O lixo ten escolta


Os Concellos do Consorcio das Mariñas fanlle pagar ás persoas contribuíntes a taxa pola reciclaxe do lixo, cando Albada, cuxos traballadores están en folga, só recicla o 5% dos refugallos

Unha das medidas populares que adoptou o alcalde da Coruña ao coller o bastón de mando foi anunciar a supresión da figura dos escoltas. Disque o “bipartito” (é dicir, o alcalde Losada, do PSOE) tiña gardacostas e o novo alcalde do PP, coa bandeira da austeridade na man, quería acabar con este gasto superfluo. Porén, pasados os meses, fíxose evidente que o Carlos Negreira non só tiña un escolta, senón que tiña dous, concretamente, dous axentes vestidos de traxe aos que o Concello lles pagaba un suplemento por desenvolveren tarefas de vixilancia e protección. Alén destes dous gardacostas, o alcalde da Coruña afánase nas últimas semanas en poñerlle escolta aos camións da recollida do lixo. O estado nauseabundo que presentaron as rúas da cidade nas primeiras semanas de folga dos traballadores da planta de “tratamento” de Nostián levaron o PP a se mobilizar para tratar de rematar cos efectos deste paro. En lugar de cortar de raíz o problema e de esixirlle á concesionaria municipal, a UTE Albada, que cumpra coa reciclaxe comprometida e cos dereitos laborais, Carlos Negreira decidiu tirar de policía para resolver un conflito provocado pola empresa.

Algo cheira mal na planta de Nostián cando o Goberno municipal do Partido Popular lles impediu ás concelleiras do BNG o acceso ás instalacións onde supostamente son reciclados os refugallos dos Concellos que forman parte do Consorcio das Mariñas. Algo cheira mal cando o Goberno municipal do PP lle impediu ás concelleiras do BNG o acceso ao resultado da auditoría técnica-medio ambiental e económica sobre Albada. Que ten que ocultar Carlos Negreira? Simplemente, que na planta de Nostián se recicla unha ínfima porcentaxe dos residuos que chegan, unha porcentaxe que non supera o 5%, tal e como veñen revelando desde o mes pasado os traballadores de Albada, que advirten de que o resto de refugallos acaban en vertedoiros. Iso si, na Coruña, as persoas contribuíntes sofren unha estafa social en toda regra, ao pagaren unha taxa como se a reciclaxe for tal. De feito, esta fraude levou a empresa a gañar 100.000 euros máis no primeiro trimestre do ano respecto do primeiro trimestre de 2012. Ademais, o grupo Urbaser, filial da empresa de Florentino Pérez ACS, recadou máis de 146 millóns de euros en beneficios, segundo os últimos datos publicados, de 2011.

,Á concesionaria municipal non lle chegan os beneficios. O seu furor mercantilista leva a Albada a pretender recortar os dereitos dos traballadores para incrementar as ganancias. Todo beneficio vale aínda que se retalle en materia laboral e aínda que se cometa unha fraude ao cobrarlle ás persoas unha taxa por unha reciclaxe que non existe. Así, despois de despedir 11 traballadores, Albada decidiu desmantelar o convenio colectivo, reducir os salarios un 25% e incrementar a xornada laboral. A folga convocada polo Comité de Empresa a 28 de xullo facilitou que a concesionaria, que pretendía retrotraer as condicións dos empregados ás que tiñan cando se puxo en marcha Nostián, dera marcha atrás na súa idea de recortar os soldos. Porén, a empresa, amparada pola reforma laboral do Partido Popular, teima en non readmitir os despedidos e en desmantelar o convenio e, sobre todo, quere camiñar na súa pretensión de cambiar o modelo da planta de “reciclaxe” de Nostián, que quere converter nunha planta de transferencia de residuos.

Malia tratarse dunha concesión municipal que incumpre o servizo, o papel do alcalde é escandaloso. Amais de condenar o traballo dos piquetes informativos, Carlos Negreira refírese á folga do lixo como mero espectador, como se a folga non fose co Concello da Coruña. O Goberno municipal actúa como cómplice necesario de Albada ao renunciar a presionar a empresa para que cumpra coa reciclaxe en Nostián e ao ocultarlle á cidadanía o resultado das auditorías que permitirían coñecer os incumprimentos da concesionaria. Ao igual que quen pretende tapar o fedor con perfume e sen limpeza, o Partido Popular maquilla a folga do lixo na Coruña con horas extra á policía municipal para que escolte os camións de recollida do lixo. Todo vale para vender a pulcritude das rúas de “la gran Coruña” preconizada por Carlos Negreira e cacarexada por quen critica que os traballadores reivindiquen o seu salario porque “cobran demasiado” e porque se lles incrementara o salario nos últimos anos o 40%. O que ocultan é que os traballadores de Albada apenas chegaban ao salario mínimo interprofesional.

Ao Goberno municipal, con ou sen o apoio dos grandes medios de comunicación, non lle vai resultar doado minimizar o impacto da folga conxunta convocada polos traballadores de Cespa (recollida do lixo), Sogama e do vertedoiro da Areosa, amais dos de Albada, contra a degradación dos dereitos laborais no sector do lixo. A solidariedade e a loita destes traballadores é exemplar. A dignidade non precisa de gardacostas.