Quere participar? Cumpra o impreso

Quere participar? Cumpra o impreso

A participación cidadá está na boca de todos os partidos, cando só falta un mes para a celebración dunhas eleccións municipais. Mais nos últimos tempos se teñen convertido, certas técnicas ou ferramentas que desde as administracións públicas se poñen en marcha, nun fin en si mesmo, en lugar dun medio.

Está ben crear espazos nos que a administración teña interlocución directa con entidades de sectores sociais concretos e que deste xeito poder definir políticas públicas máis eficaces. Estámonos a referir aos consellos sectoriais ou ao seguimento dun plano de actuación concreto. Estes organismos deben ser o menos burocráticos posíbeis e deben ter sempre a posibilidade de opinar dos temas importantes.

Téñense gastado moitos cartos públicos en crear redes, en facer foros de participación ou desenvolver todo tipo de obradoiros nos que se procuraba impulsar a participación nos concellos.

Moitos destes obradoiros non chegaron máis que a ter unha finalidade de entretemento, pois aínda que neles participa moita xente, estas persoas, rematada a actividade, non inician ningún tipo de iniciativa, nin se involucran, en ningún tipo de asociación das xa creadas, nin constitúen ningún tipo de grupo non formal para a realización dalgunha actividade.

Isto lévanos a pensar que a creación de espazos para a participación non asegura a participación efectiva da cidadanía. Sen esta participación efectiva en todo tipo de entidades e con traballo colectivo é imposíbel cambiar a realidade.

O individualismo e a despolitización están levando a nosa sociedade a pensar que un individuo, desde a cadeira da súa casa, e só con un click, vai cambiar as cousas. Neste caso, de novo, convértese o medio en fin. Desde logo, e así se está a demostrar en diferentes partes do mundo, as redes sociais teñen axudado en moitas ocasións á difusión de propostas promovidas por movementos populares.

A transformación social desde os concellos ten que ser entendida como a promoción e impulso de entidades sociais, poñendo os concellos como ferramentas útiles para facilitar a autoorganización dos veciños e veciñas, único xeito de transformar a realidade.