Rede Natura: o contrato dos nosos compromisos coas xeracións futuras
O goberno galego puxo a exposición pública o Plan Director da Rede Natura 2000 de Galiza, no que se establecen un conxunto de medidas de planificación e xestión para os lugares que integran a Rede Natura 2000 no noso país e que deberían supoñer un verdadeiro compromiso contractual coas xeracións futuras. Mais fallan os alicerces en que este Plan Director debe sustentarse e carece das medidas básicas que garantan a conservación da Rede Natura.
Un dos obxectivos da Directiva Hábitat, 92/43/CEE, é a creación unha rede ecolóxica coherente e representativa dos espazos naturais a nivel europeo: a Rede Natura 2000. Está formada polos lugares declarados como Zonas de Especial Protección para as Aves-ZEPA, así como os designados para a conservación dos hábitats e das especies protexidas, designados na fase inicial como Lugares de Importancia Comunitaria-LIC, e na fase final como Zona Especial de Conservación-ZEC. En Galiza a Rede Natura 2000 está constituída por 59 LIC e 16 ZEPA, o que representa algo máis do 12% dos 29 574 km2 da superficie total galega. En canto á superficie protexida, Galiza ocupa o último lugar do Estado Español, pois todas as comunidades teñen un mínimo do 20% da súa superficie protexida, sendo a media estatal do 27,6%. Tamén estamos por debaixo da media europea, que é do 18%.
A Rede Natura é un proxecto cargado de incumprimentos, tanto nos prazos como nas limitacións, debido ás reticencias das autoridades autonómicas para promover espazos protexidos nos territorios da súa competencia, sobre todo no noso país, onde calquera iniciativa é prevalente sobre a protección. Aquí non hai un centímetro cadrado que non estea pisado, usado ou modificado polas actividades humanas, isto non significa que non haxa lugares en relativo bo estado de conservación e que conveña mantelos así cara ao futuro, como herdanza para as futuras xeracións de persoas humanas e animais.
A Directiva Hábitat considera que en cada zona designada para ser protexida débense aplicar as medidas de xestión necesarias, segundo os obxectivos de conservación, para fomentar a conservación dos hábitats naturais e das especies prioritarias de interese comunitario. Esta actuación constitúe unha responsabilidade común de todos os membros da UE.
A declaración dun lugar como LIC, segundo o artigo 6 da Directiva Hábitat, supón a obriga de establecer medidas preventivas que eviten o seua deterioro, así como o dos hábitats e dos núcleos poboacionais das especies para as cales foi designada. Este artigo é o cerne do Plan Director e sobre o que xiran os debates a respecto das limitacións, ou prohibicións, das actividades humanas nas superficies protexidas.
As actuacións de uso e explotación dos recursos, neste ámbito capitalista que exprime os recursos naturais e a cidadanía, están baseadas no egoísmo individual e promocionan a indiferencia global ante un ben colectivo como é a defensa dos espazos naturais comúns.
Esta dinámica que comezara limitarse nas políticas ambientais do goberno bipartito, por moi tépedas que foran consideradas dende o movemento ecoloxista galego, volven ao seu punto de partida co goberno actual (diminución das limitacións construtivas no litoral, diminución das franxas preventivas para os lumes, promoción de parques eólicos e plantas acuícolas en espazos protexidos ou protexibles, etc), caracterizado polo seu entreguismo en temas ambientais na máis pura liña neoliberal, rebaixando aos mínimos as xa insuficientes medidas ambientais recollidas nas directivas europeas.
Por tanto, o Plan Director da Rede Natura 2000 en Galiza, non serve absolutamente de nada se, primeiro, non se amplían as zonas que deben ter a catalogación de Rede Natura e, segundo, non se concretan os límites que garantan a conservación deses espazos para manter a diversidade e a riqueza do noso país.
Neste debate sobre os espazos protexidos temos que lembrar que non somos os donos do mundo en que vivimos senón meros administradores que temos que render contas diante das xeracións futuras, a pesar de que as obrigas con elas son cada vez menos vinculantes, pois o presente camiña cara a un futuro cada vez máis distante.