Peñazo de Peñón


Comecemos cunha anécdota que transcorreu nun mesón de Vigo onde, ao ouvir falar por telefone en inglés o meu amigo coruñés, con quen antes estivera a charlar en galego, o camareiro comentou: “Que raro! Un inglés que habla gallego”. Eu respondinlle: “Non, el é da Coruña. Eu son inglés.” Cal foi a miña sorpresa ao recibir por réplica: “Gibraltar es español!”.

A poucas semanas do Día Nacional de Xibraltar, que cada 10 de setembro conmemora o primeiro referendo sobre a soberanía do Rochedo, celebrado en 1967 e no que o 99,64% do eleitorado rexeitou pasar a formar parte do Estado español, o goberno español de Rajoy, fiel á súa herdanza ideolóxica, desafiou o seu homólogo británico nunha nova tentativa de reavivar o conflito desencadeado no seu día por Franco a respeito do status do promontorio.

Que non se me mal interprete: non por nacer no Reino Unido vou defender que Xibraltar sexa británico. Tanto me ten persoalmente que Xibraltar estexa sob a tutela da raíña de Inglaterra ou o rei de España, ou mesmo plenamente independente, sempre cando esta decisión a tomar o pobo que afecta. Así, en consonancia coas miñas conviccións comunistas e patrióticas, non podo menos que acreditar no dereito dos pobos a se disporen deles proprios, sen inxerencias ou presións externas de calquer tipo.

E o certo é que, pese a quen pesar, así o fixeron en varias ocasións @s llanit@s, máis recentemente no referendo de 2002, cando a case totalidade d@s votantes (98,9%) reiterou a súa determinación de non integrarse nunha das rexións máis pobres do Estado español. Caso se repetise a consulta hoxe, dez anos máis tarde, atrévome a pensar que os resultados non variarían moito. Mais, como sempre, cando a vontade expresa do pobo non concorda cos designios do goberno español, este non dubida en cualificar a consulta de ‘referendo ilegal’, como fai tamén no caso da Catalunya.

O que me molesta en toda esta historia é a camándula. Ante todo, a notoria aplicación sistemática de dous pesos e dúas medidas cando se trata da cuestión da ocupación española de Ceuta e Melilla, xunto coas outras posesións españolas reivindicadas polo monarca alauí como parte de Marrocos, aínda que, por razóns obvias, os cargos do PP máis directamente afectados non concordan coa comparación.

Por outra banda está o tema das violacións ecolóxicas que o ministro Cañete acaba de descubrir e denunciar. Primeiro está o caso do ‘arrecife artificial’, visibelmente relacionado coa construción dun espigón vinculado á especulación inmobiliaria. Para alén de se preocupar polo impacto sobre o ambiente mariño, o ministro tamén se indigna polos danos que podería causar á pesca na zona. Algo disto deben saber el e o resto da cúpula do PP, dado que levan xa décadas destruíndo progresivamente a pesca galega sen o máis mínimo escrúpulo e en plena conivencia cos ditados da UE, como veñen denunciando o BNG e CIG-Mar desde hai tempo.

Non lle quito razón no caso do denominado búnkering ou armacenamento e abastecemento de petróleo no mar que se practica no estreito, ecoloxicamente indefendíbel desde calquer punto de vista e criticado desde hai tempo por organizacións ambientais, por exemplo Ecologistas en acción, que xa falou do tema en 2006.

Tardar ben tardou o Cañete en darse conta do problema que agora disque seica tanto lle preocupa. Antes tarde do que nunca? Pois non! Non é máis que unha cortina de fumaza detrás da cal se agocha un partido que goberna en España e na Galiza sen a máis mínima autoridade moral para dar leccións de ecoloxismo e cuxa política foi responsábel, directa ou indirectamente, da catástrofe do Prestige, a Lei de costas, os proxectos de megaminaría de ouro a ceo aberto e con cianuro en beneficio dunha multinacional estranxeira, e a (evitábel) traxedia dos incendios florestais que acaban de destruír case por completo o Monte Pindo a pesar das advertencias hai xa un ano de ADEGA, que anunciaba cal ía ser o resultado da nova Lei de montes.

Que este PP que só mira polo máximo lucro duns cantos privilexiados e achegados a calquera custo pretenda erixirse en baluarte do ecoloxismo provocaría o riso se non fose tan noxentamente descarado. O que realmente molesta o goberno español non é o que fixeron os británicos en Xibraltar, mais o facto de que non o puideron facer eles pola súa conta. Tanta hipocrisía e nin se ruborizan!

Como non podía ser menos, a represalia diplomática do goberno de Rajoy non se fixo esperar e estivo á altura dos estragos para a economía española local que causou Franco cando pechou La Verja en 1969. En palabras da alcaldesa do municipio fronteirizo de La Línea de la Concepción: “Esta actitud es más propia de gobiernos dictatoriales que de demócratas. Lejos de perjudicar a quien se pretende, es decir, a los gibraltareños, a quienes están perjudicando principalmente es a los cientos de turistas españoles venidos de otras provincias que se encontraban en el Peñón y que, sin previsión alguna, niños, mujeres, ancianos, se encuentran sometidos a más de cinco horas de espera en una cola”. Chapó!

As verdadeiras razóns do ‘conflito’ provocado intencionadamente nada teñen a ver con supostas preocupacións ecoloxistas. E o xogo vén moi ben tamén ao Reino Unido, que, cun claro afán provocador, organizou con ocasión dos 60 anos de reinado da raíña de Inglaterra a proxección no rochedo dunha imaxe xigante da soberana visíbel só desde o lado español da fronteira. Manobras de distracción deste calibre non son nada novo: xa as vimos na Illa de Tura (Perejil) en 2002, en Badis Qumirah (Illote de Vélez de la Gomera) en 2012 e nas Malvinas en 1982, urdidas cada vez por un poder imperialista diferente, mais cos mesmos intereses en canto á explotación das clases populares internas.

Como na anécdota do principio, o destinatario destas manobras son as clases traballadoras, onde e o que se pretende é desviar a atención dos problemas internos reais. Queren que a Galiza mariñeira, labrega e obreira troque os seus tradicionais gritos de “Queremos traballar e non emigrar!”, “Mercado común europeo, ruína do pobo galego!” e “O público é servizo, o privado beneficio!” por “Gibraltar español!” ou “Catalanidad es hispanidad!”.

Tiñan toda a razón daquela e aínda hoxe Fuxan os ventos cando cantaban:

Homes de tempos perdidos,
ti, labrego, ti, obreiro,
ti gandeiro, mariñeiro,
poñéivos a camiñar!
Somos nós, e soio nós,
os donos do noso siño,
abrindo un novo camiño
na busca da libertá!

Así que a nós non nos enganaredes, Señores Rajoy, Feijóo e compañía! O nacionalismo galego ben sabe que o único que queredes é confundir e distraer o pobo para seguirdes a explotar e espoliar a Galiza. Mais tamén sabemos cal é a resposta: ofrecermos ao pobo unha verdadeira alternativa que parte do dereito a decidirmos por nós propri@s, ao reivindicarmos a soberanía nacional cara á construción dunha sociedade galega máis libre e xusta, a República Socialista da Galiza.