O corazón da nación


Situada na súa parte máis alta, no límite co Páramo, Escarlán é unha aldea pertencente á parroquia de Goián, no Concello de Sarria.

Arrodeada polo coñecido como monte da Aguieira, desde alí divisase todo o val paramés e, ao lonxe, Lugo. Trátase dunha aldea que conserva unha paisaxe espectacular na que actualmente quedan xa tan só dúas casas, unha delas practicamente deshabitada.

Se observamos o conxunto da parroquia esta situación tornase, se cabe, aínda máis inquedante. Son numerosas as casas que se atopan en situación ruinosa, esquecidas polo paso do tempo e cuxos propietarios abandonáronas na percura dun outro futuro.

Lonxe quedan xa os tempos nos que os máis novos do lugar saíamos a ruar polas airas e as corredoiras, porque apenas quedan cativos. E todo isto nun lapso duns doce anos, non máis.

Porén, esta situación non é exclusiva de Goián, senón que se estende penosamente ás demais parroquias que a arrodean, desde Frades até Guillade, onde os seus habitantes se poderían contar cos dedos dunha man.

O despoboamento que vén padecendo dende hai anos un elemento co importante peso económico, social e histórico como é o rural en Galiza sitúanos, certamente, nun nivel de retroceso que avanza a pasos axigantados. Mesmo se podería falar de determinadas zonas na nosa nación condenadas ao esmorecemento progresivo e co perigo de conducir á súa total desaparición. Casos como os do Courel, Quiroga, Parada do Sil ou A Teixeira dan boa conta disto.

Non entanto, é evidente que a esta situación non se chega porque sí, senón que é o resultado de anos adicados á aplicación de políticas nefastas para os nosos sectores produtivos que propiciaron o desmantelamento do agro galego. Políticas dirixidas dende a Unión Europea, o Estado español e coa conivencia da Xunta de Galiza que teñen suposto a destrución do principal piar no mantemento da viveza do noso rural. Un claro exemplo disto é o peche de numerosas explotacións agro-gandeiras ao que se viron abocados centos de labregas e labregos aqueixados polas estratexias das grandes corporacións, coa aceda tristura que supón o non ver rendíbel nin dignificado o traballo propio.

Ferramentas impulsadas polo BNG como o Bantegal ou a posta en marcha das UXFOR foron cabalos de batalla na pasada lexislatura, a través das cales se quixeron poñer os alicerces para frear o abandono do noso rural e contribuír á súa posta en valor.

Ferramentas útiles e postas ao servizo do pobo, nunca antes vistas no no noso país, que fican agora paralizadas coa volta do PP á Xunta de Galiza, deixando de ser apoiadas polo goberno galego. Voltan, así, os tempos de quen até son capaces de lle poñeren prezo ás silveiras e ás amoras.

O noso rural, a reserva espiritual de Galiza, como fermosamente o cualificou Uxío Novoneyra, garda no seu ser o máis profundo da nosa cultura, enraizada nas árbores e nas fragas. Non pode, emporiso, desaparecer baixo a pesada lousa que supón a uniformidade e a asimilación imperante nos patróns homoxeneizadores do progreso mal entendido que nos aquexa e asfixia.

O noso rural ten que renacer apoiado na vizosidade dos seus recursos naturais, da súa cultura, das súas tradicións e, sobretodo, pola forza da xente nova, quen temos que saber aproveitar a sabedoría transmitida polos nosos devanceiros.

Porque é no rural onde se conserva o máis puro da nosa identidade, a reserva máis fermosa e fiábel da nosa lingua e da nosa cultura. Só nel poderemos aprender a desfrutar do canto do cuco, da cotovía ou do pazpallar, percorrer as carballeiras e recoñecer os salgueiros e as abidueiras. Ollar a brétema ou mollarnos baixo o orballo e a choiva. Agardar a que chegue o tempo da sementeira, das patacas, do millo, do centeo...Rubir polo monte raso e gozar na primavera coa eclosión do froito que dan as leiras e terras de labradío.

É así como, a pesares da dureza dos días, hai quen se resiste -resistímonos- a abandonar e a esquecer o recendo da herba seca e da ferraña recen cortada no verán. Aquí, no rural, no corazón da nosa nación.