Por que atacan tanto o BNG?
Hai unha forma tópica e convencional de responder á pergunta que dá título a este artigo: está na natureza das cousas que unha forza política sexa atacada polos seus adversarios. De acordo, mais aquí non se trata de saber por que se ataca o BNG, senón de estabelecermos porque se ataca "tanto". E asegúrovos que a pergunta non se fai desde nengunha posición defensiva, senón desde a pura obxectivación da realidade e do mapa político galego. E nese sentido a evidencia empírica é incontestábel: o BNG é moito máis atacado que as demais forzas políticas do arco parlamentar.
Será que o BNG é máis ruín, máis susceptíbel de merecer desaprobación, zunia ou desafecto? Será que as outras forzas políticas, val dicir, os partidos de obediencia española, son, pola contra, modelos de virtude e, por tanto, só susceptíbeis de seren albo das inevitábeis críticas sectarias?
Eu son nacionalista, así que aquí non milito na neutralidade e podo anticipar unha tripla resposta á pergunta de por que se ataca tanto o BNG. É por estas razóns: por ser unha forza política nacionalista, anti-imperialista e democrática. Esa tríada de elementos -defensa do pobo propio, dun mundo baseado nas relacións en pé de igualdade e da participación das clases populares nos asuntos públicos- é absolutamente indixeríbel para aqueles que detentan o poder no capitalismo real. Vexamos por que.
Defensa do pobo propio. Para comezar, os pobos non existen, de acordo co pensamento liberal-hexemónico. Existen só os individuos e os Estados-Nación. Os pobos son un estorvo para o proceso de concentración-acumulación do capital. Foi así no século XIX, cando se produciu a unificación do mercado-España, e é así no século XXI, cando se produce a unificación do mercado-UE. Os Estados-Nación (un Estado, unha Nación) si son funcionais, como represores da diversidade nacional que neles se conteñen. O BNG é, por tanto, obxectivo preferente de aqueles que se lucran coa reprodución ad nauseam dun statu quo uniformizador e hierarquizador, segundo o principio marxista do desenvolvimento desigual e combinado do capitalismo (a transferencia de riqueza sempre é da periferia cara ao norte, das clases populares cara ao capital).
Defensa dun mundo baseado nas relacións en pé de igualdade. Isto é un anatema para aqueles que parten dunha ideoloxía depredadora. A única lei que impera é a da selva. A lei non é igual para todos porque non hai igualdade nen pode habela baixo o capitalismo real. Non só o Imperio esmaga a legalidade cando ataca Iraque, tamén o fan todos os días as súas terminais de Rabat e Tel Aviv cando oprimen a saharianos e palestinianos. Os que aceptan mansamente este estado de cousas son obviamente adversarios do nacionalismo galego. Aquí a censura xoga un papel estelar: xa se sabe que o pobo galego non pode ter unha opinión propia sobre o que pasa no mundo.
Participación das clases populares nos asuntos públicos. Ou sexa, democracia. A democracia, mesmo a formal, está a ser violada permanentemente polos oligarcas financeiros. Historicamente o capital só aceptou a versión elitista da democracia. No momento en que as contradicións do sistema se agudizan, os reflexos autoritarios e antipopulares automatízanse. O pobo non pode ser o que máis ordena. O pobo non entende de macroeconomía. O pobo hai que poñelo a traballar (ben, non a todo, hai que deixar no paro sempre a miles de persoas para que estean dispostas a venderen a súa forza de traballo a un prezo máis baixo). Os autoritarios e os oligarcas atacan despiadadamente o BNG, non vaia ser que o seu exemplo se espalle.
Nacionalismo, anti-imperialismo e democracia son os trazos definitorios da ideoloxía das e dos patriotas galegos desde Rosalía até o noso tempo. Frente a iso, téñense situado fenómenos ideolóxicos de todo tipo, desde as diversas variantes do fascismo até o dereitismo españolista pasando polo cosmopolitismo globalizador, todos eles unidos por un elo común: a negación de Galiza como pobo, o elitismo antidemocrático, a aceptación do Imperio e a subordinación da política aos intereses oligárquicos.
En Galiza, en suma, a dialéctica real dáse entre unha forza política xenuinamente democrática e un bipartidismo español que é a estrutura política da clase dominante. A democracia só interesa aos dominados. Os dominantes non queren submeter a votación o fin da súa hexemonía. Nese sentido, interesa muito ver como determinados sectores atacaron despiadadamente o recente proceso interno de escolla de candidaturas municipais nas cidades por parte do BNG. Se o PP dixitaliza desde un órgao provincial o seu candidato en Oleiros -e portanto as afiliadas e os afiliados dese partido nese concello se inteiran do nomeamento pola imprensa-, o pensamento convencional nen se inmuta: o proxecto elitista é así. Se o PSOE anuncia desde Madrid o seu candidato para as eleccións galegas de 2013 xa a 3 anos vista, o pensamento convencional nen arquea as cellas: a democracia é un engorro, un artefacto antediluviano. O moderno, o funcional, o que lle acae ben á sensibilidade e o funcionamento dos mercados financeiros, é a designación dos candidatos, non a súa elección. Desígnanse polo mesmo procedimento que se nomea a un conselleiro delegado. Se non hai democracia nas empresas do IBEX-35, por que había de habela nos partidos que xestionan os intereses desas compañías?
O problema, por tanto, é o BNG. Molesta porque é alternativo, porque a súa propia existencia lembra que non é necesario que as forzas políticas funcionen como as grandes corporacións financeiras. Demonicémolo pois. Onde hai debate digamos que hai confrontación. Se hai contraste digamos que hai división. E sobre todo digamos que non funciona, que ten unha tara, que hai que refundalo. Non, non o capitalismo, que agora Sarkozy xa recuou. Non, eles refírense ao BNG. Digamos que non se adapta ás necesidades e demandas cambiantes da sociedade. Convertamos o BNG no problema de Galiza. O problema non é termos un goberno inane e sen ideas en Santiago e un Executivo en Madrid que funciona como unha sucursal do Bundesbank. Non, o problema é o BNG e o seu frentismo, e o seu asemblearismo e o seu debate...
A democracia é sempre máis complexa de xestionar que a plutocracia, que é o modelo ao que o capitalismo maduro nos quer abocar. Pero tamén é moito máis edificante e, ao medio e longo prazo, socialmente máis eficiente e, desde logo, igualitaria. Na plutocracia manda o diñeiro e a política é só representación teatral. Na democracia o pobo ten a última palabra. Así é no BNG, pobo galego politicamente organizado. Por iso os plutócratas -sexan dereitistas de toda a vida, sexan cosmopolistas de retórica progre e práctica neoliberal- disparan toda a súa artillaría contra o nacionalismo galego. Porque o ven como un perigo certo para a súa hexemonía. Porque detectan nel un corpo estraño, inasimilábel.
Aqueles que acreditamos que o nacionalismo non é o problema, senón a solución, debemos, pois, afortalar o BNG e reforzarmos a unidade entre nós, que é xusto o que a inmensa maioría das galegas e dos galegos potencialmente afectos ao nacionalismo están a agardar.
O BNG só incomoda aos poderosos porque é a antítese do seu proxecto de dominación. Todos aqueles que non son xenuflexos ante os oligarcas están, pois, obxectivamente interesados en que o BNG avance.
Por que atacan tanto o BNG? Recapitulemos: porque defende o nacionalismo, o anti-imperialismo e a democracia. Porque é a forza política na que se organizan miles de galegas e galegos no camiño da súa emancipación nacional e social. E sobre todo porque é a proba evidente de que aínda hai esperanza e de que hai alternativa.