Os tempos distópicos son chegados: o avanzo silandeiro do fascismo

Os tempos distópicos son chegados: o avanzo silandeiro do fascismo

En 1985, a escritora canadiana Margaret Atwood retratou un apavorante mundo distópico no seu afamado romance O conto da criada que narra a terríbel sorte das mulleres de clase baixa condenadas a serviren para sempre de simples vasillas reprodutoras e cuxa sina se reduz a xeraren crianzas para as familias das elites. Salvo os matices teocráticos do libro, privar as mulleres do direito de exerceren o pleno do control sobre os seus proprios corpos, transformándoas en simples bens con que comerciar, ten hoxe un lamentábel reflexo na execrábel práctica dos ventres de aluguer. Esta prática legalizada e regulamentada en moitos Estados do mundo, incluída a Unión Europea, e que goza da total permisividade do Estado español, ten como consecuencia, por exemplo, a exploración de innumerábeis mulleres economicamente desposuídas na Ucraína, alugadas por familias endiñeiradas de países como os EUA, e cuxo drama se tornou coñecido à raíz da pandemia, co abandono de centos de bebés.

A obra de ficción mellor coñecida que debuxa unha sociedade cacatópica é, sen dúbida, 1984 do autor británico George Orwell. Xunto co seu libro A revolta dos animais, realmente non é máis do que un ataque trotskista apenas velado contra o comunismo soviético da época, razón pola que forma parte integral, non por acaso, do cánone literario de leitura obrigada nos países occidentais capitalistas actuais. Talvez o realismo da obra proveña de que o autor estivese familiarizado de primeira man co mundo da espionaxe política através da súa colaboración co Information Research Department, encargado de frear a influencia soviética dentro do movemento obreiro e para o cal Orwell elaborou unha listaxe de persoeiros considerados non o suficientemente anti-comunistas... Ora ben, para alén da cautela que se debe manter a respeito da obra de Orwell e tamén face à imaxe benévola e frívola que se nos proxecta intencionadamente mediante o epónimo reality show, a negra sombra do Grande Irmán orwelliano xa paira sobre nós.


A vixilancia electrónica é hoxe unha realidade innegábel que se espalla cada día máis, até esgueirarse sub-repticiamente en todos os recantos da nosa vida pública e privada e que conta inquietantemente coa aceptación táctica por parte da sociedade.

A comezar por unha escala talvez menor, xa aceitamos habitualmente e sen pararmos a lelas as condicións de servizo das aplicacións (app) do móbel, autorizándomos así a que empresas privadas espíen os nosos movementos e nosas accións diarias, sabendo o lucrativo que é a venda desta información valiosa, o novo ouro do século XXI. Lembremos, por exemplo, como a partir de 2014, a empresa Cambridge Analytica colectou informacións persoais de até 87 millóns de utentes co fin de influenciar a opinión d@s eleitor@s en varios países. Hai tamén quen consente desvelar sen pestanexar os detalles da súa vida máis íntima dentro da súa propria casa a troca da comodidade de non se ter que levantar dos sofá mediante dispositivos como Alexa que escoita e grava todo, 24 horas por día, sen o sabermos, xunto cunha ampla panoplia doutros aparellos intelixentes interconectados similares que xuntamente conforman a denominada ‘Internet das cousas’ que nos rodea.

Pasando às cousas a unha escala moito maior, tense acusado o goberno chinés de utilizar os postes intelixentes instalados en Hong Kong para monitorar e identificar mediante intelixencia artificial e recoñecemento facial as persoas que participan nas protestas organizadas polo auto-proclamado ‘campo pró-democracía’ da antiga colonia británica. Mais non hai que ir tan lonxe: o Reino Unido, “berce da democracía” (Johnson dixit), é un dos países que conta co maior número de cámaras e a policía de Londres teima en seguir utilizando o recoñecemento facial en directo (LFR) apesar das eivas salientábeis e o enviesamento racial que apresenta o seu uso.

Xa no noso país, através do proxecto Smart iAGO, Compostela forma parte dunha rede de ‘cidades intelixentes’ que enfía a ‘seguranza’ entre unha serie doutros obxectivos a priori moi meritorios:“incidindo en aspectos como o aforro enerxético, a mobilidade sustentábel, a administración electrónica ou a atención àspersoas ou a seguridade”. O uso de tecnoloxías non-intrusivas (isto é, a cidadanía nen ten consciencia de que está a ser vixiada) pode incluír dispositivos tais como o recoñecimento automático das placas de matrícula (ALPR) que permite monitorar e catalogar en tempo real o movemento de veículos privados (e as persoas que os conducen) en todo momento.

Extremadamente alarmante e de todo reprobábel resulta ser a aplicación dunha suposta normativa – que resulta imposíbel localizar – que rexería os centros socio-cultuais de Compostela e que consiste en exixir que toda persoa que acede a un centro deixe recollidos nunha folla de papel os seus datos persoais completos. O motivo moi louvábel alegado é poder contactar coas persoas en risco de seren expostas ao contaxio no caso dun surto no centro. Até aí, todo ben. Porén, para isto só fai falta un número de teléfono de contacto anónimo. O realmente preocupante é que se recollan estes datos sen nengún tipo de respeito para a lei de protección de dados con motivo, por exemplo, dun acto electoral organizado polo BNG, onde a propria organización ben podería encarregarse de custodiar e destruír os mínimos dados de rastreamento precisos. Controlar a identidade de todas as persoas que acudan a un acto político, sindical... sen nengún tipo de garantía non é aceitábel sob nengún pretexto e lembra os máis escuros tempos de medo social a participar en actos políticos que esperaríamos ser pretéritos.

É interesante reparar xustamente en que todo isto se fai quer por tras das nosas costas – sen o noso coñecemento ou consentimento – quer coa escusa de que é para a nosa comodidade, para velar para a nosa saúde, para protexer o ambiente... En definitiva, para o noso proprio ben. Así, ante a ameaza – verdadeira ou hipotética – do terrorismo ou, agora, do virus, lévannos a consentir explícita ou, na maioría das veces, implicitamente a renunciar às nosas liberdades máis fundamentais. Vivimos pres@s nunha gaiola tecnolóxica, observad@s o tempo todo e nen o sabemos, nen nos importa sabelo.

Hai quen diría que quen nada mau fixo non debería ter motivos para se preocupar e que, do contrario, algo faría. No entanto, as historia ensínanos que as cousas non son nen de lonxe así. Pois, o que onte foi totalmente legal e lexítimo pode, en función das necesidades políticos do momento e co fin de escorar o rexime, tornar a ser mañá un delito ou mesmo un crime. A mensaxe é moi clara: “Usted haga como yo y no se meta en política”...

Todo isto ten implicacións especialmente arrepiantes para quen militamos ou simpatizamos con organizacións nacionalistas, contestatarias ou contrarias à perpetuación do actual sistema, polo que non debemos nen podemos consentir que nos arrebatan as nosas liberdades civís máis básicas.