Urbanismo responsábel: rehabilitación fronte a especulación

Urbanismo responsábel: rehabilitación fronte a especulación

De sempre defendeu o nacionalismo galego un urbanismo responsábel moi lonxe da especulación que levara implícito a conservación do patrimonio e a creación dun entorno amable onde vivir. Visto ademais o fracaso do modelo construtivo faise necesario insistir nas políticas levadas a cabo con grande éxito en concellos gobernados polo BNG: rehabilitación e posta en valor de centros históricos e barrios nas nosas vilas e cidades para crear uns espazos onde a vida sexa máis agradable e a especulación desapareza.

As hipotecas subprime, aquelas consideradas de risco por quen as concede, iniciaron o actual estado económico que parece non ter fin e que está sendo o pretexto das políticas neoliberais para acabar con todas as conquistas sociais acadadas tras dura loita de moito tempo. Con elas as entidades bancarias aceptaban hipotecas de persoas que tiñan un alto risco de non poder afrontalas. Deste xeito alimentábase a furia especulativa de construír salvaxemente, desfacendo urbanísticamente as cidades, a base de fomentar a compra, pouco responsábel, de inmobles.

Cando esta burbulla explotou, cousa inevitábel, o modelo económico do noso entorno, baseado precisamente na construción, viuse particularmente afectado, caendo espectacularmente as ventas duns inmobles para os que se alimentara artificialmente a súa demanda que non se correspondía, de ningún xeito, coas necesidades reais. O resultado é multitude de vivendas baleiras e o freo absoluto á construción, provocando ademais, como efecto colateral, a baixada dos ingresos nos concellos dos impostos relacionados con este tema, incrementando, aínda máis, a súa precaria situación económica.

Hai que entender as nosas vilas e cidades como organismos complexos formados non soamente por edificacións senón tamén por relacións humanas, dinámicas sociais e mesmo desexos. Así pois non son doadas de controlar e delimitar e pensamos que tampouco é interesante facelo xa que niso está o seu valor e ademais é o fundamento que fai que un individuo teña o sentimento de pertenza a ela.

Por outra banda é preciso a colaboración de todos os axentes sociais no desenvolvemento do habitat que realmente queremos. A participación cidadá e a xustiza social é o que se ven a chamar cidade participada. Precisamente a xustiza social require unha especial atención aos asentamentos precarios e non precisamente para a súa erradicación sen máis como se está a poñer de manifesto en moitos lugares da nosa xeografía. Todos temos o dereito fundamental dunha vivenda digna e son precisas políticas sociais de inclusión de todo tipo para solucionar o problema. Sen elas non atenderemos á demanda social e ademais o único que se faría sería trasladar os asentamentos de lugar.

A evolución urbanística actual que seguen a maioría das nosas poboacións non ten sentido na situación económica e social que estamos a vivir. O modelo de crecemento sen límites e especulativo creou un parque de vivendas baleiras ao que hai que poñer remate. Obviamente este non é un modelo racional como tampouco é sustentábel nin no social nin no económico. As eivas son moitas e os efectos colaterais tamén xa que o pequeno comercio e a hostalaría vense fundamentalmente afectadas pola creación de grandes centros comerciais que trasladan esta actividade á periferia, baleirando de vida social e económica os centros urbanos, afectando incluso ao patrimonio, tanto natural como construído.

Son o pequeno comercio e a hostalaría un eixo fundamental na vida social das cidades e vilas polo que é necesaria a súa protección. O peche destes establecementos provocado polas grandes áreas comerciais, con evidentes e nefastas consecuencias económicas, provoca o éxodo do ocio e a vida a estas últimas que, contrariamente ao que se pensa, non crean emprego senón que o que fan é destruír o do pequeno comercio e a hostalaría para substituílo por un emprego precario de vida máis ven fugaz. Ademais traen o problema engadido da utilización inútil e excesiva de vehículos particulares cos problemas ambientais e de tráfico que isto supón.

Así pois a alternativa que mellorará a calidade de vida ten que poñer en valor o patrimonio existente detectando as oportunidades e iso ten o nome de rexeneración urbana, un proceso integral no que teñen que participar todos os axentes sociais co obxectivo de recuperar e mellorar esta calidade de vida da veciñanza. E todo elo a través de distintas actuacións en eidos como na intervención no patrimonio social, o traballo coas dinámicas cidadás ou a busca permanente de alternativas aos modelos económicos caducos.

Hai pois que revalorizar o patrimonio arquitectónico, histórico ou contemporáneo, ademais de recuperar os espazos públicos degradados. Tense tamén que desenvolver unha normativa de baixos comerciais, complexizadora e heteroxénea, na busca da rexeneración dos barrios onde se atopen. Téñense que propor medidas que loiten contra a xentrificación dos barrios para evitar deslocalizacións en función das rendas e fomentar a creación de áreas de diversidade social para evitar que se convertan en guetos. A xentrificación é un concepto urbanístico referido a un proceso de transformación física, económica, social e cultural dun barrio antigamente degradado ou de clase baixa que acaba sendo de clase media-alta.

E para rematar citamos unha serie de medidas marco que deberían de estar nos obxectivos dun Plan Xeral, tales como a redución das densidades globais en canto a vivendas/hectárea, a contención nos solos urbanos consolidados cunha rebaixa substancial das alturas nos barrios saturados que leven a un equilibrio máis humano na relación entre o ancho de rúa e a altura das edificacións, o fomento da rehabilitación do construído, a preservación do patrimonio e o incremento dos espazos libres en todo o contorno urbano.