Os dezaoito magníficos




Camiñando eu polas beiras do Avia para derreter o colesterol, un pouco antes da pontella que une as parroquias de Leiro e Gomariz, saían a miúdo dous palleiriños pequechos dun eixido limítrofe. Se por casualidade un deles quedaba só non había perigo de que se fixese o valente. Agardaba polo outro. Xa emparellados, a unha distancia prudente do caxato co que me axudaba ao andar, ladraban con tanta afouteza coma se fosen mastíns. Non sei se o facían por medo ou por brincadeira. Vou converter a anécdota en parábola. Antes no nacionalismo había esveltos lebreis e ningún caniche faldeiro. Dun tempo a esta parte apareceron os palleiros. Os que nunca foron nada e sentíronse alguén desde que lles puxeron na man un bastón. Ladran por fóra cando van en manda. Dálles pánico facelo dentro, nos órganos aos que pertencen e onde se dá o debate. Alí téñenlle medo ao caxato, a facer o ridículo, estes cerebros nos que priman sobre a substancia gris os niños de bubela.

Gábanse en seren os primeiros en interpretar o sentir da sociedade. Tan ignorantes coma os exploradores colombinos que aínda lle seguen a chamar indios a todas as etnias americanas, desde os esquimós aos pampas arxentinos. Cansados de tanta viaxe puxeron Calcuta en Panamá. Nós, os indíxenas do taparrabos, os que nos vestimos aínda coa pel do vello nacionalismo, coñecemos a alienación dun pobo ao que hai que adoutrinar se o queremos redimir. Non somos parvos. Debemos ser, dicía un líder nacionalista, a conciencia lúcida da sociedade. Comprobamos a bebedeira orgásmica dunhas masas narcotizadas polo campionato mundial de fútbol de hai un ano. E mentres nós, os seguidores dos vellos mitos, fixemos pedagoxía desalienante, outros actuaron de camelos do sistema, subministrando o opio en pantallas televisivas para que o pobo vivise colectivamente a orxía españolista. As Irmandades da Fala naceron para rescatar o idioma e romper complexos, non para deixarse arrastrar pola corrente destrutiva da nosa identidade. Somos alternativa. Aspiramos a ser transformadores. A palabra "revolución" non a utilizo, pois pode parecer un sacauntos para mentes pouco cultivadas. Por iso remamos, augas arriba, para beber nos mananciais da ciencia e da nosa historia. O nacionalismo nunca foi, nin debe ser, unha grea que se orienta polo cheiro do pasteiro, nin deixarse subornar polos que queren convertelo nun presebe.

Fáiseme imposíbel comprender a indolencia dunha organización que tolera a permanencia nas súas filas de afiliados que consideran tópicos a defensa do idioma e da bandeira. Ou non le, ou anda en Babia, ou está caput. Até o de agora os disidentes mexábanlle na porta. Xa comezaron a verter augas na cociña. De seguir así, non tardarán en mollar a cama na que o nacionalismo está durmindo. A doenza non se remedia con ideas. Compren vitaminas para recuperar os bríos. Só lle faltaba aos colonizadores para enterrar Galiza a colaboración de impostores que lle entreguen a chave da nosa identidade, igual que na Redención de Breda. Tópico é facer depender exclusivamente dos votos a defensa dos intereses populares. Inxenuidade do sistema, que puxo na man do pobo os instrumentos que poden destruílo. Estes redentores adventicios estaban aínda na incubadora, ou balbucindo "mamá, teta", cando paramos a cota empresarial agraria. Daquela non había urnas, só pancadas das forzas represivas. Impedimos que unha central nuclear convertese Xove na nosa Chernobyl. Fixemos patria facendo Terra en Baldaio e nas Encrobas. Desafiando a presenza ameazante da Garda Civil, apostada no Castelo de Monforte, recorremos a cidade para opornos á instalación das oito celulosas que estaban programadas. Por aquel tempo os actuais mandatarios municipais, simples caixóns de votos, estaban aínda zugando teta. ¡A que seguir! Contribuímos a multiplicar por cinco os prezos das terras expropiadas polo encoro de Castrelo de Miño. Desculpemos que o municipio non teña unha lembranza para os nosos mártires (Alexandre Bóveda, Moncho Reboiras). Que non poña unha placa na ponte que foi cadafalso dos antifascistas asasinados do Ribeiro. Non ten perdón o esquecemento daqueles "Tercios" que, se non conseguiron deter o asolagamento do val, si lograron salvar a honra da resistencia labrega. Os que fixeron "rebrillar a folla do fouciño, desde Ortegal ó Miño", como canta Cabanillas no himno de Acción Galega.

