O nacionalismo e as deputacións
Poucas reivindicacións teñen tanta presenza na historia do nacionalismo galego como a oposición a unha división provincial administrativa imposta. Mais alá das que son consubstanciais co carácter nacional de Galiza (idioma, cultura, poder político propio, autoorganización, identidade territorial, defensa dos sectores produtivos básicos, traballo na propia terra,...), a oposición a unha estruturación administrativa imposta e realizada en tempos do secretario de estado J. De Burgos en 1833 e que representaba a consumación dun estado fortemente centralista coas provincias como eixo canalizador da política estatal, forma parte tamén do ideario do nacionalismo galego.
Dende o que algúns historiadores consideran o primeiro movemento articulado politicamente de carácter nacionalista, o provincialismo de Antolín Faraldo e a súa reivindicación de Galiza provincia única, pasando polo Partido Galeguista e todo o movemento que culminou na aprobación do primeiro estatuto, seguindo co Sempre en Galiza, e chegando ate hoxe, a oposición ás demarcacións actuais provinciais e as institucións que as gobernan está permanentemente presente no ADN do nacionalismo galego.
Os provincialistas tiñan claro que a división territorial provincial de Burgos significaba un torpedo a liña de flotación da cohesión territorial e nacional que representaba o antigo reino de Galiza. Dende ese intre a oposición a unha división provincial imposta e as institucións que despois a representaban foi permanente. A formulación que se recolleu no estatuto do 36 e o tratamento que se deu a todas as emendas que se presentaron no trámite de elaboración do mesmo, tivo a precaución de sen vulnerar a "orde establecida" non facer un recoñecemento explícito das deputacións provinciais. A formulación que Castelao recolle no Sempre en Galiza é rotunda na defensa da desaparición das deputacións. E a posición do nacionalismo galego no ultimo terzo do século pasado e na actualidade foi sempre clara en defensa da desaparición das deputacións. É tan recorrente e intensa a reivindicación de que as deputacións son institucións impostas, anacrónicas en Galiza, e que mesmo frean calquera articulación territorial que responda ás necesidades galegas, que mesmo os redactores do Estatuto hoxe vixente tiveron que recoller, en unha disposición adicional, e para darlle unha mínima credibilidade neste ámbito, un mecanismo de coordinación das deputacións provinciais dende o poder autonómico, que puidese ser presentado publicamente como un paso para a súa posterior desaparición.
Si sempre foron innecesarias e antigalegas hoxe, con institucións autonómicas, xa son tan profundamente anacrónicas que o que no pasado só nos atreviamos a formular dende o nacionalismo, hoxe xa aparecen outras voces que tamén o reclaman. Iso si as estruturas dos dous partidos estatais mais fortes PSOE e PP seguen tratando o asunto como que necesita unha simple reforma e non a desaparición das deputacións, instalados aínda na filosofía de que seguen sendo pezas estruturais dun estado e como unha división administrativa que serve de freo as reivindicacións nacionais.
As deputacións son hoxe en Galiza xa insostíbels. Non hai ningunha razón nin sequera a Constitución para a súa permanencia. A realidade constitucional non consagra a existencia das deputacións, senón de unha institución para xestionar os asuntos provinciais, que mesmo podería ser articulada dende o poder autonómico, como de feito xa acontece nas comunidades uniprovinciais nas que non existe deputación.
As deputacións representaron sempre, e hoxe tamén, un autentico freo a unha articulación territorial que responda as necesidades presentes do Galiza e a súa evolución histórica. É un sen sentido afrontar a potenciación ou creación de comarcas, sexan rurais ou urbanas (areas metropolitanas), sen ter presente a desaparición das deputacións.
As deputacións pola súa propia concepción son unha institución claramente proclive a impulsar comportamentos caciquís. Son seguramente a única institución que non ten practicamente ningunha obriga real cos cidadáns e que si manexa un importante orzamento con un amplo marxe de discrecionalidade (seguramente o maior marxe de discrecionalidade de todas as institucións que xestionan recursos públicos), o que permite e incentiva comportamentos enormemente caciquís como os que todos coñecemos. É ademais a única institución de representación popular que non ten sequera unha parte de elección directa.
Si existise vontade política hoxe debería ser unha necesidade o afrontar un proceso que rematase coa supresión das deputacións en Galiza. Proceso que debería pasar por unha reforma da lei de réxime local que permitise a Galiza regular todas as competencias no eido local, para en paralelo ir desenvolvendo un proceso normativo de coordinación das institucións provinciais que rematara coa súa desaparición. É todo un exemplo das prioridades do sistema cando se pode impulsar todo tipo de reformas utilizando como desculpa a crise, e pola contra non se aborda a supresión das deputacións que representaría racionalidade, aforro, evitar duplicidades e que son un apéndice do réxime anterior e que ninguén notaría a súa desaparición.
A desaparición das deputacións permitiría desbloquear en Galiza unha reforma en profundidade da estrutura administrativa. Os seus orzamentos, competencias e medios poderían utilizarse en unha dupla dirección: por un lado para evitar dualidades con asunción por parte da Xunta e de entidades comarcais e metropolitanas dalgunhas competencias, e por outro para fortalecer os medios e recursos dos concellos que mesmo nalgúns casos serviría para impulsar fusións para mellorara incrementar os servizos ofrecidos aos cidadáns.
Resulta curioso que se utilice como argumento contra o nacionalismo que non é explicable que participemos en institucións das que defendemos a súa desaparición. Argumento que levaría a que todos os que queremos transformar en profundidade un sistema económico e político non podamos participar nas súas institucións. Os republicanos non poderían participar en institucións e parlamentos monárquicos, e os que defendemos parlamentos soberanos nas nacións do estado tampouco poderiamos participar en institucións que teñen eivada esa capacidade. Argumento falaz que só busca agochar a falta de vontade política para darlle o "finiquito" as Deputacións provinciais.