O noso dereito a decidir

O noso dereito a decidir

Estamos vendo todos os días a través dos medios de comunicación a brutal ofensiva que están aplicando contra quen defendemos o dereito a decidir dos pobos. O caso de Cataluña é o exemplo máis claro desta ofensiva. Os pretendidos demócratas pretenden incluso impedir que se poida falar en sede parlamentar deste asunto con naturalidade e normalidade, o que demostra cal é o seu talante real ante os dereitos dos demais. Temos que escoitar frases do tipo “como van os cataláns decidir se pertencen ou non a España? Eu tamén (andaluz, madrileño ou murciano) quero participar nese referendo porque Cataluña é España digan o que digan os nacionalistas”. Afirmacións deste calibre saen cada día das bocas de tertulianos/as das cadeas estatais e autonómicas en réplica exacta na que as demais opcións nunca teñen cabida.

O debate destes días sería para rir de non estar na situación na que estamos. Escoitalos dicir todos alporizados/as que quen é o Parlamento Catalán para aprobar unha proposta soberanista se esta está fóra da Constitución resulta absolutamente patético. Pero ten unha finalidade ben clara. Atacar calquera movemento democrático e institucional que vaia na vía do recoñecemento de dereitos e na necesidade de avanzar no camiño da autodeterminación.

Tamén nesa liña vai a proposta do PP de Feixóo de levar ao Parlamento galego unha iniciativa de condena expresa ao terrorismo na Galiza, como se esa fose a nosa maior preocupación e non as cada día maiores cifras de paro, os recortes sociais e en saúde, etc. Teñen todo moi ben calculado, e por iso queren seguir asimilando soberanía e independencia con violencia.

Estamos polo tanto ante a brutal, interesada e permanente demonización de quen defendemos outras opcións perfectamente lícitas e xustas, opcións que, claro está, non apostan pola integridade territorial de España. E cada día vai a máis, como vai a máis tamén o sentimento de perda de dereitos por parte de moitos cidadáns.

No Reino Unido abriuse de novo o debate sobre a permanencia na Unión Europea. Está aberto tamén noutros países o da permanencia no Euro. Hai territorios en Europa e fóra dela onde están previstos referendos de autodeterminación enmarcados no diálogo normal en calquera sociedade civilizada sobre o dereito a decidir das persoas e dos pobos. Pero claro, iso no Estado Español non pode darse, o que demostra as orixes do modelo que se implantou despois da dictadura militar.

O BNG acaba de iniciar un novo proceso interno no que debe quedar ben clara a aposta soberanista e independentista da nosa organización. Quedar descolgados do debate aberto en Cataluña, en Euskadi e noutras zonas de fóra do Estado sería un suicidio colectivo. Temos que perderlle o medo a esa terminoloxía da que case sempre fuximos por medo a que non sexa compartida. Debemos facer pedagoxía política e explicar con claridade porqué apostamos por esta opción e en que nos vai favorecer no futuro.

Nun momento en que a xente pensa basicamente en chegar a fin de mes e en non perder o seu mísero traballo, temos que ser quen de facerlle entender a amplas capas sociais que non é posíbel saír da crise na que estamos se non temos capacidade de decisión, esa capacidade de decisión que nos negan tanto desde Europa como desde España e desde a propia Galiza quen gobernan e quen mandan, eses poderes económicos e políticos que só teñen a vista posta na defensa dos poderosos.

Que o propio Reino Unido queira recuperar capacidade de decisión en asuntos económicos é ben significativo. Non somos exclusivamente os/as nacionalistas os que pensamos que non poden decidir por nós, sobre todo cando quen decide non pensa para nada nas persoas e nas súas necesidades reais.

Queda moito camiño por andar, pero o BNG encetou un novo vieiro, o vieiro da soberanía, e non pode deixalo de lado. Con trazos firmes temos que seguir escribindo nas liñas da historia, da nosa historia, con firmeza, con perseverancia, con seguridade e da man de todas e todos aqueles que queiran traballar pola nosa nación.