O secuestro do Parlamento

O secuestro do Parlamento

A prohibición de que os grupos da oposición teñan convidadas/os constitúe na práctica un secuestro do Parlamento do seus lexítimo propietario: o pobo galego. O PP ven de dividir a galegos e galegas en dúas categorías: quen poden acceder ao Parlamento e quen non; hai cidadáns de primeira e de segunda.

Un Parlamento sen posibilidade de presenza directa do pobo é en si mesmo un disparate. É como un idioma sen palabras, un río sen auga ou un corazón que non late. Eis o esperpento ao que quer conducir o PP ao Parlamento Galego. Mais, por exactitude, convén aclarar que esta decisión só pretende excluír aos sectores sociais afectados polas criminais políticas de quen nos goberna e loitan contra elas. Realmente o PP mantén intacta a súa posibilidade de convite. De feito, o pasado día 29, puidemos comprobar como asistía público ao Parlamento. Comprobei en primeira persoa como deputados populares convidaban aos seus veciños a unha visita turística ao edificio e á sesión plenaria. Quizais ese sexa o destino do Parlamento, atractivo turístico para xubilad@s que procuran experiencias novas.

As e os deputados do BNG, ao igual que outros grupos da oposición, decidimos responder a este agravio abandonando o pleno. Foi un acto de dignidade, de defensa da democracia e da propia función do Parlamento Galego. Un parlamento que sofre xa de por si os límites dunhas normas que renxen e dificultan a súa centralidade na vida política galega, e que se atopa nunha posición de devaluación social e política realmente preocupante. Situación a que contribúe decisivamente o PP e que sen dúbida hai que enmarcala no seu proxecto recentralizador do Estado.

Vivimos tempos difíciles, duros, que fixeron agromar unha profunda crise do réxime político español saído da transición. A crise non é só económica, é tamén política e institucional. Non parece atinado nunca pechar as institucións representativas, moito menos neste contexto. Porén, a intención do PP é clara: afundar nas miserias deste sistema, silenciar ao pobo, recortar -aínda máis- as liberdades e dereitos democráticos, criminalizar toda protesta e contestación social e condenar ao esquecemento o Parlamento. Un paso máis na deriva antidemocrática e centralista que vivimos. É rechamante que na xustificación desta decisión, se está aplicando a doutrina das guerras preventivas que invocou Bush nas invasións de Irak e Afganistán. Así, presuponse que calquera cidadán ou cidadá que acode ao Parlamento, vai con ánimo de alterar o normal funcionamento do pleno. Direi máis, aínda que así fora, acaso non ten dereito a queixarse un estafado polas preferentes? Non é normal que os traballador@s do naval reclamen traballo? É delito defender unha universidade pública e galega? Constitúe isto unha violación do funcionamento democrático ou é a expresión viva e directa da democracia?

O PP, e a súa caverna mediática, xa puxeron en circulación os seus argumentos, cargados de demagoxia, mentiras e manipulacións. Como sempre son expert@s en distraer a nosa atención. Non quero caer na súa trampa, mais non deixo de preguntarme en que se amparan para dicir que ese día non traballamos. Acaso os deputados e deputadas do PP traballan máis? No que levamos de lexislatura o BNG rexistrou 608 iniciativas, o PSOE 556, AGE 157 e o PP 140. A lexislatura pasada rematou, sen que algún deputados/as do PP defenderan nunca unha iniciativa. Deberían devolver os salarios se aplicamos a doutrina do PP.

Porén, o relevante é que estamos ante un paso máis na escalada antidemocrática do PP e no recorte de dereitos e liberdades. Non existe base legal, nin ética nin moral, para tomar a decisión de impedir o acceso ao Parlamento de Galiza ás persoas que teñen problemas e reclaman dos seus representantes solucións. Imaxino que para Feijoó, acostumado a vivir nunha burbulla, impermeábel ao sufrimento de miles de persoas, é incómodo ter que ver a realidade. Seguramente esta é a razón última que esconde a decisión de Pilar Rojo.

O intelixente sería unha rectificación. Agardamos que se produza, en todo caso o BNG seguirá defendendo un Parlamento aberto á cidadanía, especialmente a quen padece as duras consecuencias desta crise económica. As ameazas e as represalias serán, en todo caso, alento para a loita. Como moi ben dicía un simpatizante do BNG, nestes momentos compre loitar pola terra, non amolecer ante as inxustizas, que elas sexan o combustíbel que nos dá forza.