Porque estamos fartas de sermos unhas colonizadas
Estaba mergullándome nas redes sociais, un quefacer que se converteu en hábito, cando atopei unha páxina chamada "hartas. net". De súpeto, viñéronme á cabeza un senfin de pensamentos, emocións e sentimentos que me invaden nos últimos tempos. Unha búsqueda incesante de respostas e unha ausencia de xestos, comportamentos e palabras sinceras cara ao establecemento de relacións igualitarias polas que as mulleres levan séculos loitando, individual e colectivamente. E atopo todo o contrario. E non no ámbito xa esperable da dereita, ou doutros partidos, senón tamén na que considero a miña casa, no nacionalismo galego. Reprodúcense os mesmos prexuízos, estereotipos e unha falta de sensibilidade apodérase daqueles/as que se atopan en cargos decisorios ben sexa institucionais ou de carácter orgánico. E desde logo, tamén nas bases. Evidentemente, que todas e todos somos un reflexo do que acontece na sociedade. Agora ben, as persoas que formamos parte dese movemento político transformador deberamos ter outros posicionamentos e actitudes acordes coa ideoloxía que pregoamos. Manter en todo momento esa sensibilidade e humanismo cara ás persoas oprimidas.
E todo isto ven a conto, polo seguinte. Os debates danse sempre nos mesmos termos. Primeiro mantense unha actitude politicamente correcta. Mais isto non se mantén até o final. Como no conto da carapuchiña o lobo sae fóra, e desvélase, e o seu pensamento vén a ser o mesmo que o daquelas persoas ás que pretendemos derrubar, aquelas contra as que combatemos na nosa actividade política diaria.
E remítome a feitos concretos para que isto resulte máis intelixible.Nas mobilizacións do movemento 15 M, ao tentar pendurar unha pancarta baixo o lema "a revolución será feminista ou non será" foi obxecto de apupos, críticas... e abriu un longo debate, que por outra banda contribuíu a que a perspectiva de xénero teña presenza nos debates que se están a introducir.
A adquisición de responsabilidades de goberno polo nacionalismo tamén levou a que se cuestionara a necesidade de elixir á área de Igualdade xa que non daba moitos réditos. Quen afirma isto, pouca idea ten de gobernar,ou polo menos de gobernar para todas e todos. Non teñen a necesidade de saber, de coñecer, de entender por que. Os que non saben nada cren sabelo todo. As concellarías de Obras, de Urbanismo, de Medio Rural, sempre parece e cren algúns que dan máis xogo e máis proveito electoral. Mais, a concellaría de Igualdade, como eixe de traballo, debería ser transversal (aínda que non o é na maioría dos concellos e administracións). E iso, a nivel práctico, serviríamos para poder facer política urbanística desde unha perspectiva de xénero. Á hora de elaborar un plan de urbanismo debemos ter en conta, que tipo de plan queremos. Un plan onde se contemplen as necesidades de toda a poboación, un plan que faga unha vila, unha cidade habitable, .....cidades non só para a xente, senón contando coa xente, nun proceso de construción colectiva. O urbanismo inflúe directamente no acceso que as persoas e os grupos sociais teñen aos lugares de emprego, equipamentos e servizos; na comodidade no uso destes e na necesidade do trasporte para acceder a eles. Como di a arquitecta Inés Sánchez de Madariaga "A invisibilidade e escasa valoración do traballo reprodutivo, até hoxe maioritariamente feminino, impide ás persoas que traballan no campo profesional do urbanismo ver as necesidades específicas das mulleres na cidade"
Tamén podemos facer políticas dirixidas á mocidade, á terceira idade, no ámbito cultural, no desenvolvemento económico... Xa que as mulleres son mozas, maiores, desempregadas ou emprendedoras, pertencen ao medio rural, fan deporte, gozan das actividades de lecer ..... Desde a igualdade poden facerse moitas cousas. E xa estamos fartas de escoitar os compañeiros da organización como "agora que imos ir de feministas,,", "a área de igualdade non nos sirve para nada"..... Así que exerzamos un pouco de pedagoxía á hora de traballar, e comportémonos como persoas cautas á hora de falar. As contradicións deben servirnos para avanzar, para deconstruír e profundizar nese outro horizonte, o das vidas de mulleres libres en pobos liberados.
Porque non queremos ser por máis tempo cidadás de segunda categoría.Porque estamos fartas, de
- Cobrar peores salarios que os homes, e de ter contratos laborais en peores condicións....
- Que a representación feminina en postos de poder sexa inferior á masculina. Queremos xa, máis mulleres na Real Academia Galega, e nas alcaldías, e máis concelleiras, e presidentas de clubes deportivos...
- Das estupideces do Director da Academia de Historia, da CEOE e dunha recua máis...
- Dedicar máis tempo ca os homes ás tarefas do fogar e dos coidados.
- Das violencias que soportamos, rematando en asasinatos que xa observamos con total normalidade.
- Que se nos siga a tratar como obxectos sexuais na publicidade.
- Das series televisivas onde nos venden como mulleres liberadas e independentes como "Sexo en Nueva York". E a mensaxe final, sempre ven a ser a mesma: todas as mulleres agardamos ser salvadas.
- Que se nos exclúa no uso da linguaxe. Xa que para algúns o uso dunha linguaxe non sexista son "lerias".
- .....
Tomaremos a imaxinación como motor nas nosas accións, como sempre o fixemos. A imaxinación é o posíbel, aínda que tarde anos ou séculos en verificarse. Acumulemos a experiencia pasada, transformándoa cara ao futuro en novas formas. É o xogo dialéctico da imaxinación. Como dicía fermosamente, Eva Forest "Non deixemos de empregar a imaxinación para todo, é como unha lanterna que alumea escuras parcelas posibilitando a apertura de novos camiños aí onde avanzar parecía imposíbel".
E como estamos fartas e supoño que tamén hai fartos desta situación, debemos continuar con esta revolución pacífica de cambio de mentalidades, de conciencias. Temos que subverter a orde establecida! Temos que botar fóra os medos, os silencios! E prohibido sermos permisivas! Habemos ser máis esixentes que nunca!
Porque estamos fartas de sermos unhas colonizadas!