Reforma da CRTVG: a manipulación continúa

Reforma da CRTVG: a manipulación continúa

O último pleno deste período de sesións estivo cargado de textos lexislativos. O Goberno do PP continúa co seu programa de derrube de dereitos sociais e aproba -en solitario-, leis que cuestionan dereitos das mulleres ou dan un paso máis na política de ataque a presenza da lingua galega no ensino. Mais tamén tivo lugar o debate de dúas proposicións de lei que abordan a reforma da CRTVG. Unha delas presentada polo BNG, a outra, o resultado dun pacto PP-PSOE.

O traslado que os medios de comunicación fixeron deste debate, dista moito de ser fiel reflexo do que alí aconteceu. Non é que me sorprenda, mais négome a habituarme a manipulación informativa como unha práctica coa que convivir con naturalidade. En todo caso, reforza a convicción, na necesidade democrática, de termos uns medios públicos galegos que respondan ao dereito dos e das cidadás a recibir información plural, veraz e independente.

Esa foi precisamente unha das razóns que fundamentan a proposta de reforma do BNG, que deseña uns medios públicos, ao servizo de Galiza e da normalización da nosa lingua propia e desgubernamentalizados. Mínimos, que non se garante no texto pactado entre populares e socialistas. Moi pola contra, a súa proposta reforza o control do Goberno da CRTVG, abre as portas a unha televisión e radio galegas que non se expresen en galego e facilita un futuro proceso de privatización.

Detecto un empeño, no que conflúen diversos intereses e actores, en impedir un debate en profundidade sobre o modelo de medios públicos. Usan como cortina de fume o feito de propor o nomeamento do Director Xeral por unha maioría reforzada no Parlamento Galego. É un paso, estamos de acordo. Mais sabemos que esta é unha condición necesaria pero non suficiente para producir un proceso de rexeneración democrática real.

O modelo pactado por PP e PSOE deixa todas as decisións estratéxicas e de xestión en mans do Director Xeral e do Goberno de quenda. O mandato estratéxico -que definirá os obxectivos durante nove anos- pode aprobalo quen teña maioría parlamentar. Por certo, o primeiro será aprobado antes que se produza a remuda dos actuais directivos. O mandato marco, instrumento clave que concreta a programación das canles e os recursos orzamentarios, seguen sendo unha decisión unilateral do Goberno. O Consello de Administración, lonxe de reforzarse, fica aínda máis relegado que no modelo actual. Con estes vimbios, alguén pode acreditar que o mando da tele e radio galegas non seguen en mans do Goberno de turno?

Acusáronnos de querermos un Consello de Administración politizado. Non entrarei, por falta de espazo, nos fundamentos antidemocráticos e reaccionarios deste argumento. Mais teño a convicción de que a profesionalización do ente non virá determinada pola ideoloxía das persoas que o compoñen, senón pola súa cualificación e polas funcións que se lle atribúen. Porén, que sigo sen entender, que sentido ten unha teórica defensa da profesionalización dun órgano, que na práctica, non cumpre ningunha función concreta.

Mais hai outros aspectos ben preocupantes. Non hai en todo o texto ningunha alusión a que a CRTVG non pode ser privatizada. E máis. A definición da CRTVG como unha simple entidade empresarial, deixa en mans do Goberno calquera decisión sobre a súa privatización ou disolución.

O futuro da CRTVG como medios que só usen o galego está en entredito. Xa sabemos os subterfuxios que usan na actualidade, mais agora, conságrase legalmente esta posibilidade. Iso sí, intentan ocultalo e facelo pola porta de atrás, a través dunha confusa disposición adicional.

Teño claro que o texto que se vai tramitar nos próximos meses no Parlamento, froito dun acordo PP-PSOE, non cumpre os requisitos que se agardan e se anuncian. Será unha oportunidade perdida. O grave, seguiremos cunha tele onde Galiza non existe, é anécdota, a nosa cultura non se promove. Iso si, seguirá sendo un eficaz instrumento de propaganda gobernamental.