Soberanía ou dependencia
Este Día da Patria Galega 2011 rexistou unha asistencia masiva non por acaso. A base social do nacionalismo respondeu de forma multitudinaria á convocatoria do BNG porque é consciente de que Galiza enfrenta momentos cruciais e que se torna máis urxente do que nunca reforzar o único pólo que se coloca sen reservas acarón da nación ferida e coas súas agraviadas maiorías sociais. O BNG atinou ao situar no lema unha nova palabra de orden, Soberanía. O portavoz nacional, no seu discurso da Quintana, foi tamén moi esclarecedor: "O problema de Galiza é a súa dependencia". As cousas sitúanse así na súa dialéctica real: Soberanía ou Dependencia. E cando as cousas se sitúan na súa dialéctica real, e non se enlean en proclamas confusionistas que tanto valen para un roto como para un descosido, tes moitas máis posibilidades de sintonizar cos estados de ánimo social -nomeadamente en momentos de crise, en que todo se pon en cuestión- e de os galvanizar.
A chave para que un movemento sociopolítico avance está precisamente en que esclareza as súas alternativas e as ecuacione en termos comprensíbeis para o pobo. A chave está tamén en que tome partido sen ambigüidades e delimite cal é o seu campo. No caso de Galiza, o campo para o nacionalismo non pode ser outro do que os sectores populares nun sentido amplo. Eles son a nación en si -a que existe obxectivamente, porque é un fenómeno vivo que se pode observar desde fóra- e deben tornarse na nación para si. Na medida en que se organicen, en que se auto-organicen, farán verdadeira a Democracia en Galiza. Autodeterminaranse. E na medida en que se autodeterminen, en que o fagan nun espazo político e nacional concreto, na Galiza, estarán a construír un movemento político soberanista e popular. Estarán a rachar con séculos de dependencia secular.
O SIGNIFICADO DO MARCO AUTONÓMICO
Soberanía ou Dependencia. Non hai termos medios. O actual debate sobre o financiamento autonómico está a pór en evidencia que significa o marco autonómico para o noso país. Unha cadea. A negación de si mesmo. En política manda sempre quen recada os impostos. Quen detenta o poder financeiro. Aquí, en Galiza, manda España. Sen autonomía fiscal, xa o advertía o grande Bóveda, a autonomía política vira en letra morta. É patético ver o Goberno galego do PP demandar ao Goberno do Estado que lle permita aprazar unha débeda xerada pola súa propia falta de autonomía fiscal. A lóxica deste Estado é centralismo en estado puro. Só están descentralizados os gastos, non os ingresos, o que é congruente cunha descentralización administrativa, mais non política.
O problema de Galiza é previo a esta crise do capitalismo. É ben non perdermos esa perspectiva. Do contrario, non entenderemos nada. Finca as súas raíces na súa dependencia, na súa inserción nunha estrutura antidemocrática, o Estado español, inserto a súa vez nunha outra estrutura antidemocrática, a Unión Europea. Portanto, a nosa nación sofreu os efeitos demoledores de dous procesos globalizadores consecutivos: o que se verificou no espazo español (coa constitución dun mercado único coa peseta como moeda no século XIX) e o que se está a verificar agora no espazo europeu (co euro). As secuelas á vista están: declive demográfico (cada día somos menos e camiñamos cara á irrelevancia no Estado) e colapso dos sectores produtivos (porque eran e seguen a ser competitivos, son bloqueados polas decisións políticas dos globalizadores da UE).
O PAPEL DA BURGUESÍA GALEGA
O problema, claro, agravouse coa crise. Primeiro, porque nas condicións desta capitalismo epigonal, o predominio do capital financeiro sobre o produtivo é total e absoluto, o cal obviamente é catastrófico para bases materiais que, como a galega, carecen de protección estatal. E segundo porque a burguesía galega non é que demitise como clase dirixente nacional, é que nunca o foi: sempre foi un apéndice das elites dominantes no Estado. Nunca tivo un proxecto autocentrado no País. O espectáculo dado polos nosos plutócratas ante a usurpación do noso aforro polo capital estranxeiro relévame de facer máis comentarios. Ben, si, farei un: que lóxica mesmo capitalista pode explicar que a promesa de investir 600 millóns de euros -promesa que veremos como se materializa- poda traducirse na toma de control dun negocio cuxos activos están valorados en máis de 60.000 millóns de euros?
Hai que rachar coa dependencia e iso só o pode facer o nacionalismo galego, nun proceso que dea cada vez máis protagonismo ao pobo, nun proceso que necesariamente ten de ser o máis participativo e democrático posíbel. Este Día da Patria Galega amosou o potencial do nacionalismo en Galiza. Esa multitude ten de ser e ten de sentirse protagonista. É o suxeito activo do proceso de emancipación nacional e social pola que advogou sempre o nacionalismo galego, desde a intución de Rosalía até as formulacións dos nosos días. Non hai nada que inventar. Simplesmente hai que facer verdade a que continúa a ser con moito a nosa palabra de orde máis coreada, Galiza ceibe, poder popular. Poder do pobo galego, si, o único soberano que debemos recoñecer as nacionalistas e os nacionalistas galegos.