UN PRESIDENTE INDIGNO


Non foi a primeira vez. Probabelmente non será a última. José María Aznar, ex-Presidente do Goberno español e actual Presidente da FAES, despois de se referir á "grande experiencia" de Mariano Rajoy, fixo mención, do lado negativo, da súa "orixe galega" e do seu "exercicio de galego", asociándoo á idea de covardía, de ambigüidade, de indefinición, e de contradición permanente como pautas de actuación política que, polo visto, se lle presumen a quen posúa a condición de galego ou galega.

Resulta curiosa a utilización pexorativa deste xentilicio dirixida precisamente a quen, como Mariano Rajoy, fuxe obsesiva e sistematicamente de calquera ligazón coa súa condición de galego. Pobre Mariano. El, que nunca exerceu politicamente como galego, que nunca pronunciou unha palabra en galego, que só visita o noso país, no máis puro estilo colonial, para asistir -con puro na man incluído- ás touradas en Pontevedra (símbolo bárbaro da negación do país), e que sempre fuxiu de calquera mínima asociación coa Terra na que naceu, el, mesmamente el, padece agora de boca do seu predecesor no PP o tremendo insulto de se recoñecer como galego.

Obviamente, calquera persoa é libre para emitir opinións, e facelas públicas, sobre persoeiros tamén públicos. E lexitimamente críticas, mesmo hipercríticas, con toda a contundencia e rotundidade que se escoller. Agora ben, utilizar o nome da Galiza ou dos galegos como insulto directo ou crítica encuberta, só pode ser cualificado como acto racista e xenófobo.

O tópico absurdo (e intencionado) convérteo Aznar en insulto. Actitudes deste tipo non son novas, mais cando quen as reproduce ostenta unha responsabilidade -neste caso como ex-Presidente do Goberno español, quen por certo obtén as súas retribucións tamén a través dos impostos dos galegos-, adquire unha gravidade extrema, e cría un caldo de cultivo propicio para amparar e oficializar o desprezo, a humillación e a caricatura do pobo galego.

Non sorprende o uso do tópico inxusto por parte do Presidente da Fundación FAES (xenerosamente subsidiada con máis de 3 millóns/ano polos orzamentos do Estado), quen en recentes publicacións desa mesma entidade vinculada ao PP non ten escrúpulos en definir a lingua galega como "suma de variantes lingüísticas galaicas que, por comodidad" llamábamos gallego", explicando o seu uso actual coa pintoresca tese de que "el aislamiento de Galicia ha permitido su supervivencia (...) y el analfabetismo del campesinado gallego hizo el resto". Non é, pois, orixinal a visión que da Galiza posúe Aznar. O que xa resulta intolerábel é a férrea defensa emprendida polo Presidente da Xunta das palabras de Aznar, na xustificación do inxustificábel: "algo absolutamente positivo", "un eloxio". O paroxismo, en definitiva do colonizado. Mexan por nós (e por el), e di que chove. Nada novo, tampouco, para o Presidente dun Goberno descastado, que fai alarde da autoanulación co único afán de recibir o sorriso de conmiseración dos seus amos de Madrid. É para el a súa maior satisfacción, aínda que iso signifique a renuncia a unha mínima dose de dignidade, responsabilidade pola que, por certo, lle pagan.

Cumpre, dende as institucións galegas, facerlle fronte a esta estratexia galegofóbica, rexeitando e condenando actuacións detestábeis do punto de vista democrático, irrespectuosas e humillantes para con Galiza e o pobo galego, e mesmo reprobábeis eticamente. O peor erro neste contexto sería asumir como normal, e interiorizar como natural, insultos e aldraxes contra o noso ser colectivo, contra a dignidade de Galiza. A agresividade contra o noso pobo non é novidade nin procede de onte. O chamado "Século de Ouro" da literatura española está inzado de ignominias racistas contra a nación dos galegos. Lope de Vega, Tirso de Molino, Calderón de la Barca, Quevedo ou Góngora competiron en insultos xenófobos, iso si, con octosílabos en verso. E o curso da historia non fixo máis que agudizar esa tendencia até o día de hoxe. Mais o galego non é un pobo dócil e submiso, nin acomplexado por posuír un idioma de seu. E as institucións galegas deberan responder a eses mesmos criterios. Sen dignidade non seríamos nada. Con orgullo do noso, con autoestima colectiva, con plena confianza en nós mesmos, poderemos ser o que nós queiramos, non aquilo no que nos queren converter.