Un goberno dedicado á demolición do estado do benestar
“Non é de pouca importancia para un príncipe a elección dos ministros, os cales son bos ou non segundo a prudencia do príncipe”. A esta frase de Maquiavelo, engadiu Napoleón o seguinte. “Sen embargo, esta prudencia debe acomodarse así mesmo ás circunstancias. Hainas tales que o máis difamado é o máis recomendable”.
Un príncipe, no senso orixinal de principal, de primeiro, suponse que ten uns obxectivos, unha meta, unha idea do que pretende conseguir ou facer, así como unha estratexia que lle permita lograr o pretendido. Cando un militar quere defender ou conquistar un punto estratéxico ou levar adiante unha operación de grande envergadura ten que aplicar unha táctica axeitada a ese obxectivo. Outro tanto debe facer un príncipe, un gobernante, para que a estratexia deseñada lle permita conseguir os fins propostos.
Despois dun ano de goberno, coido que, ata para o máis obtuso dos votantes do PP, resulta evidente que a estratexia de Mariano Rajoy está encamiñada a esnaquizar o chamado estado do benestar, a rematar con todo o público e, consecuentemente, a potenciar e enriquecer o privado e a favorecer as clases privilexiadas, os ricos de toda a vida, os franquistas confesos, así como os seus fillos e netos transmutados en demócratas (véxanse as coincidencias de apelidos dos detentores do poder baixo Franco e dos que o manteñen hoxe, agás algúns plebeos aos que se ven obrigados a soportar polos feixes de votos que lles aportan; que lembren estes onde caeron os que, pensando que eran xente, quixeron subir algo máis do soportable). Esta estratexia conduce igualmente a mimar o estamento clerical con exencións, concesións, inxentes aportes económicos e acompañamentos con bandas cruzadas, bastóns de mando e mantillas en actos dentro e fóra dos templos (esperpentos nos que podemos incluír moitos membros do PSOE e algún verso libre do BNG, nostálxicos do nacional-catolicismo ou buscadores de votos sen escrúpulos). Toda a estratexia do PP vai dirixida a este fin: que os ricos o sexan cada vez máis e que os pobres acorden do fermoso e pasaxeiro soño de que se pode vivir en igualdade e con dignidade. O que pretende a dereita española gobernante é retroceder a un capitalismo puro e duro, reaccionario e integrista.
Para por en marcha o mecanismo conducente a esnaquizar esta sociedade que andabamos a conseguir con esforzo, o primeiro paso de Rajoy foi nomear un equipo ben orquestrado e, lembremos o anotado por Napoleón, pouco lle importou se un traballaba para os causantes da colosal (verba grata ao “señor de provincias”) estafa que eles chaman crise, se a outra non se lle coñecía traballo persoal, se un terceiro era un cínico e sobrado falabarato ou se outro máis debía ocupar un posto con mando en praza relacionado co que desempeñara baixo Franco, e así poderiamos seguir.
,Non é preciso saír de Maquiavelo para ler que, aínda que está moi ben que un gobernante sosteña a palabra dada, “un príncipe prudente non pode nin debe manter fidelidade ás promesas, cando tal fidelidade redunde en prexuízo propio e cando as razóns que a fixeron prometer xa non existen”. E unhas liñas máis abaixo, antes de exemplificar co papa Alexandro VI, incomparable á hora de incumprir os seus xuramentos, o mesmo que Fernando o Católico, título que, como é sabido, recibiu do anterior, engadiu: “Nunca lle faltan a un príncipe razóns lexítimas para cohonestar a inobservancia”. Non podo concordar co emprego, aquí, do adxectivo lexítimo, porque, se a chegada de Rajoy ao poder foi absolutamente lexítima, por ter sido elixido nun proceso electoral, conforme á lexislación vixente, a súa actuación como gobernante non só non se pode considerar lexítima, senón que mesmo é moi cuestionable que poida ter a consideración de legal, xa que unha cousa e a legalidade de inicio e outra a de exercicio. Foi elixido cun programa deliberadamente falso, pois non podo pensar que sexa tan rematadamente ignorante e, conseguintemente, atrevido como para non saber como estaba a situación do país ao que pretendía gobernar. Chegou e formou un equipo, tanto na cúpula do partido como no consello de ministros, composto por homes e mulleres cunha capacidade de mentir en público digna de admiración. Nunca imaxinei que asistiría ao espectáculo diario de presenciar a desvergoñada actuación dunha patulea de mentireiros, aos que semella que seus pais, de moi boa familia, nunca lles dixeron o feo que é mentir. Semella que certos consellos éticos só os recibiamos os fillos das familias humildes.
Coa desculpa do que eles -xunto con “tódalas forzas da vella Europa”, como dixeron Marx e Engels no inicio do Manifesto- chaman crise, aproveitan para facer igual que o Duque de Wellington, cando recorría a Península para expulsar de España os franceses e, xa que pasaba por aquí, ía destruíndo a escasa e incipiente industria que había no país, beneficiando así os intereses de Inglaterra. Estes fan o mesmo: como hai crise (léase estafa), aproveitamos para reimplantar o capitalismo. Primeiro repetímoslle á xente que a culpa da situación é de todos nós (e hai imbéciles que tragan), que, se queremos sobrevivir, entre todos temos que pagar a débeda dos bancos, temos que nos deixar despedir de balde, temos que lles dar unha paga das catorce (non extra) nas que se divide o noso salario, temos que renunciar a parte do diñeiro que adiantamos para a nosa xubilación, temos que soportar pacientemente como soben impostos directos, indirectos e circunstanciais, temos que ver como se deterioran a sanidade, as prestacións sociais, as axudas á dependencia e un longuísimo etc.
Pero o equipo de Rajoy semella unha compañía de zapadores e, aproveitando o desconcerto de moitos votantes propios e o cabreo “in crescendo” dos demais, mentres uns menten, desmenten e multiplican as malas novas paralizantes, outros van metendo o seu con día e modifican (coa axuda do PSOE; nunca saberei a que xoga ese partido) a súa intocable e sacrosanta constitución, mudan as leis a base de decretos, desprezando o parlamento, modifican incluso os códigos lexislativos e privatizan a xustiza, o mesmo que a sanidade e a educación. E, polo medio, cun sorriso de can de orella a orella, de cínico, vai o ministro Wert(goña) e entra, tacticamente, xogando ao despiste e tapando aos ademais, con frases como que hai que españolizar aos cataláns ou, agora, cunha nova lei de educación, na que, unha vez máis, a tétrica, anacrónica e estrafalaria Conferencia Episcopal dita o contido; mais, desta viaxe, ata as letras máis gordas (ensino privado, concertado con separación de sexos, relixión de Cristo avaliable, como se non chegase cos xuízos particulares e finais que disque nos agardan a xeito de reválida, e materia alternativa obrigatoria), deixando só parte do articulado para fomentar o xacobinismo e a aniquilación das linguas periféricas.
As poucas veces que estiven en Florencia visitei a tumba de Maquiavelo na igrexa da Santa Croce e, falando con el, lembreille a inxenuidade que destila o seu “Príncipe”, comparado coa praxe de certos políticos e partidos actuais, por suposto tan católicos como Fernando de Aragón ou o papa español Alexandro VI.