Os Camiños


Hatshepsut a faraona


Na beira occidental do Nilo onde se construían tumbas e templos funerarios ao sol da tarde, na antiga Tebas, capital dos faraóns, loce con estraña brancura o templo construído por mandato da faraona Hatshepsut poucos anos antes da fin do seu reinado. Obra do seu arquitecto Senmut, que conseguiu, tamén, ese sorriso característico das estatuas que estrañamente se salvaron da vinganza de Tutmose III contra todo o que ela deixara.

Cruzando as augas azuis do Nilo, desde Luxor, e subindo por terra branca e calcinada, do val cara á montaña, axiña distinguimos o pico do monte máis alto, o Qurn, que na nosa tradución diría Corno, realmente unha muralla natural da propia natureza. Cando a montaña comeza a achaiar cara ao val do Nilo, metida nela como se buscase o seu corazón, aparecen esas liñas brancas e paralelas cortadas polas verticais das ramplas que comunican as terrazas do templo. E na segunda fachada longa, as figuras osiríacas desta muller que segue a inspirar biografías e análises contraditorias. Ambiciosa, "raíña faraón" nos escritos normais, maquiavélica usurpadora, destrutora do amor por acadar os seus obxectivos políticos... son aseveracións con moito de visión machista, pois nunca se lle darían eses adxectivos a tantos homes con poder que encheron as páxinas dos seus reinados mesmo con asasinatos.

O guía que nos levou polo Val dos reis e das raíñas, Ahmed, falounos con cariño da súa figura, e tachouna da grande feminista do Imperio Novo (1580-1085 a. C.). A súa historia nace cando morre o seu marido, Tutmose II, sen fillos homes, deixándoa a ela como herdeira do trono das Dúas Terras. Pero había un que tivera cunha concubina, e unha parte da nobreza, aínda sendo un neno, coróao como faraón. Hatshepsut non o acepta e faise rexente, e máis tarde, coa axuda dos propios sacerdotes e do seu arquitecto Senmut, raíña de Exipto e primoxénita do deus Amón.

Durante 22 anos rexe os destinos da súa Terra, abandonando guerras e batallas contra os países limítrofes. Represéntase con roupas masculinas e simboloxía característica coa barba ceremonial. Aínda os tempos non podían asimilar que unha muller gobernase as xentes, máis parece que ela foi querida e aceptada. Construiu templos e os máis grandes abeliscos de Exipto. Tutmose III, xa mozo, non lle perdoou o reinado e parece que lle fixo moi duros os seus últimos anos, dedicándose, despois, a borrrar das Dúas Terras calquera obra ou imaxe que a lembrase.

Paseamos as capelas diferentes do seu templo que chaman Deir el-Bahari, as pinturas a relatar a súa viaxe ao país de Punt, de cores vivas milagrosamente conservadas, e as esculturas altas embelecidas coas coroas branca e vermella do Alto e Baixo Exipto. Mirábanos ela co seu sorriso doce e cariñoso. Tamén desde unha cabeza que expoñen ao pé das outras. Despois vimos desde a última terraza as terras verdes regadas polo Nilo aos nosos pés, e o deserto a marcar a liña divisoria, branca e ardente aínda ao sol que se poñía. O Qurn controlaba os nosos pasos, e unha compañeira dixo que había que facerlle ofrendas a Hatshepsut antes de marchar. Compramos laranxas e mangos, e pétalas de flores, e alí mesmo, mirando deitarse o sol e procurando o seu sorriso, llas deixamos.

A Coruña, 8 de marzo.