na sociedade, poderá tamén darse nesas relacións "in absentia" destas redes que son exactamente iso, sociais. Nin máis nin menos. E como en todo na vida, cómpre prudencia. Isto é algo no que tamén deberíamos educar á rapazallada cuxos impulsos e gusto polo instantáneo tantas veces os dominan.

Así é que, non todo o que "sucede" nesas páxinas é nocivo ou vituperábel como pensan as persoas que as critican. Todo depende, coma case sempre, de onde queiramos poñer o foco. Nós pensamos que a vida ao aire libre é sempre ao que deberíamos tender, mais disfrutar da contorna e, nalgúns momentos, dos beneficios da comunicación múltiple a través das redes, sen obsesionarse, non deberían ser excluíntes. É cuestión de pulso. Sempre hai alguén a quen se lle vai a man e alguén que se queda curto.