O imperio da idiotia


O pasado domingo, no contexto da ilusionante precampaña electoral do BNG na cidade da Coruña, un grupo de militantes e candidatos do BNG encabezados por Xosé Manuel Carril percorremos un dos lugares con máis personalidade da nosa cidade. Estoume a referir ao enclave de Elviña-Castro, onde conviven o secular Castro de Elviña coa Universidade da Coruña, cunha fermosa Igrexa románica do século XII -San Vicente de Elviña- e cun núcleo de poboación que aínda conserva o amor á terra dos que non foron aínda de todo "urbanizados."

No percorrido que fixemos puiden observar varios detalles que configuran ese xenuíno imperio da idiotia que durante anos sucesivos gobernos de "La Curuña" crearon. Así, nun núcleo poboacional que precisaría dunha fonda promoción e conservación, podemos ver imaxes tan impactantes como, desde o adro da Igrexa de San Vicente de Elviña, dúas horrendas torres de edificios que rachan o silencio do horizonte e que contrapoñen o enclave periurbano do Castro co urbanismo irracional de Javier Losada e Mar Barcón. Véxase a foto que ilustra este artigo porque unha imaxe val máis que mil palabras.

Outra estampa que sitúa á Coruña construída durante a "Era Vázquez" no "Top Ten" da idiotia é a dun insultante rótulo publicitario dunha grande área comercial asomando desafiante no lateral da fachada principal da románica Igrexa de San Vicente. Observemos de novo a fotografía e, ademais de contrastar distintas estéticas e o mesmo paso dos séculos no espazo fotografado, podemos tirar como conclusión cómo este Imperio da Idiotia entregou a cidade ás grandes áreas en detrimento do pequeno comercio. Unha cidade ateigada de vastos espazos comerciais que afogan o comercio tradicional -algo criticado e combatido políticamente en exclusiva polo BNG contra vento e mare, contra o PSOE e o PP-, que condicionan o noso lecer e que, no canto de xerar emprego estábel e de calidade, xera emprego precario e temporal.

E no paroxismo, toda unha orxía da estupidez!, agora anuncian con grande pompa a apertura de "Marineda City", "El centro comercial más grande de España y el tercero de Europa", case nada!. Alias do autoodio que rezuma o feito de que a comparación sexa con España e Europa -tanto monta monta tanto-, non deixa de resultar un síntoma preocupante da situación na que nos atopamos que a apertura deste novo centro comercial, de ocio e de negocio sexa venerada por xeradora de postos de traballo mentres de xeito paralelo atopámonos ante unha dramática situación na que se destrúe emprego case a diario: Caramelo, Sykes, Attento, EMESA, FRICOSA, FC Alimentación, AUSIMA, Cerámicas do Castro ... Condenan a centos de traballadores ao desemprego e dásenos como única alternativa de xeración de emprego a apertura dun novo centro mastodóntico que suporá maiores problemas para o pequeno comercio e os emprendedores autóctonos e cuxo emprego será precario e temporal.

Non deixa de resultar especialmente chocante que un dos anuncios deste "Marineda City" sexa o dunha sorridente Julia Otero dicindo algo así como "Agora os cataláns que queiran pechar acordos de negocios terán que vira o Business center de Marineda City". De seguro que esta profesional do xornalismo non deseñou tan nefasta campaña publicitaria. Se cadra ela, metade galega metade catalá, opina, coma nós, que o importante non é tanto onde se pechan os acordos de negocios senón onde van dar os seus froitos en termos de postos de traballo e implantación de tecido industrial.