Primas e primos
Asistimos estes días ao Mundial de Sudáfrica. Queiramos ou non, pois ocupa as televisións, xornais e radios. Vaia por diante que a min o fútbol gústame e que me deixo atraer facilmente por todo o que teña que ver co Mundial. Tamén é verdade que acaba facéndose un pouco pesada tanta información en moitos casos de moi baixa calidade e que en diversos medios e ocasións acaba sendo dun exacerbado patriotismo vulgar que consegue un efecto repulsivo na posíbel simpatía cara á selección da federación española de fútbol, tamén chamada selección española. Este nacionalismo españolista vai medrando sen mesura sobre todo cando as cousas lle van ben á selección española e as expectativas son boas. Nisto teño que agradecer o resultado do primeiro partido ante Suíza, que axudou a acalmar aos fervellos e rebaixou o nivel de grandeza imperial da "nosa" selección, pois neste estado só temos dereito a unha selección nacional, malia que cando lles interesa -especialmente ao falaren de cartos e de democracia interna- lémbrannos que a selección non é de todos, senón que é da federación española, e que esta é unha sorte de empresa privada monopolista, que se é necesario se subvenciona con cartos de todos, pero que logo os administra como lle peta.
O continuo machaque dos medios de comunicación exacerbando a "selección nacional" e os valores patrios fan moi difícil o achegamento e a simpatía que malia o noso pensamento e sentimento nacional galego poderiamos ter pola selección do estado no que estamos inseridos. Cando se participa nunha competición deportiva, aínda que sexa como telespectador a miles de quilómetros de distancia, cómpre tomar partido por alguén, e se conseguimos illarnos de moitos aspectos que conforman os combinados das diferentes federacións de fútbol, e se procuramos ter simpatía por alguén e non ser negativos e só pensar ir contra alguén, é difícil evitar incluso racionalmente certa proximidade coa selección española. Podemos dicir que preferimos que gañe un equipo africano -está ben- ou de calquera país "desfavorecido"; ou apoiar ao Portugal de CR9. Pero quen son os "pobres"? Os xogadores desas seleccións? Todos eles son ricos multimillonarios. Tal vez o descoñecemento das realidades desas seleccións e deses estados nos permitan un achegamento emocional que nunca racional. Mentres gran parte da cidadanía deses estados está sumida na miseria e na ignorancia, con escasas ou nulas posibilidades de desenvolvemento, o fútbol representa a exaltación da emoción, a alienación absoluta en termos humanos e económicos: na súa selección vense proxectados e nada desexarían máis ca eles ou os seus fillos (só para homes, claro) foran como eses futbolistas que os "representan". En palabras de Samuel Eto'o: "Correrei como un negro para mañá vivir como un branco". Cando hai xa uns anos estiven nos campamentos do Polisario en Alxeria, nesas durísimas condicións para sobrevivir, moitos nenos levaban a camisola do Real Madrid e a xente seguía a liga española nas arcaicas televisións que con dificultade collían algún sinal.
Un editorial de hai uns días do xornal máis lido no estado español titulábase: "Las primas de la selección no saldrán de nuestro bolsillo". Referíase aos 600.000 euros que recibirá cada xogador se gañan (gañamos?) o Mundial. E eu que de cativo pensaba que os xogadores ían á selección do seu pais por amor e orgullo, e que xa o simple feito de iren e dalo todo pola patria era premio máis que suficiente! Claro que tamén pensaba que sentían as cores das camisolas que vestían. E agora resulta que o Marca me explica que a Federación Española é un "ente que gestiona el equipo nacional" e que os xogadores son xenerosos porque renunciaron a outros suculentos beneficios porque se sentían mal por isto da crise, e que parece ser que eles son profesionais de elite e que o campionato do Mundo é unha competición profesional, e claro como non van cobrar! Non lles chega con suar a camisola do seu país! Será que non cobran dos seus clubs estes días que están xogando coa selección? A verdade é que así e doado entender que calquera xogador, sexa ou non nacionalista, queira ir á selección. (O Marca di que isto que estou eu a facer agora é utilizar a vía da demagoxia e o tremendismo.) E para rematala, o Marca dinos que ás alegrías que nos dá a selección non se lles pode por prezo, que para algúns pode ser a única non ano durísimo... (Isto non debe ser demagoxia, mirarei de novo o diccionario.)
Iso si, logo sabemos que os club0s de fútbol profesionais deben actualmente (lembremos que xa foron amnistiados noutras ocasións) 632 millóns de euros á Axencia Tributaria e á Seguridade Social. Ou que Mourinho ficha polo Madrid por 10 millóns de euros anuais. En plena crise. E fálase disto con naturalidade.
O equipo de elite do baloncesto feminino galego, o Celta Indepo, sexto nesta última liga, cun presuposto total de 800.000 euros, cada ano está a piques de desaparecer por non poder manter o presuposto, e este ano ten que renunciar a xogar na Eurocup por que non consigue os 100.000 euros adicionais que precisa para xogar en Europa.
Non quero poñer un cuestión neste artigo a importancia do deporte -fútbol incluído - na nosa vida e desenvolvemento persoal e social, tanto a súa práctica como o seu seguimento. É claro que o fútbol non é o culpábel da súa instrumentalización interesada e mercantilista, que o converten na nova relixión, e que fan del máis ca un deporte un dos negocios máis lucrativos a escala internacional, e que grazas aos medios de comunicación traspasa todo tipo de fronteiras e constitúe o pan e circo da era global.
En fin, que hai primas para algúns que dun xeito ou outro pagamos os primos. Mais... como din os seus máximos teóricos: "o fútbol é fútbol!"