O Plan de Ordenación do litoral (POL) consolida a eucaliptización da costa galega

O Plan de Ordenación do litoral (POL) consolida a eucaliptización da costa galega

O POL, que ven de presentar a Xunta de Galiza e que pretende aprobar definitivamente ao longo deste ano 2010, supón una nova agresión á paisaxe galega e aos seus recursos naturais. O criterio empregado no POL para estabelecer as protección de bosque ou outras figuras de protección da paisaxe costeira (unidades de paisaxe ou ámbitos de recualificación) supoñen na práctica a consolidación e perpetuación da eucaliptización da costa galega, sen que se albisque en todo o documento ningunha medida para pór freo e facer retroceder esta situación.

Facendo un percorrido polo litoral galego obsérvase fácilmente que un dos maiores problemas de degradación que ten sufrido durante décadas é a desaparición dunha parte moi importante dos seus bosques costeiros e a súa substitución por monocultivos de eucalipto e piñeiro.

Esta reforestación das terras costeiras galegas, incluíndo unha parte importante de terras agrarias, supuxo unha modificación radical da paisaxe costeira galega, o abandono dos seus usos tradicionais e a explotación-expoliación de importantes recursos naturais da nosa nación para fornecer de madeira de baixo prezo ás industrias vinculadas á primeira transformación. O principal beneficiario, con moita distancia, desta situación é o grupo empresarial ENCE. Todas as galegas e galegos somos sobradamente coñecedores dos prexuizos que para o noso país supuxo esta situación, tanto desde o punto de vista económico, como social e ambiental.

O POL non propón ningunha medida de recuperación dos bosques costeiros galegos e consagra a situación actual de eucaliptización do litoral.

As proteccións de bosque que aparecen recollidas no POL constitúen elementos discontínuos e de escasa entidade desde o punto de vista da recuperación ambiental. Na maioría dos casos está constituída por manchas de vexetación próximas aos núcleos de poboación, ou dentro dos propios núcleos, que nada se teñen a ver coa entidade e funcionalidade dun bosque. Esta concepción residual é a que aparece recollida na literatura do propio documento (Véxase no título IV, capitulo 1, apartado 5: áreas do plan de ordenación do litoral)

O POL deixa o noso monte aberto á súa explotación por grandes grupos alleos aos intereses do país.

Ningún dos espazos de monte suceptibeis de protexerse e recuperarse, e son moi numerosos ao longo do litoral galego, teñen ningunha protección no plan do litoral. Este documento amosa unha intencionalidade clara de deixar calquera destes espazos libres de ningún impedimento ou traba que no futuro imposibilite que segan a explotarse e estragarse como na actualidade, e en beneficio de grandes grupos empresariais que ven o noso país como fornecedor de recursos (ENCE, grandes corporacións enerxéticas, etc).

Observando as unidades de paisaxe incluídas no documento (Título III, Paisaxe) aprézase ás claras a concepción coa que está elaborado a totalidade do documento. Resulta profundamente clarificador que para determinar o carácter tradicional dos asentamentos poboacionais se empreguen os voos dos anos cincuenta, e este mesmo instrumento non sexa empregado para determinar a situación tradicional dos montes costeiros e, en consecuencia, propoñer medidas tendentes a súa recuperación e explotación racional.

O POL é un documento feito para un país colonizado

Estamos diante dun documento feito de costas aos intereses da maioría social galega, que mentres considera erros asentamentos tradicionais da nosa costa ligados a sectores produtivos fundamentais no noso país (pesca, marisqueo...), mantén e consolida a degradación con monocultivos dos montes costeiros galegos. Queda ben patente que intereses subxacen destrás do Pol: perpetuar unha situación de dependencia económica e degradación dos nosos recursos naturais. É un documento feito para un país colonizado. Revelarse frente ao POL é loitar polos nosos intereses nacionais e contra a continuidade de políticas expoliadoras dos nosos recursos.