Urbanismo a medida


Se os romanos que nos deixaron as termas ou as murallas levantasen a cabeza... En Lugo, na Lucus Augusti romana, o PSOE e o PP están a punto de darlle o visto e prace definitivo ao Plan Xeral de Ordenación Municipal. No debate que se produciu na cidade durante este último ano podemos atopar moitas similitudes co que se deu estes días no Parlamento sobre a modificación da Lei do Solo. Tanto uns coma outros intentan venderlle aos cidadáns que as reformas que se introducen, seica son para obter un ben común que estaría, polo visto, moi por riba dos beneficios individuais que propietarios e/ou promotores-construtores poidan obter.

Estamos ante o discurso de sempre da dereita, discurso que agora volve asumir o PSOE. Un discurso centrado en vender unha imaxe de avance, de mellora para os cidadáns que na realidade non é máis que incidir en cambios a peor (que xa é dicir) con respecto ao que había. Estamos falando de entregarlle o territorio galego aos de sempre, seguindo o modelo sobradamente coñecido do Levante español.

O esperpento do PSOE

Asistimos estes meses a unha actuación verdadeiramente esperpéntica do PSOE, que comezou coa Lei de Caixas e seguiu coa Lei do Solo. Foi primeiro si, despois se cadra, agora non, agora non sei, mañá xa se verá... E todo para quedar ao descuberto nun caso e no outro.

Porque o problema non é só Touriñán como queren facernos crer os socialistas. O problema é que van legalizar todo o que se fixo de maneira ilegal. O problema é que van modificar outra vez a lei sen ter aprobadas as directrices de ordenación do territorio. O problema é que se desprotexe o que estaba protexido. O problema é, en definitiva, que goberna a dereita e modifican o que eles mesmos fixeron para liberalizalo aínda máis, e fano coa complicidade do PSOE e o aplauso dos seus alcaldes.

Coa modificación da Lei do Solo, ao PSOE medroulle outra vez ese mal entendido municipalismo, municipalismo que non é máis que o interese dos alcaldes por teren aínda máis competencias para poder dirixir, sen que ninguén lles tusa, o urbanismo no que entenden que son os seus feudos, os seus concellos, para seguiren actuando de maneira caciquil e, en moitos casos, despótica. A estes alcaldes nada lles importa a conservación do patrimonio, a riqueza ambiental, a economía sostíbel... O seu modelo é outro, e ese modelo é o que defende Orozco en Lugo, neste caso co aval do PP, e que trasladaron ao novo Plan Xeral da cidade.

O PXOM de Lugo

O Concello de Lugo conta con arredor de 98.000 habitantes, dos cales uns 8.000 viven distribuidos entre as 54 parroquias rurais que ten o municipio, que contan á súa vez con máis de 300 núcleos de poboación que, de momento, están habitados.

O novo Plan Xeral contempla unha cidade de máis de 300.000 habitantes (¿) distribuidos entre a zona urbana e a zona rural. Este é seguramente un dos maiores disparates deste plan, absolutamente expansionista e incluso depredador co territorio. Nin PSOE nin PP son quen de explicar de onde van vir esas persoas, pois desde logo a cidade non medra a ese ritmo, e son os datos do propio Plan Xeral quen avalan esta afirmación, pois na memoria figura o seguinte texto: "A cidade de Lugo experimentou un notable incremento no número de vivendas no periodo 1991-2001 (un total de 11.676 novas vivendas, o que supón un aumento do 30,5%) chegando case a 50.000. Este incremento non veu acompañado dun aumento significativo e paralelo da poboación residente de modo que unha de cada 4 está baleira".

Pero é que o máis grave é que pretenden ciscar o territorio do concello de urbanizacións na zona rural, esquecendo por completo os núcleos rurais e a necesidade de revitalizalos (e tamén os barrios) mediante un proceso de rehabilitación do seu parque inmobiliario e, sobre todo, de recuperación da súa actividade económica e social.

Para estas novas urbanizacións si que se contemplan servizos (pagados por todos) de abastecemento de auga, saneamento, etc., mentres que para os núcleos rurais existentes nada de nada. Queren aumentar a fenda que existe entre a zona urbana e a rural, e vano facer restándolles servizos a quen menos teñen, os núcleos.

O que non din é o que realmente pretenden con este documento, que non é outra cousa que contentar aos promotores e construtores que en moitos casos xa son propietarios dos terreos "aptos para urbanizar" diseminados por todo o concello.

O seu modelo tampouco aborda un dos maiores problemas que ten a día de hoxe a zona rural de Lugo, os conflitos entre as explotacións agrarias aínda existentes e os novos residentes da zona rural. Estes novos residentes consideran que os seus dereitos están por riba dos dereitos dos labregos que aínda manteñen a súa actividade, e fanlles a vida imposíbel para poder seguir sacando as vacas a pacer, para estercaren as terras, para faceren acopio de alimentos para o inverno,... son urbanitas (no sentido máis pexorativo do termo) que queren vivir no rural pero co olor da zona urbana. Pero claro, hai que entendelos, porque todos sabemos que non é o mesmo o olor do fume do Audy ou do Mercedes, co olor do silo, da bosta das vacas, dos porcos da ceba, ou das pitas no galiñeiro.

O Plan Xeral (e a nova Lei do Solo) de PSOE e PP aínda vai agravar máis se cabe esta situación, pois van afogar os núcleos entre urbanizacións que nada teñen que ver coa formación tradicional de vivendas do noso concello.

Máis coincidencias

Pero o de Lugo é só un exemplo, e temos máis coincidencias. O caso de Barreiros é o maior e mellor expoñente deste modelo. Os construtores e promotores mandan no concello, fan o que lles dá a gana coa connivencia clara do goberno do PP. Do do Concello e do da Xunta. E agora tamén coa do PSOE (desde a Deputación e desde o Parlamento) pois van asinar un convenio no que as administracións públicas (é dicir, todos nós) poñen os cartos para facer o que eses promotores e construtores non fixeron pero ao que estaban obrigados pola lei, é dicir, a dotaren de servizos as novas urbanizacións deste concello mariñán.

E mentres tanto os veciños de toda a vida de Barreiros seguen tendo uns servizos absolutamente deficientes e para melloralos non hai cartos públicos.

Eis o modelo de PSOE e PP: seguir apostando pola construción indiscriminada de vivendas, que algún beneficio se obterá. Que máis ten que se estrague o territorio, o que importa é dar licencias e ganar vontades. Eis o verdadeiro municipalismo que defende o PSOE, e tamén o PP.