O goberno dos ausentes

Esta semana fomos testemuñas dun novo episodio do goberno da ausencia. Ausencia nos feitos, deixadez de responsabilidades.
A Consellería de Educación podería ser bautizada baixo esta epígrafe, mais eu engadirei un máis: O gobeno dos necios.
No último episodio do "isto non vai comigo" vemos como trasladan aos equipos directivos a potestade de suspender as clases (ou non) no caso de condicións meteorolóxicas adversas.
Mais que conleva isto?
En primeiro lugar, irresponsabilidade de quen debe exercer o seu traballo de xeito institucional, é dicir, exercendo a maior das responsabilidades. Mais tamén conleva dúbidas sobre a cobertura legal no caso dunha incidencia desafortunada ou dunha decisión mal tomada. En resumidas contas: que doado é cargarlle o morto a outro!
Estamos cansos dunha Consellaría que leva por bandeira o conflito e a ausencia na acción de goberno. No mellor dos casos a deixadez é a súa actitude; no peor, vemos unha obsesión continua por rematar coa galeguidade do ensino público e con este mesmo carácter público. Unha Consellaría que comezou atacando o noso idioma, reducindo persoal e presupostos, para rematar "re-matando" coa función docente e co respecto á nosa profesión.
Na CRTVG, novo NODO autonómico, fomos e somos testemuña viva de ataques á nosa profesión. Sofrímolo na enquisa fraudulenta do galego e sofrímolo na folga en contra do decretazo. É a primeira Consellaría da historia que nos enfronta ás familias e á sociedade.
Entrando en profundidade e facendo unha reflexión que arrinque a primeira capa, véselle rapidamente a cor ao animal. No fondo hai unha cuestión ideolóxica, sendo isto o perigoso ou peliagudo da cuestión.
Hai ganas de que todo saia mal, intención en que todo vaia mal, pero só nun dos ensinos, o que está na primeira liña mediática, o que é de todos: o público. Están a crear unha visión da profesión de comodidade e disconformidade, falta de profesionalidade ou incluso vocación (no termo Rosa Díez da palabra). Están asociando ensino público á palabra problema. E isto loxicamente ten un obxectivo: a destrución premeditada do ensino público para maior desenvolvemento e renda do ensino privado.
Compañeiras e compañeiros, mentres sufrimos o goberno da ausencia vemos como esta ausencia fagocita a existencia dun dos nosos bens sociais máis prezados.
Esteamos atentos, porque os que gobernan na ausencia xogan ao despiste.