Orgullos@s do propio


A semana pasada podíamos ler unha noticia en La Voz de Galicia cun título e un subtítulo que rezaban así: "Rubia gallega para la alta aristocracia europea. El parisino Hôtel de Crillon ofrece esta carne por consejo de Martín Berasategui". Curioso percorrido o que fan as nosas vacas. A min sempre me sorprendeu, como rapaza de cidade que son, ver as vacas polos montes adiante no Courel ou nos Ancares, sorprende ver por onde poden moverse, pero chegar desde Silleda a París vía Euskadi, por recomendación dun cociñeiro vasco, xa ten mérito. E seguro que falando (ou muxindo) galego, que a historia nos demostra que falando a nosa lingua os galegos e as galegas chegamos a todas partes, ata á mesma lúa, din.

A min é que o tema da comida e da gastronomía sempre me chama moito a atención. Hai un mes falaba no artigo "Galiza deconstruída" das preguntas que se facía o cociñeiro catalán Ferrán Adriá sobre a capacidade de transformar a sociedade que terían algunhas persoas do noso país se quixesen facelo e ao pouco tempo volvo fixarme no que di un cociñeiro vasco sobre un produto tan identificable coa gastronomía galega como a nosa rubia: "Toda la carne de vaca que entra en mi restaurante es gallega porque es la mejor del mundo, la que tiene más personalidad y mejor relación calidad/precio. Se me cae la cara de vergüenza cuando escucho por ahí elogios de otras que llegan de fuera llenas de fama y que no valen para nada. Hay que defender y admirar a la gente que es capaz de producir una maravilla como esta" .

Non vou ser eu quen negue o dito tradicional de que a un home se lle conquista polo estómago pero quero desmontar ese pouco sofisticado mecanismo de dominación masculina que non só mantén as mulleres ocupadas senón que ademais mellora considerabelmente a supervivencia dos homes en tempos de fame e a súa calidade de vida conseguindo que, ademais de non ter que facerse a comida, gocen sempre do privilexio de quedarse co mellor cacho. E logo de desmontalo inclúo o resto da humanidade, ou sexa a outra metade que quedaba coas sobras, entre o grupo de suxeitos susceptíbeis de ser conquistados polo estómago e reivindico o noso interese pola gastronomía. E cando se fala desta cuestión sempre xorde a pregunta de por que non hai máis mulleres "chef", pois case todos os grandes cociñeiros son homes, e aínda que non o pareza a resposta seguramente é simple, trátase dun traballo que esixe unha enorme dedicación, sobre todo en tempo, e xa sabemos as dificultades das mulleres para conciliar vida laboral e familiar e como ademais de cociñar no restaurante hai que facer a comida na casa, para o home e para as crianzas, a ver quen é a guapa que chega a cociñeira de fama internacional.

Pero iso non quita para que nos poidamos sentir identificadas cos nosos produtos e a nosa cociña pois non debemos esquecer que a gastronomía é un sinal de identidade e de expresión dun pobo por iso ás veces, para evitar a súa reivindicación como tal, pode ser convertido nun elemento folclórico, sabémolo ben na terra das mil festas gastronómicas. Noutros lugares do mundo acontece algo parecido e fronte a denominacións folclóricas de cociñas nacionais, como a sempre cuestionada "cociña crioula", cómpre defender a gastronomía propia. O mes pasado, por exemplo, México solicitou que a súa cociña sexa considerada patrimonio da humanidade. Esta solicitude xa se fixera para a dieta mediterránea, pero por moito que nos digan non é que en Galiza nos sentíramos moi implicados na defensa desta candidatura porque tampouco non é que nos sintamos moi mediterráneos. Ou sexa que ben entendemos de que estamos falando. E neste contexto atopámonos cun cociñeiro catalán que di ser embaixador da cociña galega, un cociñeiro vasco que promociona a rubia galega, con grande éxito por certo, e restaurantes franceses de luxo onde acoden persoas dispostas a pagar fortunas por un prato de "Boeuf de Galice". E creo que nin os cataláns, nin os vascos, nin os franceses son sospeitosos de non sentir orgullo do seu.

E mentres en Galiza non só non conseguimos sentirnos orgullos@s do propio senón que temos un goberno tan austero que en tempos de crise considera un despilfarro ter dous idiomas que, total, serven para falar e comunicarse igual, o mellor é cargarse un. Viva o aforro. Falando de aforro, a nosa idea de ter caixas de aforros galegas ben consideradas é que as queiran absorber caixas de aforros de fóra e non ter unha propia forte. E a promoción do noso país no ano Xacobeo que nola veñan facer tamén de fóra, xa vimos na gala de entrega dos Goya que o nosas produtoras non teñen nada bo que ofrecer e por iso contratamos a unha produtora vasca para facer o anuncio promocional do Xacobeo. Visto o éxito de Berasategui coa promoción da rubia galega pois igual non ía tan mal encamiñado o Conselleiro de Cultura e Turismo ao facer a escolla da produtora do vídeo do Xacobeo e aínda vai ter tamén razón en deixar sen Premio (Nacional) da Cultura Galega aos creadores do ámbito audiovisual.

Pero á vez que desfacemos todo o que se pode desfacer dentro, o Conselleiro de Economía dá como receita máxica para as empresas do noso país a internacionalización. Esa é a prioridade da Consellería a través do seu brazo armado, o Igape. Pois tamén vai haber que darlle a razón. Mellor será que as empresas galegas busquen traballo fóra porque cos contratos da Xunta que non conten. Pero como internacionalizarse se non temos un produto propio nin nos diferenzamos de ningunha maneira?

Sabemos que sinais de identidade propios temos pero non chega con que existan, nin sequera para loitar pola súa supervivencia. Cómpre que exista unha imaxe de nós mesm@s como pobo coa que identificarse, ter unha percepción de nós mesm@s que nos leve a un estado de ánimo, ese orgullo do que falamos. Ademais de selo hai que crelo. Non podemos agardar que "a realidade" se venda por si soa, é un concepto demasiado cuestionábel como para confiar nel como única arma. Xa sabemos que é moi doado crear un Matrix que se faga pasar por realidade pero a carón da pastilla vermella hai que situar a pastilla azul ou non hai onde escoller. E niso consiste a liberdade, en poder escoller.