O Partido Popular e a destrución da costa galega

O Partido Popular e a destrución da costa galega

Dende o cambio de goberno ocorrido en marzo de 2009 moitas cousas cousas teñen ocorrido en Galiza. Unha das que cambiou de xeito máis notable foi a consideración do medio ambiente e do desenvolvemento sostible como fontes de emprego e valor de futuro. De feito, o medio ambiente e o desenvolvemento sostible desapareceron das políticas públicas e ficaron como asuntos anecdóticos dos que é mellor non lembrarse.

A regresión das políticas de sustentabilidade é total, a súa reducción en pro do desenvolvento suxo e dos postos de traballo da máis baixa calidade é absoluta.

Entre estes exemplos temos como estandarte da deplorable situación actual as trapalladas feitas polo goberno da Xunta con respecto á problemática urbanística e da protección ambiental da parte máis sensible e valiosa de toda Galiza. A enorme franxa litoral galega, 1.300 Km de litoral, xoia natural, é tamén a rexión máis densamente poboada e urbanizada de todo o país.

Os planes gubernamentais para esta franxa litoral son moi claros; permitir a edificación privada en amplas zonas e por suposto seguir permitindo como até agora as infraestructuras públicas e privadas, industriais e de servizos, en calquera lugar, mesmo nos espazos formalmente protexidos pola Rede Natura 2000 (principal figura de protección europea dos hábitats naturais).

O instrumento principal da falcatruada ambiental que está por vir é a reforma de 44 artigos da Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural, máis coñecida como Lei do Solo de Galiza 9/2002 que permitirá aos concellos a autorización de licenzas de obra directamente e sen o requerimento previo da aprobación dos organismos responsables do urbanismo da Xunta de Galiza. Permitirá asimesmo a construcción de vivendas no chamado "Solo Rústico non-consolidado" de nova creación, ad hoc para facilitar a concesión de licenzas. Asimesmo legalizaranse miles de vivendas e outras construccións ilegais que quedarán englobadas na categoría "Fora de Ordenación"(1).

Todo para axilizar a concesión de novas licenzas sen control eliminando tres meses de trámite autonómico, porque como todos sabemos: o problema da crise económica non é que non se vendan vivendas, senón que é, e foi, que non se constrúen as suficientes (ironic).

Pois ahí temos a auténtica solución á crise económica do mediocre goberno da Xunta de Galiza, construamos moreas de vivendas de baixa calidade, deixemos construir sen control na parte máis sensible e prezada do territorio, para contentar a alcaldes corruptos que pretenden recalificar para obter recursos económicos dos que nestes momentos andan escasos.

Esta é a corta visión de moitos alcaldes do Partido Popular e máis do PSOE que pretenden solucionar as contas municipais cos cartos das novas licenzas. Sen embargo hai que destacar a posición valente, expresada con rotundidade por Emilio Pérez Touriño no xornal El País, sobrecollido pola avaricia que parecen compartir algúns dos dirixentes municipais do PSOE en Galiza cos seus homólogos do Partido Popular (3).

Asturias protexe o 50% da súa franxa costeira, namentres que os plans da Xunta de Galiza protexen unicamente 26% do territorio costeiro, e iso que a situación demográfica é exactamente a mesma (4).

Esta situación na promoción de vivendas, temos que completala coa maior permisividade para a construcción de infraestructuras industriais e de servizos, públicas ou privadas. Neste último caso a permisividade é total e acada ao 100% do litoral. O Plan de Ordenacion do Litoral non vai supor ningun requisito insalvable para a construcción por exemplo das tan temidas piscifactorías a pé de costa e coa extensión que os empresarios de turno consideren oportunas. Simplemente requerirán da concesión de Utilidade Pública outorgada pola Xunta de Galiza para poder construirse, mesmo nas zonas protexidas pola Unión Europea na coñecida como Rede Natura 2000.

Quizais a situación pode se cabe empeorar, porque según as recentemente coñecidas enmendas efectuadas polo Grupo Popular a 31 artigos da lei do solo en Febreiro de 2010, tamén pretenden permitir a construcción de vivendas dentro da Rede Natura galega (5).

Esta lamentable situación actual na que vivimos é consecuencia da falta de sensibilidade ambiental do noso país promovida por intereses económicos de curto prazo. A propaganda utilizada por parte dalgunhas empresas de postos de traballo a cambio de destrucción do medio ambiente é unha falsa dicotomía. Esta lamentable idea aínda ten calado en amplas capas na poboación galega máis desinformada e inconsciente de que cando se degrada o medio ambiente, a poboación e o erario público son quen asumen os enormes custes económicos. Basta con examinar leis de protección máis progresistas como as existentes no veciño Asturias para decatarnos de que o respecto ao medio ambiente é o único camiño para a creación de postos de traballo, mesmo de calidade, namentres que o camiño do subdesenvolvemento é subvencionar a grandes empresas para que destrúan o ambiente a cambio de migallas económicas e o seu propiro lucro.

O recente desastre das inundacións na illa de Madeira teñen orixe no urbanismo descontrolado, o mesmo que se quere promover en Galiza. Os efectos do desastre en Galiza serán a medio prazo pero agora é punto de partida.