Un mundo virtual
Non hai moitas semanas os medios de comunicación deron conta da existencia dunha blogueira siria, converténdoa en símbolo da oposición no seu país, mais finalmente non só resultou ser un home, senón que vivía bastante lonxe de Siria e nunca pisara este país.
En 2009, nunha destas revolucións de cores que vemos habitualmente, a rede social Twitter converteuse na protagonista ao seren utilizada esta ferramenta, supostamente, como canle de comunicación e de coordinación da oposición en contra do presidente electo, Mahmud Ahmadineyad. Tal foi a repercusión mediática que xornais como El País, instalaron nas súas webs un aplicativo para seguir en directo todas as mensaxes que os opositores verdes volcaban no Twitter. Houbo que agardar até 2010 para saber que os ciberactivistas que máis se involucraron escribindo as mensaxes no Twitter non residían en Irán, concretamente vivían en países tan exóticos como Estados Unidos, Turquía ou mesmo en Suíza.
O único certo de todo isto é que grazas a esta revolución verde de Irán, o Twitter popularizouse notabelmente en boa parte do mundo; tanto é así que o ex-conselleiro de seguridade de Bush, Mark Pfeifle, non vía mal que lle deran o premio Nóbel da Paz; sen embargo, a información que recibían non só os iranianos, senón tamén o resto do mundo, era, obviamente, unha información obviamente manipulada, pouco ou nada fiábel, que había que contrastar por outros medios, cousa que por suposto non se fixo.
Se isto é pouca confusión, engadamos algunha máis. O 4 de xullo, día da independencia dos Estados Unidos, unha das canles en Twitter de Fox News, coñecido medio de comunicación ultra-conservador, foi crackeada por uns "desocoñecidos", que penduraron unha mensaxe nesta canle anunciando a morte a tiros do presidente Obama. Obviamente a noticia é falsa, sen embargo a canle en Twitter de Fox News está verificada por esta rede social, isto é, e resumindo, que Twitter acredita que esa canle é de quen di ser, é dicir, de Fox News.
E para rematar, non hai moitas semanas un blog tecnolóxico daba conta da filtración dun programa informático que supostamente sería utilizado polos servizos segredos norteamericanos para crear perfís falsos nas redes sociais e todo tipo de webs 2.0 coa finalidade de influír e manipular ás masas. Pode soar a película de ciencia ficción, é certo, de feito na película "Body and Lies", de Ridley Scott, utilizan algo semellante para crearlle a un pobre home inocente un perfil virtual de terrorista sanguinario. Como dixen, isto é unha película, pero xa se sabe, a realidade sempre supera á ficción.
O que quero dicir é que hai certo empeño en outorgarlle ás redes sociais e a todo tipo de soportes tecnolóxicos onde se poida pendurar información, unha lexitimidade e unha veracidade que, cando menos, hai que contrastar como calquera outro medio de comunicación tradicional.
Como xa afirmei noutro artigo sobre o voto electrónico, a tecnoloxía non é neutral. Por iso causa certo desacougo como se vai instaurando lentamente un mundo virtual no noso entorno, facilmente manipulábel, un mundo paralelo ao real, que se vende como paradigma da liberdade individual, mais sempre temos que ter moi presente quen son os donos desas ferramentas tecnolóxicas, quen son os que as controlan, e se cadra decatarémonos que liberdade temos máis ben pouca.