Unha Casa-Museo para Manuel María

Unha Casa-Museo para Manuel María

Hai máis de dous anos que esta iniciativa deu os seus primeiros pasos. O seu obxectivo é que o legado literario, cultural e humano de Manuel María poida ser coñecido e valorado por todos os galegos e galegas. E para iso nada mellor que reunilo na súa casa natal de Outeiro de Rei, a Casa de Hortas. É con esta casa, como é obvio, coa que o escritor mantivo unha relación vital e afectiva durante toda a súa vida; é ela quen lle dá título á obra "Sonetos á Casa de Hortas"; é ese entorno máis próximo -Outeiro de Rei e o conxunto da Terra Cha- o que lle serviu a Manuel María de microcosmos referencial para erguer unha obra profundamente galega e universal.

É por iso que desde a Fundación Manuel María de Estudos Galegos se deron os pasos para chegar a un acordo económico coa familia do escritor, que na actualidade reside na Casa de Hortas, para que poidan construír a súa vivenda, pasando a actual a desempeñar a función de Casa Museo.

A iniciativa foi moi ben acollida institucionalmente pola Vicepresidencia primeira da Deputación de Lugo que, pola súa parte, se dirixiu ao resto das Deputacións Provinciais, á Consellaría de Cultura e aos concellos de Outeiro de Rei, Lugo, Monforte e A Coruña co fin de facelos partícipes deste importante proxecto cultural. Xa responderon afirmativamente as Deputacións da Coruña e Ourense e os concellos de Outeiro de Rei e Monforte.

A dimensión económica e cultural do proxecto require, sen dúbida a participación institucional, mais tamén resultaría eivado xa de partida de non haber unha forte implicación da sociedade galega en xeral. Neste sentido, a primeira das actividades en favor da Casa Museo vai chegar do ámbito musical. Apreveitando o lanzamento do seu novo disco "Kosmogonías", o grupo Berrogüeto, xuntamente con outras institucións públicas e privadas, van prestar a súa colaboración económica ao proxecto da Casa Museo Manuel María. Desta maneira, nos concertos de presentación deste traballo nas sete cidades galegas, a recadación obtida na taquilla será destinada a esta finalidade

Por outra parte, o día 17 de abril constituirase a Asociación de Amigos da Fundación Manuel María de Estudos Galegos co obxectivo fundamental de articular e impulsar este proxecto e facer partícipes del a todos os amigos e amigas do poeta, así como a cantos galegos/as teñan a ben.

Estamos no momento oportuno para facelo, cando aínda o seu legado pode manter a unidade precisa, cando moita documentación escrita, fotográfica, audiovisual ou sonora pode ser recuperada, ordenada, conservada e posta ao servizo do mellor coñecemento da historia de Galiza dos últimos cincuenta anos.

Xa temos moitos exemplos do que non se debe facer. Quizais o máis doloroso é o de Castelao. O estado da súa casa natal, xa desposuída dos seus elementos orixinarios, e o estado de dispersión do seu legado, son todo un exemplo de desperdicio dos nosos potenciais culturais. No caso de Manuel María é perfectamente posíbel unha saída ben distinta. A pequena axuda individual e colectiva, será de grande valor.