Que parva que eu son ...

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
Que parva que eu son ...

Hai moitos anos, non é de agora, que sabemos que a economía non está ao servizo das persoas. Moi ao contrario, hai moito tempo, por non dicir dende sempre, que sabemos que as persoas están ao servizo da economía e que o credo repetido ata a saciedade de que o obxectivo de todo e de todos é obter o máximo de beneficios hoxe convertiuse nunha verdadeira escravitude para as persoas.

O mesmo sistema que nos ensinou que a xente é para os seus coches, os seus chalés, as súas televisións e os seus sofás, que o ter está por enriba do ser, é o que agora nos impón un tempo de supervivencia pura e dura. A poboación en xeral está pagando a un altísimo prezo os desmáns duns poucos e as políticas sin rumbo da dereita e da socialdemocracia.

Pero hai un segmento poboacional que coñece, e sofre fortemente, por primeira vez unha crise financeira, económica e social. É a actual xeración de xoves, a mellor formada da nosa historia, a única que, dende a segunda Guerra Mundial vai vivir pior que os seus pais. Na Galiza, máis de 53.000 en paro e, destes, máis da metade con titulación superior. Unha xeración que non sabe, nin de lonxe, de estabilidade laboral e sí moito de falla de emprego, precariedade e falla de expectativas.

Son mozos e mozas retratados e identificados perfectamente na demoledora canción do grupo portugués Deolinda, "Parva que sou", que, nas pasadas mobilizacións de marzo naquel país, convertiuse no seu himno: "Son da geraçao eu-já-náo-posso-máis, que esta situaçao dura há tempo de máis!. E fico a pensar que mundo tan parvo onde pra ser escravo é preciso estudar". Unha canción que sintetiza as sensacións dos que cando miran para adiante só ven un futuro sen esperanza e que cantaron en distintas cidades lusas nun número superior aos 300.000 para reclamar atención e solucións.

Nun país hoxe intervido, onde o paro xuvenil é de máis do 22% e onde todas as previsións son desoladoras óptase, de novo, por socorrer á banca e ao empresariado en contra de non só non investir en mellorar o ensino senón en acelerar as privatizacións e recortar os salarios dos traballadores e traballadoras. Óptase, de novo, por reformas "estruturais" co obxectivo de evitar gastos e facer da educación un elemento cada vez máis vinculado aos intereses empresariais. Todo isto non nos é alleo.

Na Galiza hai unha importante cantidade de persoas entre os 18 e os 35 anos que se ven obrigados a estudar e traballar e que deben escoller ou, simplemente, non estudar para traballar no que sexa e como sexa. As súas familias dificilmente poden soportar apoialos debido ao seu alto endebedamento en moitos casos e á perda do posto de traballo en moitos outros. Aquí temos tamén un gran número de núcleos familiares con risco real de desmembramento e onde os principais prexudicados son eses xoves que aínda se están formando.

Unha das consecuencias máis devastadoras desta crise para a xuventude é o caer no pesimismo da falla de expectativas de futuro, de ver irremediábel a precariedade laboral, de pensar que non se pode facer nada. Podemos sumar a isto as explicacións simplistas que calquera caste de tertuliáns e gurús nos dan da situación actual e tamén a crise de valores do capitalismo exemplificada na competitividade, o egoísmo, o individualismo e o consumismo. O resultado final, ¡ollo!, pode situarnos diante dun perigo real: Que o fascismo calle entre a mocidade como saída ás súas frustracións. E os discursos en contra da clase política en xeral que hoxe escoitamos, da magnificación do apoliticismo, da criminalización do público e da trascendencia do persoal, do individual, sobre o colectivo que mesmo moitos representantes políticos fan a diario, non son máis que potenciadores da eliminación ou anulación mental dunha xuventude potencialmente combativa.

O apoio e a participación nas mobilizacións sociais faise hoxe máis necesario que nunca, principalmente naquelas que teñan como obxectivo evitar a destrución de postos de traballo e nas que tenten respostar a este control social abafante e a este intento de anestesia xeral da cidadanía. As que comezaron nos países árabes, que se estenderon a Europa (Grecia, Irlanda, Inglaterra, Portugal ...) e que albiscaron recentemente no estado español non poden quedar aí, teñen que ter consecuencias porque a xuventude, os traballadores e traballadoras desesperados non temos a culpa do colapso financeiro.

Cando despois desta orxía capitalista que aínda continúa (o último exemplo é ese agasallo de 450 millóns de euros que se van facer os directivos de Telefónica despois de anunciar un ERE que afecta a máis de 5.500 traballadores, o 20% da súa plantilla) se nos sigue pedindo aos mesmos que aceptemos traballar menos horas, cobrar salarios inferiores ou empeorar as nosas condicións de traballo. Cando se nos seguen recortando brutalmente dereitos sociais é, precisamente, cando con máis forza debemos reaxir, cando máis activos socialmente debemos estar e cando máis formación política e no plano ideolóxico debemos procurar. Xustamente esta formación é a que nos vai permitir, cando esta situación toque teito, xerar a cohesión e a organización necesarias para cambiar o modelo e poñer, por fin, ás persoas por enriba dos beneficios empresariais.