Santa Mariña de Augas Santas, un tesouro cultural galego

Santa Mariña de Augas Santas, un tesouro cultural galego

Santa Mariña de Augas Santas é unha parroquia do Concello de Allariz que conta cun extraordinario patrimonio cultural. O recente descubrimento dun santuario galaico
romano nas proximidades do castro de Armea está a xerar unha importante expectativa e facendo posíbel a posta en marcha de dous proxectos de intervención arqueolóxica, promovidos polo concello de Allariz, que nos van permitir obter mais información e tamen proceder a elaboración dun plano director para este espazo tan
singular no que confluen valores históricos, científicos, simbólicos, estéticos e paisaxísticos e tamén valores económicos.

Sen dúbida Santa Mariña de Augas Santas e o castro de Armea son dos lugares onde mellor se exemplifica como cada pobo, cada cultura, foi incorporando ritos, lendas, cultos existentes, asimilandoos. Deste xeito a lenda do martirio de Santa Mariña está presente en todo o espazo arqueolóxico: o forno da santa, o carballo da santa, as piocas da santa, as fontes, a pedra ... Todo o conxunto de Santa Mariña de Augas Santas e de Armea está cheo dunha mestura de maxia, lenda e tradición onde o culto, os rituais, a devoción e a relixiosidade naceron xa en época prerromana e co paso dos séculos foronse mesturando, cunha enorme dose de lenda, coa cultura cristá.

Un bó exemplo deste comportamento está no monumento con forno e pedra formosa no que, a cristianización posterior do lugar, sitúa o intento de queimar a Santa Mariña e mesmo a finais do século XIII se inicia a construción da basílica da Asunción.

A excavación e posta en valor do castro xunto cunha boa interpretación, difusión e exposición cara ó público aumentará o seu potencial simbólico, servindo de vínculo entre o visitante e o pasado, funcionando como elemento identificador das nosas orixes e da nosa singularidade como pobo. Tradicionalmente está asumido que un ben cultural funciona como recurso xerador de coñecemento, lecer, beleza, calidade de vida e tamén como fonte de riqueza e dinamización económica.

O Concello de Allariz ten realizado un ambicioso proxecto de rehabilitación de Santa Mariña de Augas Santas seguindo o modelo da recuperación do casco histórico de Allariz e a posta en valor do conxunto arqueolóxico e histórico de Armea será un importante valor engadido neste proceso de revalorización e dinamización económica da parroquia e do concello. Agardamos que os traballos a desenvolver baixo a coordenación do Laboratorio de Arqueoloxia da Universidade de Vigo permitan cumplir os obxectivos marcados e que deste xeito sigamos profundizando no coñecemento do noso pasado que por outra parte constitúe unha magnífica oportunidade de futuro.