SANIDADE PÚBLICA EN VENDA

SANIDADE PÚBLICA EN VENDA

No momento actual, no que se lle concede un valor extremadamente importante á autonomía dos/as pacientes na sanidade, cando se pregoa a independencia e capacidade de toma de decisión nos seus propios procesos de saúde, é cando realmente menos participación teñen, temos, no fondo da cuestión sanitaria, é dicir, na xestión que se fai dos recursos, e na implantación de sistemas de financiamento diferentes do público. As persoas, a poboación, o pobo, non teñen nada que dicir. Aquí manda o mercado.

A Sanidade Pública sempre foi considerada un dos piares do chamado Estado de Benestar. Mais vimos asistindo, nos últimos anos dun xeito máis acelerado, á perda progresiva de peso do financiamento e xestión pública da Sanidade, introducíndose dun xeito cada vez máis patente o capital privado nun dos poucos e ansiados "pasteis" que inda estaba por repartir. O neoliberalismo, sexa representado nos gobernos polo PP ou polo PSOE, puxo en marcha unha campaña de desprestixio da Sanidade Pública que facilitara e amparara esa entrada do capital privado na Sanidade. A actual política sanitaria da Xunta de Galiza, baseada nunha suposta "necesaria austeridade", camiña nesa dirección, recortando orzamentos, diminuíndo prestacións, paralizando procesos, cunha política de persoal que só xera malestar e desmotivación... Practicamente en todos os centros da rede SERGAS existen a día de hoxe multitude de problemas causados pola inoperatividade ou a desidia dos/as actuais xestores/as, problemas que provocan un clima de descontento xeral nos/as usuarios/as e que facilita a errada visión de que a entrada doutras formas de xestión é necesaria.

A introdución do financiamento e a xestión privados na Sanidade vense dando de diversas formas (externalizacións, concertos, Fundacións Sanitarias, modelo "Iniciativa de Financiamento Privado, IFP"...). Xa no Informe Abril (1991) se falaba da necesidade de engadir visión empresarial á Sanidade. Nesa época, na que o agora presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixóo, era Secretario Xeral do SERGAS, con Romay Beccaría na Consellaría de Sanidade, puxéronse en marcha as primeiras Fundacións Sanitarias, experimento no que a xestión privada administraba recursos públicos en centros que (xa quedou patente) diminuían a calidade asistencial ao reducir recursos tanto técnicos como materiais e humanos, co fin de obter mellores beneficios. Hoxe, con aquel Secretario Xeral do SERGAS á cabeza do goberno da Xunta, asistimos á chegada de novos modelos de entrega da Sanidade Pública ao mercado. Seguramente o máis coñecido é o modelo PFI, de colaboración Público-Privada, importado da Gran Bretaña de Thatcher, co que se pretenden construír os novos hospitais de Vigo e Pontevedra, e unha serie de centros de saúde, e que xa ten demostrado (alí e no Estado español) que hipoteca os futuros orzamentos de sanidade, aumentando o gasto sanitario sen que implique mellora de resultados, senón máis ben ao contrario, posto que mingua a calidade da asistencia e elimina o carácter redistributivo do modelo de xestión pública.

Mais non é o modelo IFP o único que se está a utilizar. Continúan externalizándose servizos, aumentan os gastos en concertos coa privada, e aparecen os proxectos de fusión de áreas sanitarias, pretendendo a configuración de macro-áreas, nunha visión reducionista que facilita aínda máis o camiño da privatización. Nun país coma Galiza, con dispersión poboacional e diversidade xeográfica, afastar os centros de decisión da poboación usuaria só pode conducir a maiores cotas de ineficiencia, caos, desatención, burocracia e desigualdades.

Desde a chegada ao poder do PP, e co incremento destas políticas neoliberais na Sanidade, téñense producido reaccións dispersas, atomizadas, que se canalizaron a través da creación ou reactivación de Plataformas de Defensa da Sanidade Pública en distintas comarcas e en función de problemáticas concretas. Coa creación da Plataforma SOS-Sanidade Pública, impulsada polo nacionalismo, intentouse aglutinar estas demandas e reivindicacións e facer chegar á poboación o fondo da cuestión: a Sanidade Pública está en venda, por pezas, e ao mellor postor.

Inda fican unha serie de debates enriba da mesa, que camiñan na mesma dirección: copago, colexiación obrigatoria de profesionais, entrada de xestión privada en Atención Primaria... continúan a entrega da Sanidade Pública ao capitalismo máis voraz, nun intento de culminar un ciclo político.

E nun sistema cualificado de democrático, o pobo pouco ten que dicir. A participación das persoas nas decisións que lles afectan directamente está totalmente coartada, tamén nas cuestións sanitarias. Mentres lle deixemos, aquí manda o mercado. Nas nosas mans está darlle a volta á situación.