O remate dunha lexislatura de desfeitas sociais
O que mal empeza, mal acaba, frase feita que moi ben podería resumir a lexislatura que hoxe remata coa publicación no BOE da disolución das Cortes.
Un mandato marcado polo avance da grave crise económica e pola adopción de medidas que prexudicaron fundamentalmente ás maiorías sociais do Estado español.
Comezou a lexislatura coa negación reiterada da crise por parte de Zapatero, que tivo que cambiar o eufemismo de "recesión económica" pola crúa realidade: crise. Reaccionou tarde, mal e arrastro, rémora coa que tivo que cargar durante toda a lexislatura. E cando comezou a reaccionar, fíxoo do peor dos modos posíbeis: Plan de Axuda á banca, Plan de Axuste, reformas laborais, recortes das pensións, e un peche glorioso: a reforma da Constitución para consagrar a
doutrina do déficit cero. Foi o mandato do "streap tease" do Goberno PSOE, un destape sen complexos á hora de abrazar os ditados da dereita.
Ningunha destas medidas recibiu o respaldo do BNG que, desde o inicio advertiu a Zapatero de que a economía non se reactivaría a conta da merma do Estado de Benestar, que canto menos investimento público, menos medre económico. E así está sendo. Feito que xa admiten até os falcóns económicos do mundo e incluso as tan temidas axencias de cualificación. As previsións de crecemento económico do Estado español son nefastas, medre lastrado polas políticas de contención do gasto público. Un círculo vicioso moitas veces advertido polos nacionalistas galegos.
A caída libre iniciouse o 27 de maio de 2010, data na que se votaba o duro Plan de Axuste, cualificado polo BNG como "o maior retroceso en materia social da historia da democracia". Un Plan que reunía medidas como unha redución drástica do investimento público, a suba do IVE, a conxelación das pensións e a redución dos salarios dos funcionarios. O paquete recibiu un non sonoro do BNG.
Non contento con iso, o Goberno do PSOE foi a por outro dos flancos débiles da sociedade: os traballadores e as traballadoras. Foi o quenda da primeira reforma laboral, fortemente contestada na rúa e que foi merecente dunha folga xeral. Unha reforma que lonxe de promover a contratación indefinida, esa foi a xustificación gobernamental, trouxo maior precarización e máis paro. Para os incrédulos, recomendo acudir ás estatísticas do INEM desde que se aplicou a norma hai un ano.
A reforma laboral veu en forma de decreto, o formato favorito do Goberno socialista nesta lexislatura. Baixo ese formato trouxeron a reforma laboral, o decreto para a reforma da negociación colectiva, a reforma das pensións, o decreto sobre a reforma das Caixas de Aforo, a segunda entrega da reforma laboral, o teito de gasto para o 2012 ou a reforma da Constitución. Un xeito de gobernar a golpe de decreto que descubriu a outra cara da moeda dun Goberno entregado ás directrices dos poderes financeiros e económicos mundiais, e ás ordes do cancerbeiro neoliberal da UE: Angela Merkel.
O ano 2011 inaugurábase co veloz e teimudo recorte das pensións, un traballo no que o Executivo de Zapatero se afanou para deixar os deberes feitos a anos vista. Outro golpe ás clases sociais máis desfavorecidas e outra entrega ás entidades financeiras pois é o impulso dos plans de pensións privados, no Estado da UE máis atrasado neste tipo de gran negocio para a banca.
Logo houbo máis carga para as cargadas costas dos traballadores: a reforma da negociación colectiva e o segundo capítulo da reforma laboral. Iso para facer a cuadratura do círculo e completar a faena.
Unha lexislatura que acaba de rematar cun broche de ouro: a reforma da Constitución pactada baixo chave entre o PSOE e o PP, nun par de noites a escuras, e tramitada a todo correr tamén pola vía dun decreto. Acordo que deixou ás claras que no fundamental os dous partidos maioritarios están de acordo. Unha última xogada que plasma na Carta Magna unha única maneira de gobernar economicamente, rexida só polos principios do neoliberalismo e a variña máxica do déficit cero. Unha pócima que ameaza seriamente o mantemento das prestacións sociais públicas.
E na carreira contra reloxo, ás portas da disolución das Cortes, o Goberno levou á Cámara, tamén baixo a personificación do Real Decreto, a resurreción do Imposto sobre o Patrimonio que o mesmo Executivo PSOE suprimira nos albores da lexislatura. Nesta ocasión contou co voto favorábel do BNG que sempre se opuxo á súa eliminación, un si crítico porque rezumaba electoralismo de última hora e porque se quedaba curto nun momento no que había que aspirar a unha reforma fiscal de arriba a abaixo, tal e como propugnaron os nacionalistas galegos durante toda a lexislatura. Non é suficiente cando seguirá coexistindo cun sistema impositivo inxusto que non reparte equitativamente a carga fiscal, sobre todo porque debería gravar máis aos que máis teñen. E neste punto permitídeme que me afaste da tan aplaudida frase de Obama: "non é un debate de ricos e probes, son matemáticas", dixo o Presidente estadounidense. Pois son matemáticas a aplicar a ricos e probes, e se as matemáticas son sempre xustas, o resultado debería ser un reparto proporcional, quen máis ten máis paga.