Os "chiringuitos" só deberían ser para o verán

Os "chiringuitos" só deberían ser para o verán

Se mencionamos a palabra chiringuito a todos non ven a cabeza imaxes de praia e cañas pero cando falamos dos chiringuitos políticos que se nos ven a mente? Pois enseguida pensamos na cantidade de chiringuitos creados polo PP na época de Fraga baixo o amparo do Parlamento de Galiza e repartidos entre consellos consultivos, fundacións, entes autonómicos,... que nos custa aos galegos máis de 46 millóns de euros anuais.

Agora o PP nacional descobre que isto supón un gasto esaxerado para as arcas e que vai sendo hora de "adelgazar" estes organismos que en moitos casos duplican as funcións, pois claro que hai que empezar a reducir custes pero esqueceron nomear unha das institucións máis innecesarias que temos na actualidade: as deputacións provinciais.

A orixe das deputacións data da aprobación da Constitución de Cádiz de 1812 onde no artigo 325 se recolle que en cada provincia haberá unha deputación chamada provincial para promover a prosperidade da provincia e estaría presidida por un xefe superior. Isto derivou nun ente onde o poder deixou de ser pertencer a institución provincial para ser de quen a administran. Pasaron de estar carentes de atribucións políticas a crear un tecido social e económico que facilitou o poder do control da provincia. Un claro exemplo desta deriva é a deputación de Pontevedra con Louzán a cabeza e na de Ourense onde xa parece máis unha rede empresarial familiar baltariana que un organismo ao servizo dos veciños.

A idea de prosperidade do conxunto da provincia pasou ser a de que prosperen os territorios onde goberna o PP e as migallas para o resto. E un dos piares fundamentais destas deputacións é a creación de emprego baseándose en méritos por liña sanguínea ou ben pola liña do amiguismo conseguindo un sistema clientelar onde a continuidade se basea no numero de votos que se poden aportar e non por rendemento ou pola mellora de formación, e que xa se sabe que en tempos de crise nada mellor que ter 40 porteiros para unha soa porta e mentres pechamos camas en hospitais ou en residencias da terceira idade.

As deputacións hai anos que deixaron de ser necesarias e as competencias que teñen deben ser asumidas polos gobernos autonómicos e polas administracións locais e con iso conseguimos un amplo aforro necesario nestes tempos, e de paso conseguimos unha limpeza das prácticas caciquís que tanto lles gustan practicar a algúns partidos políticos. Pero seguro que haberá máis dun que para xustificar o non destas eliminacións dirá que vai pasar cos funcionarios? Pois aos funcionarios haberá que recolocalos en función da súa valía e inda así entre presidentes, vicepresidentes, cargos de confianza, directores de non sei cantos departamentos, ... e postos similares suporía un aforro que ben se podería invertir na Lei de Dependencia.

Porque a realidade social de Galicia quedou reflexada nos datos presentados hoxe polo Instituto Nacional de Estadística onde o 22% da poboación galega superan os 65 anos e onde no primeiro semestre do 2011 os falecementos superaron en máis 4.500 aos nacementos. E por iso xa esta ben de atrasar a Lei da dependencia esperando que os solicitantes morran durante o papeleo e así aforrar a costa das persoas e seguir permitindo o despilfarro en chiringuitos e nas duplicidades de cargos e persoal.