Submisión e displicencia

Submisión e displicencia
Non son amigo de adxectivar o termo nacionalismo no caso galego. Podo comprender a quen, por motivacións miméticas ou pruritos de ubicación na cultura política dominante, sexa proclive a acompañalo cun complemento como “de esquerdas” ou un adxectivo como “popular”. Xa me parece menos asumíbel que, aquí e agora, teñamos que especificar que é “democrático”. Por que? De forma simple, porque o nacionalismo na Galiza funciona como unha perspectiva ideolóxica, analítica, alumeando a realidade do país para nos facer conscientes das súas potencialidades, dos seus problemas e da nosa responsabilidade para desenvolvelas e solucionalos. Nunha palabra, leva a recoñecer os nosos dereitos e deberes como pobo. Na tradición histórica, e hoxe aínda máis, esta perspectiva obxectivamente conduce a unha prática transformadora, confrontada co statu quo, coa función que nos fan cumprir nos deseños do capitalismo realmente existente e nas súas estruturas políticas, o Estado español e a UE, especialmente. A antítese máis clara da globalización capitalista é, no noso contexto, o nacionalismo galego, inevitabelmente a máis favorábel ás nosas clases populares, como reiteradamente comprobamos na experiencia e anotamos nos nosos debates políticos. Sen conciencia de pobo, de dereitos e responsabilidades respeito da nación á que pertencemos, resultará imposíbel calquera mudanza positiva para Galiza. A perspectiva nacionalista está arraigada nun sentimento de adhesión natural e lóxica ao país e nunhas análises racionais que explican por que somos como somos, por que estamos como estamos, orientando a nosa acción cara un obxectivo de dignificación e de transformación positiva no terreo económico-social, político, cultural e lingüístico. Unha sociedade como a galega necesita, de forma prioritaria, recoñecerse e asumirse a si mesma como pobo, se quer realmente ter un futuro de seu. Será moito dicir que a potencialidade, e a realidade, demostran claramente quen teñen que ser os receptores da mensaxe nacionalista, os seus soportes e actores?

Pero vaiamos á experiencia prática. Dentro dun días, o 27 de marzo, haberá unha mobilización na comarca de Ferrol, a prol do levantamento do veto de construír barcos ao antigo estaleiro Astano, hoxe convertida nun taller de Navantia. Máis de 17. 000 persoas asinaron unha iniciativa lexislativa popular en tal dirección que foi tomada en consideración por unanimidade no Parlamento Galego. Resulta monstruoso, un auténtico crime social, manter inactivas, esquecidas, abandonadas, unhas instalacións de semellante calibre, mentres o paro medra, o tecido industrial se reduce e o desalento e o escepticismo social asolagan as conciencias. O Goberno español, malia a reiteradas iniciativas políticas do nacionalismo e a respostas máis ou menos comprensivas para saír do paso, segundo a ocasión, acaba por facer ouvidos xordos. Conta coa conivencia submisa do sindicalismo español en Navantia, que se transforma en displicencia agresiva para boicotear con intoxicacións, renarterías varias e falta de escrúpulos calquera mobilización, incluída esta, orientada a un obxectivo tan elemental. Non lles abonda con teren sido cómplices entusiastas de semellante discriminación hai máis de vinte anos, con reiterala sucesivamente. Teñen que reaxir como cans feros en defensa do amo, contra o país. Coinciden coa covardía dun asociacionismo empresarial que, mendigando sempre esmolas, se desentende da reivindicación, prisioneiro dun Plan Ferrol, do que, en componenda con ese sindicalismo, espera recibir esmolas, mentres van cerrando empresa tras empresa, sen abrirse ningunha nova. A desafección co país só é comparábel a xenreira que teñen ao nacionalismo. A irresponsabilidade é tanta que actúan así, sabendo ou debendo saber que, dentro de cinco anos máis ou menos, estaremos sumidos seguramente nunha grave reestruturación do sector naval militar. Este si ruinoso ( non hai máis que ver a letra pequena dos contratos das fragatas para Noruega ou Australia) e con bastante menos futuro que o civil no Estado español. Que máis ten! Eles son individuos, cren ter o seu futuro asegurado. Galiza non lles importa. A clase obreira deste país, digan o que digan, tampouco...

Hai unhas semanas, no debate de senllas mocións sobre o futuro das Caixas de Aforro no Concello de Ferrol, a portavoz de IU fuxiu pola tanxente para non se posicionar a prol da moción en defensa da lei de caixas e da fusión interna, argumentando que non se leaban en tais miserias, porque “o capital non ten patria”. Que diría Marx de verse utilizado en cabriolas de colonizados!!! Pobre Galiza! Mentres, os seus homólogos de Madrid ou de Andalucía non só teñen opinión senón que, loxicamente, non dubidan en participar na dirección das Caixas desas Comunidades Autónomas, mesmo en alianza tripartita PP-PSOE-IU, como no caso de Caja Madrid... Semellante inconsciencia ou, peor se é así, falta de identificación cos intereses colectivos de Galiza, non é nada de esquerdas, e consecuentemente é fondamente anti-nacionalista. Canta demagoxia se vende ás veces irresponsabelmente no noso país en contra de nós mesmos!!

Estas displicencias, correlato de falta de dignidade e auto-estima, de consideración por nós mesmos como pobo, son as mesmas que corroen ao Presidente da Xunta, o Sr. Feixóo, reiteradamente. A última, citar no Parlamento Galego un anaco do Alba de Gloria de Castelao en castelán, nesa liña de provocación “natural”, non se sabe se para facerse o “chulo” ou se simplemente como arroutada para “cabrear os nacionalistas no Parlamento e fóra”, demostra, máis unha vez, alén de pouca seriedade, nulo respeito polo país, pola súa cultura e historia. Tamén unha ignorancia crasa. E claro está quen tan pouca estima ten por algo ao que debería e tería que representar con dignidade, evidencia que se ten en pouco a si mesmo. É quen se ten tan en pouco a si mesmo, como fillo do pobo do que forma ou debese formar parte, dificilmente pode ser defensor válido do país e interlocutor respeitado por outros fóra, que xa sabemos de que suposición parten.

Acabemos xa. Sen avance do nacionalismo, Galiza non poderá deixar de ser o que hoxe é. Sen nacionalismo, as clases populares galegas non son máis que individuos deitados a súa sorte na rolda dun destino incerto. Entendedes agora por que non gosto de adxectivar o noso nacionalismo?