Pola República Galega!
Hai xa máis de trinta anos, o 27 de decembro de 1978, o Rei de España Juan Carlos I sancionaba diante das Cortes a Constitución Española. Este texto, elaborado apenas tres anos após a morte do ditador, por moitos dos que xuraron gardar lealdade a Francisco Franco e aos principios do "Movimiento Nacional", convertíase no armazón xurídico-político do Estado español. Negaba -e nega- a existencia das nacións dominadas ("A soberanía nacional reside no pobo español, do que emanan os poderes do Estado", artigo 1.2), impuña -e impón- de xeito fanático, sectario e profundamente antidemocrático a nación española mentres anula outras como a galega ("A Constitución fundaméntase na indisolúbel unidade da Nación española, patria común e indivisíbel de todos os españois", artigo 2º), outorgáballe -e outórgalle- ás forzas armadas españolas a misión de "defender a súa integridade territorial" (artigo 8.1) diante de calquera tentación secesionista, e concedíalle -e concédelle- ao Rei de España (no seu Título II) prerrogativas absolutamente medievais, na súa condición de "símbolo da unidade e permanencia de España", como as de declaración de guerra, convocatoria de referendos, sanción e promulgación de leis, convocatoria de eleccións e disolución das Cortes, propor candidato á Presidencia do Goberno, e outras lindezas de carácter similar.
E é esa mesma constitución, non nos enganemos, a mesmiña, no seu artigo 143º, quen recoñece a existencia de comunidades autónomas, conformadas por "provincias limítrofes con características históricas, culturais e económicas comúns (...) e provincias con entidade rexional histórica". Nasce aquí o que logo se traduciría en Estatuto de Autonomía de Galiza, en 1981, o mesmo que arrastramos (e padecemos) até hoxe mesmo. Isto é, un marco autonómico subordinado constitucionalmente dende a súa xénese a España, ás súas institucións e á Coroa. Algúns chámanlle a esta criatura deforme "autogoberno".
En coerencia cos seus principios, o nacionalismo galego rexeitou o "novo" marco e realizou naquela altura histórica unha intensa campaña social con tal motivo. Non cabía inxenuidade: Os poderes do Estado español non pretendían co sistema autonómico ningunha democratización da estrutura territorial, senón a utilización do mesmo como freo ás lexítimas aspiracións dos nacionalismos galego, basco e catalán. Nin máis nin menos. Fronte ao dereito de autodeterminación, autonomía administrativa (que non política) na súa versión máis uniformista, delegada, dependente e submisa. Velaí a operación, que continuou despois coa homologación política práctica de nacionalidades históricas e rexións reconvertidas en autonomías. Este é o retrato do que o nacionalismo galego definiu no seu día como farsa autonómica.
Pasaron xa máis de 30 anos. Hai quen cre agora que a autonomía foi unha conquista e non unha cesión, e que nos equiparou aos países máis desenvolvidos da Europa. Esquecen, se cadra, que Galiza tiña máis poboación en 1981 que no 2011. Que o declive poboacional fai que nese periodo só en 15 dos 315 concellos galegos o número de xente nova supere o de vellos. Foi este o período no que se produciu o maior avellentamento e despoboación da historia de Galiza. No que se desmantelaron sectores produtivos chave na nosa economía nacional. Por suposto, agora hai máis telemóveis, facebook e tamén TDT. Debe ser ese o seu modelo de democracia. Mais as desigualdades co resto do Estado, tamén neste período, están á vista: en salarios e pensións, mais tamén en vivendas en pior estado e con menos servizos, con menor depuración de augas residuais, con pior tratamento do lixo, con estradas de pior calidade, con pior subministración de auga potábel, pior alumeado público, con piores equipamentos sanitarios, con piores taxas de analfabetismo. E podemos seguir. Gañamos, iso si, en produción de enerxía eléctrica, que en boa parte acaba expatriada. Non toda a responsabilidade do proceso descrito radica na propia autonomía, mais si é evidente que ten moito a ver coa carencia dun auténtico espazo de libre decisión na Galiza, que a autonomía non proporciona.
Seguimos a pensar que, contodo, esta castigada nación ten recursos, potencialidade e riqueza, aínda que expoliada ou cercenada. Que é posíbel xerar desenvolvemento e postos de traballo. Que temos futuro. Mais cumpre para iso contarmos con instrumentos políticos propios e reais, non simbólicos, ao servizo do país, non de intereses e estratexias alleas. O nacionalismo galego non é só sentimento ou emoción. É, sobretodo, acción, vangarda e conquista de estatus político para o país. A autonomía non vale. Non chega. A autodeterminación, si. E hoxe, malia á ideoloxía dominante, o moderno e innovador, o necesario, é a reivindicación, para Galiza, dun Estado libre, republicano, democrático e popular.
A República galega. A nosa. Non a española. Coa nosa bandeira, non coa española, nin monárquica nin republicana. Tampouco son referencia nin modelo para nós repúblicas como a norteamericana, a francesa ou a israelí. Nós queremos a nosa. Democrática e popular. Con orgullo. A reivindicar por razón de dignidade, mais tamén por necesidade. Para termos futuro.