Os modernos "golpes de estado"
O exército foi o instrumento que máis se utilizou no pasado por determinados poderes socioeconómicos para tirar abaixo un réxime constituído cando a súa situación de privilexio estaba en cuestión. Era a forza militar e o poder das armas o que permitía subverter a orde establecido e en non poucos casos violentar a vontade popular. Nestes tempos e no chamado primeiro mundo, estamos asistindo a auténticos "golpes de estado" aínda que non se utiliza ao exército. Porque golpe de estado é impoñer un réxime ou un modelo contra a vontade popular. E iso tense feito plena ou parcialmente en moitos países contra a vontade claramente explícita da maioría do pobo. En Islandia, Grecia, Irlanda, e Portugal, con total descaro, e noutros estados como español en aspectos concretos recorrendo a darlle unha presentabilidade pactista.
En todos estes casos os instrumento para tentar impoñer unhas determinadas condicións económicas e sociais a afianzar determinados modelos son sempre os mesmos. As axencias de cualificación da débeda, os mercados especuladores, os organismos financeiros internacionais, as institucións financeiras e políticas europeas, determinadas multinacionais mediaticas, etc. convértense nos brazos executores mais sutís e etéreos para impoñer un réxime que preserve o actual modelo de capitalismo neoliberal globalizado.
O recente exemplo de Portugal é ben paradigmático. Nin sequera importou que no caso portugués non se conseguira un apaño no parlamento para lexitimar a tropelia. O parlamento portugués vota en contra e da igual, aparecen as axencias de cualificación, a evolución dos mercados, os organismos financeiros internacionais e da UE e impoñen o "golpe de estado". E o curioso é que se fai en nome de salvar o sistema e a democracia.
Debería ser suficiente o acontecido para cuestionar este modelo de "gobernanza global" e de UE que é capaz de pasar por riba das vontades populares das nacións que a conforman impoñendo como destino "fatalmente imutábel" o fortalecemento do modelo actual na súa vertente máis antisocial.
Pero senón existirá mesquindade intelectual debería ser motivo tamén para a reflexión desde determinados ámbitos da esquerda europea para analisar en profundidade onde están as posíbeis vías alternativas reais ao modelo actual.
Se este sistema de "gobernanza global e uniforme", se este modelo de unión europea, acaba sendo un modelo fatalmente perverso para impoñer "solucións" uniformes, e que gobernos de "un e outro signo" acaban aplicando as receitas que se elaboran para salvagardar o modelo e os intereses dos poderosos reais de hoxe pasando por riba da vontade popular, resulta claro que algo falla.
Parece evidente que si as receitas para "saír" da crise que se pretenden aplicar "pasan" das soberanías nacionais e dos estados e aparecen como as únicas posibles as impostas polo "deus mercado", o que hai que cuestionar é o modelo.
Non estamos en tempos de adorar novos becerros de ouro. A "fatalidade" do mercado, as axencias de cualificación, as institucións financeiras internacionais e europeas, a cualificación da "débeda soberana" etc., son os novos instrumentos ao servizo dun sistema, dun modelo e de uns intereses que se queren salvagardar e que non son os das maiorías sociais. E ese modelo acadou tal grado de perfección que pretende impoñernos a todos as "solucións" como produto da fatalidade: "non hai mais remedio senón será peor e catastrófico" é a vacina que pretenden inocularnos para que asistamos mansamente a consumación do sacrificio.
É pois necesario defender unha alternativa a este modelo, de abaixo arriba.
O nacionalismo galego representa na Galiza e na actualidade tanto no plano da teoría como da práctica unha alternativa real ao modelo actual.
Na teoría porque nos dous piares que son básicos do modelo actual a articulación institucional e o modelo social, nós temos posicións antitéticas. Partimos do necesario respecto á soberanía nacional suficiente que permita modelos de desenvolvemento autocentrados, e sobre iso construír e reformar as institucións políticas comúns sexan estatais ou europeas. E no plano social defendemos o papel do estado como elemento fundamental para intervir na distribución da riqueza, na garantía dos servizos públicos, no control dos mercados para impedir calquera movemento especulativo, no control das institucións financeiras e dos recursos estratéxicos. En definitiva poder para as institucións políticas suficiente para que o pobo a través delas poda definir o seu modelo e o seu futuro. E non como hoxe que reproducen "porque non hai outra solución" as receitas máis antisociais.
E na práctica porque evidenciamos todos os días e onde temos presenza que somos un corpo con vida fronte as políticas actuais.
En definitiva somos un pequeno dique de contención contra as receitas da "gobernanza mundial e europea" que pretende impoñer como única política fatalmente posíbel e determinada polo mercado, unha saída da crise que prexudica as maiorías sociais e hipoteca as nosas posibilidades de desenvolvemento futuro.