Para o exército español non hai crise

Para o exército español non hai crise

"Era como xogar a indios e vaqueiros, e os nosos mandos encargábanse de dirixir o xogo". Así me describía o seu labor un ex militar, carne de cañón, que viu no exército español unha oportunidade para acceder a un posto de traballo. "Nas manobras eran habituais os exercicios con lume real a carón de zonas protexidas, desembarcos en praias e mesmo voos rasantes sobre o pobo civil", narraba cun brillo nos ollos entre a nostalxia e a inxenuidade dun neno que "xoga á guerra" cos clicks dos Playmobil. A súa faciana e os seus ollos expresivos mudaban cada vez que lle preguntaba pola súa experiencia nos Balcáns. O silencio era a resposta. Mais non tiña reparos en admitirme que en moitas ocasións a unidade da que formaba parte preparaba manobras só co fin de gastar o orzamento. "Se quedaban cartos sen gastar, había que empregalos, de non facelo, ao ano seguinte recibiríamos unha asignación menor", explicábame. Desde aquela pasaron anos, mais as prácticas seguen a ser as mesmas: gastar ou gastar para non veren reducidos os orzamentos, uns orzamentos desorbitados, máis aínda en época de crise.

Malia retallar en gastos sociais coa xustificación da crise por bandeira, o Goberno central non se atreveu a meterlle a tesoira ao gasto militar. O orzamento inicial do Ministerio de Defensa para o 2011 ascende a 8.560,09 millóns, o que supuxo, segundo o Executivo, unha redución do 7%. Porén, por todos e todas é coñecida a falta de transparencia dos gobernos á hora de contabilizar o gasto militar. Para que nos fagamos unha idea, tendo en conta as partidas militares "camufladas" noutros ministerios (nomeadamente no Ministerio do Interior, no Ministerio de Exteriores e no de Industria), o gasto militar duplicaría a cifra oficial para o 2011, chegando aos 17.244,75 millóns. E é que o Goberno central, para disimular e facer pasar por menor a escalada militarista que sufrimos en tempos de crise, non computa no gasto militar oficial as clases pasivas militares, nin o Réxime Especial da Seguridade Social das Forzas Armadas (ISFAS), nin a Garda Civil, nin créditos de I+D e axudas militares nin os gastos derivados de organismos militares internacionais, entre outros.

O exército español conta nestes momentos cuns 3.500 soldados despregados en distintas misións, en Afganistán, no Líbano, en Libia, en Somalia e mais en Uganda. Xa sen entrar no cuestionamento deste tipo de "misións" nas que se ocupan os territorios, cómpre advertir que só retirando as tropas de Afganistán, do Líbano e de Somalia, o Estado español aforraría 750 millóns de euros. Uns case mil millóns de euros máis aforraría se eliminase o investimento en I+D+i da industria militar, ao igual que aforraría os 1.400 millóns previstos, segundo as contas oficiais, para o investimento en armamento. Tamén podería aforrar o Estado o gasto pendente do avión de combate Eurofighter -10.795 millóns de gasto previstos até 2024- ou os 1.353 millóns para 24 helicópteros de combate Tigre. Porén, o exército español é un dos estamentos intocábeis, ao igual que a industria militar, que é a única que sae beneficiada deste gasto esaxerado. E tamén son intocábeis para o PSOE, que prefire meterlle a tesoira ao gasto social que ao gasto militar, malia saber que alimenta vellos e novos conflitos armados e malia saber que reforza unha cultura da violencia.

Os países máis poderosos seguen a crear conflitos internacionais -para fabricar armas, hai que fabricar inimigos- nos que tamén participa o exército español, cos seus investimentos en tecnoloxía militar. É vergoñento e inxustificábel que o Goberno central impulsase a reforma laboral, a das pensións, reducise o salario aos empregados públicos, dese o primeiro paso para reducir o déficit baixo mandato constitucional... e á vez permitise gastos militares desproporcionados para que os seus militares "xoguen a ser indios e vaqueiros". Esta situación reflicte, unha vez máis, que a prioridade do Goberno central non pasa por corrixir as desigualdades sociais provocadas pola crise, senón por saciar as ansias dos mercados e dos poderes fácticos. Sen lugar a dúbidas, eu aposto pola blindaxe da seguridade dos homes e das mulleres gastando en benestar social e non pola blindanxe de carros de combate que só segan vidas humanas.