Daquela sementeira viñeron as colleitas electorais que tivemos despois. Agora chegáronlles as présas aos que queren recoller o millo antes de botar o gran, facendo derivar a masa social da electoral e non á inversa. Os descubridores das novas estratexias políticas esquecen que xa Orellana sucara as augas do Amazonas cando por aló arribaron os "dezaoito magníficos" disparando balas de fogueo. Son listos en desenfundar, pero moi torpes en apuntar. Farían, iso si, un bo equipo de rugby. Quince xogadores de campo e tres de banquiño. E menos mal que non dan alternativas, pois cando se meten a facer análises, ademais da ignorancia deixan ao descuberto a vea reaccionaria. Poñamos por caso, cando atribúen a crise ao mercado financeiro, mesmiño que os teóricos burgueses, que utilizan esta interpretación para salvar o creto do sistema capitalista. Por querer pasar por entendidos, para conseguir audiencia, caen na fachenda dos pedantes. ¿Qué proxecto transformador poden abandeirar uns palleiros incapaces de apartarse do rastro que deixa o amo? Sexamos sinceros. Os resultados electorais, os que lles dan osíxeno, son o pretexto para liquidar principios, os mesmos que eles veñen violando decote na súa práctica institucional.

Xa sei que a lectura, agás a do "Marca" e do "Tebeo", non entra nos hábitos destes rexedores. Para a xente sinxela, os limpos de corazón, vou reproducir un parágrafo que aparece no Adro dos principios ideolóxicos da organización unitaria do nacionalismo: "Utilizar a vía política, que supón combinar axeitadamente o traballo organizativo, de movilización e loita, de concienciación do noso pobo, sen deixar campo valeiro dende as institucións até as plataformas electorais, concurrindo aos procesos electorais sempre que sirvan como ferramenta de clarificación e avance para a conciéncia nacional". O subliñado é meu, e pon a énfase na desviación na que incorren os "magníficos". Fan da ferramenta o obxectivo. Non son os votos os que serven ao proxecto político, senón este o que está ao servizo dos resultados electorais. Así, retirada a carauta dos actores, da súa hipocrisía, os que aparecían solemnes calzando o coturno da traxedia grega, quedan reducidos a farsantes de comedia. Querían interpretar a Esquilo e acabaron pondo en escena As aves (as bubelas) de Aristófanes. Por dignidade e hixiene, chegou a hora de retirarlles o paraugas nacionalista aos que o usan para facer política española.

Hai un cousa na que estamos de acordo. Na necesidade de introducir reformas que restauren o prestixio do nacionalismo. Cunha diferenza. O que para eles é revisión, así de cru, para min significa rexeneración e depuración. Sobra unto e falta cloro. O problema non naceu o 22 de Maio. Vén de lonxe. Hai dez anos que o cabalo comezou a encabritarse. Cando había que cravarlle as esporas nas illargas, tensar as bridas, soltáronselle as rendas e o corcel entrou desbocado no trullo onde ficou varado. Os que comigo compartiron militancia lembraranse dunha frase que eu reiterei daquela en varias ocasións. Trátase dunha parodia de Paul Newman. Por tres veces repetín: "Este é o momento, non hai outro momento". Sinto mágoa de non terme trabucado. Como o optimismo é o único que me mantén con vida, agardo o retorno dos camaradas á milicia. Non rompamos a lanza mentres hai inimigos na fronteira. Somos heraldo, non soldados de intendencia para levar recados e debuxar cartaces.

É ben certo que estamos noutra época. Dunha Europa que nos ameazaba con modernizarnos pasamos a outra que reduciu a nosa economía a unha caricatura de si mesma. Abríu as autovías e pechou as granxas. Dúas por día, apuntan os últimos informes. ¡E viña o comunismo expropiar as vacas! No libre mercado estaba a converxencia e a nosa salvación. Leváronnos os xatos da vaca rubia, pero deixáronnos o porco bravo, que está invadindo as poucas leiras que aínda non están a ermo. O xabarín é unha especie a protexer, en risco de ser extinguida pola humana. ¿De que Europa falan? ¿Da que elimina competidores para facer compradores, da que impón reformas constitucionais feitas a medida da gran patronal e dos grupos financeiros, ou da que os "magníficos" levan incubando nos niños de bubela? O público agarda inutilmente que rompa a casca e saia o rato, cousa imposíbel, pois os ovos parecen estar chocos. Reciclemos. Reciclemos primeiro os cerebros dos que entraron nas aulas e sentáronse na cátedra sen teren aprobado o exame de selectividade. Son os que prefiren os vaqueiros, rotos e lixiviados, á vella indumentaria nacionalista. Fronte á autodeterminación, bailan mellor a salsa caribeña. Ante o imperialismo, máis actualizada parece unha movida madrileña de Lavapiés ou unha noite de bacallau ca unha pandeirada de muiñeira. Dentro de pouco dirán "muñeira", como lle chaman en Madrid.