“Os deputados a facer leis e o pobo a sufrilas”
"Para no morir ahorcado, el mayor ladrón de España se vistió de colorado". Esta letriña vén circulando desde que, en 1618, caeu en desgraza o Duque de Lerma, valido de El-Rei Felipe III, pai do intitulado como Rei Planeta e do que o malévolo e xenial Quevedo dixo que lle chamaban o Grande, ao estilo dos furados, aos que, canta máis terra lles quitan, máis grandes se fan. Se o Duque de Lerma chegase aos altares, sería, sen competencia, o padroeiro dos políticos corruptos, co que tería asegurada farturenta romaría. O Duque, despois de especular con terreos e predios en Valladolid e Madrid, chegando mesmo a mudar a Corte dun lado para o outro a fin de modificar os prezos, cando a xustiza o puxo no punto de mira, conseguiu de Roma o capelo cardinalicio, facéndose así inviolable.
Hoxe non se leva o recurso á simonía nin o se vestir de colorado para fuxir da xustiza, aínda que, sen dúbida, funcionaría o mesmo que no século XVII. De feito, algo semellante, con lixeiros matices, presenciamos por aquí nestes últimos tempos; mais ao que recorren, agora, os moi enlamados na corrupción é a non perder forza dentro do partido para non caer da lista electoral e poder así manter a condición de aforado. E por riba, prostitúen a esencia da democracia, presumindo e proclamando que os votos non só conceden inmunidade, senón que proclaman inocencia. E os avogados dilatan os procesos e a xustiza camiña de vagariño, cunha lentitude insoportable que, en ocasións, remata na prescrición das causas. E o pobo cada vez confía menos nos políticos e na xustiza, ou, dito doutro xeito, perdeu a confianza nos tres poderes.
Ao poder lexislativo elixímolo para que elabore leis xustas; pero, como deputados e senadores teñen que xustificar o soldo e evitar as críticas de falla de actividade, hai ocasións nas que se lles pode aplicar o mesmo que ao demo que, cando non ten que facer, sacha os nabos antes de nacer. E así, tanto lles ten lexislar ir a 110 como retomar os 120 de sempre e, a base de aplicar o dito de volta á bola que é de millo toda, non hai quen os poida acusar de inoperatividade; e seguen a facer leis e máis leis para que os avogados non perdan o costume de ler os boletíns. Para que tanto corpo lexislativo? "Corruptissima republica, plurimae leges", deixou dito Tácito (Annales, III, 27), pois xa daquela, na Roma do S II, o exceso de leis se consideraba un encubrimento da corrupción política.
Non estraña, xa que logo, que un rexeneracionista como Julio Senador, que algo disto sabía pola súa profesión de notario, dixese, en 1915, que o Código Civil era "un librucho asqueroso que suda por todos sus artículos la barbarie romana y la barbarie visigoda"; e o Unamuno socialista repetiu en varias ocasións, con respecto ao que el chamaba "condenado Derecho Romano", que foi este quen sancionou o roubo inicial que daría paso ás grandes propiedades, posto que era un dereito de propietarios, de posesores que dominaban un mundo de escravos, de produtores. En carta, de 1898, a Ganivet chegoulle a dicir: ""Cuando se dirija usted a mi, amigo Ganivet, puede decir del Derecho cuantas perrerías se le antojen porque lo aborrezco con toda mi alma, y con toda ella creo, con San Pablo, que la ley hace el pecado" e, xa que introduce a relixión, engadiu: "¡A que monstruosidades nos ha llevado el infame contubernio del Evangelio cristiano con el Derecho Romano!". E aínda vai máis alá Senador, cando aconsella que non se vaia ás universidades, porque "ahí van a tratar de corromper vuestro instinto natural de la justicia procurando persuadiros de que la razón escrita es ese Derecho Romano, urdido por una taifa de bandidos que esclavizaban, asesinaban y robaban, y luego inventaban leyes para justificar la esclavitud y el robo y el asesinato".
Non é preciso recorrer a pensadores foráneos para mostrar a repulsa, o temor e a desconfianza que provocan as leis e, aínda máis, a súa aplicación. Un percorrido pola obra de Castelao daría sustancia para un bo ensaio sobre labregos que se alegran de teren que ir ao médico e non ao avogado, e asáltame agora aquel durísimo poema da nosa Rosalía, "la mujer en que Galicia se hizo verso" como a definiu Laín Entralgo, no que os xuíces "de min se mofaron, vendeume a xustiza", ata que resolveu coa fouciña: "I estonces... estonces, cumpreuse a xustiza: / Eu, neles; i as leises, na man que os ferira". Agora si.
O filósofo escita do S. VI a. C., Anacarsis, amigo de Solón, deixounos, segundo Plutarco, un pensamento condensado nun fermoso símil, que, desgraciadamente, segue a ter unha grande vixencia e frescura: "As leis son como as teas de araña; reteñen aos débiles e frouxos que caen nelas; pero son rachadas polos poderosos e ricos". Hai tantos exemplos recentes que nin tan sequera estou a pensar en Strauss-Kahn, xa que, neste caso concreto, non é el quen me preocupa, senón a degradación á que descendeu o chamado socialismo, elevando aos máximos órganos de dirección a individuos que fan gala tan obscena das súas riquezas. A dereita tradicional ten os mesmos comportamentos, pero outra clase, outro savoir-être.
E os deputados veña a elaborar leis e máis leis. Hoxe mesmo, coa que está caendo pola crise, coas manifestacións dos "indignados", coas protestas pola vergoñenta lei hipotecaria, pola protección ao poder financeiro e un longo etcétera, escoito que o que pretenden as súas señorías é meterlle o dente ao Código Penal, á Lei de Enxuizamento Criminal, mudando a titularidade das instrucións, o nome de imputados por investigados, os días de detención preventiva e non sei que máis, e eu lembro o que Karl Marx, en 1852, escribiu en "O dezaoito Brumario de Luís Bonaparte": "E era propio daquela peculiar enfermidade que desde 1848 facía estragos por todo o continente, o cretinismo parlamentario, que mantén aos contaxiados alucinados nun mundo imaxinado, subtraéndolles toda a capacidade de entendemento do áspero mundo exterior". Mestre Marx, continúa o andazo.
Só se me ocorre aplicarlles aos parlamentarios o mesmo que Leopoldo Alas Clarín dixo duns malos dramaturgos, que sería mellor que dedicasen os seus esforzos a outras faenas: por exemplo a fundar unha familia. Que xa teñen unha? Pois que funden outra.