O control e deseño previo da información

O control e deseño previo da información

Nestes tempos convulsos, máis ca nunca, o control da información converteuse no maior mecanismo de dominio da consciencia da nosa sociedade. Vello xa é o debate que vivimos día a día sobre a imparcialidade e incluso a vontade de investigación e de contraste crítico que demostran unha boa parte dos informadores. De todos os xeitos pouco pode sorprender esta pasividade nuns casos, e esa premeditada actitude, noutros, se temos en conta as vinculacións económicas e as dependencias dos grandes grupos de comunicación que publican a prensa escrita que lemos ou dos que posúen a práctica totalidade das radios e canles de televisión existentes.

Supostamente, lonxe desa tesitura deberían estar os medios de comunicación públicos, liberados en teoría da presión dos resultados económicos anuais e deseñados para achegarlle á sociedade unha visión aberta e plural da información. Pero velaí que tamén os medios públicos viven, padecen e finalmente tamén participan do deseño repetitivo da información predefinida, e da estendida mensaxe social de inutilidade neste mercado, -máis unha vez o famoso mercado-, informativo.

Vén a conto esta pequena digresión por mor da polémica destes últimos días sobre a decisión e contradecisión do Consello de Administración de RTVE de aprobar o mecanismo de acceso dos seus membros ao sistema de edición interno dos informativos da cadea. A iniciativa supoñía o aval administrativo da revisión e censura previa por parte dos membros do propio consello das informacións que a posteriori se emitirían en cada un deses informativos.

Aclarada e delimitada a indiscutible transcendencia da decisión, non deixa de ser sorprendente que socialmente si se obvie reiteradamente esa mesma acción de control que se mantén nos medios públicos de comunicación galegos e que foi denunciada publicamente polo BNG. Certo é que o Consello de Administración da CRTVG, -que eu saiba-, non tomou ningún acordo que supuxese establecer o exame previo e en tempo real do proceso de edición dos informativos da radio e da televisión galegas. Pero non é menos certo que esa práctica non precisa de metodoloxías semellantes nin dun procedemento regrado administrativa e tecnicamente. A vía intermedia é moito máis aséptica e permite intervir sen que se note a sombra da man que dirixe e encamiña as mensaxes que, por exemplo, día a día vemos nos nosos televisores. Non fai falla contar cun acceso informático preestablecido para que ese "control" defina que a nova de máis interese dun telexornal é o índice de posibilidades dunha erupción volcánica nunha illa canaria, por moi reducido que sexa ese índice ou que as noticias de interese galego se encadren no tramo final do informativo. Por non entrarmos na porcentaxe de presenza medida en minutos do señor Feijoo, na súa parte alícuota como presidente da Xunta e por suposto na correspondente ás novas vinculadas ao presidente do PP galego. E non seguirmos coa recortada aparición das propostas e iniciativas do BNG escurecidamente inseridas na actuación dese "grupo mixto" do Congreso ou da "esquerda parlamentaria", nin dos especiais entrevista conselleiro/a que adoito nos regalan. E xa sen referírmonos á sistemática eliminación das informacións sobre incendios que pasan por seren simples "focos de lume", nin á intensa e laboriosa busca de docentes progoberno que tivesen a ben opinar comprensivamente dos recortes no ensino público.

Nesa dinámica de "control" véndense mellor os sucesos e non a información crítica e contraste. Nesa mesma doutrina das verdades manipuladas os recortes sociais pasan por ser unha "reordenación do gasto público" e o aumento da idade de xubilación e a conxelación das pensións colan como "as reformas" que precisa a nosa economía. Na nosa cultura común reformar a nosa casa significaba sempre melloras: amañarlle as paredes, pintala ou ampliar a cociña, pero nunca deslousala nin facerlle goteiras.

Se reparamos un pouquiño nesta estratexia decatarémonos da malicia e perversidade do método que consegue vernizar o aparello informativo dunha aparencia de respectable integridade e imparcialidade. Evidentemente, resulta moito máis hábil utilizar unha táctica de intervención non regrada de xeito administrativo, claramente menos lesiva para a conciencia do espectador e o oínte, inserida nunha aparente e cacarexada proclama de liberdade de expresión.

De seguro que seguiremos a sufrir esta fórmula máis cargada de bombo de cara ás vindeiras eleccións xerais de novembro, nunha dinámica informativa que compite por xustificar a inevitable opción bipartidista e por negar as distintas realidades sociais e do país. Nada novo. O BNG sabe que ese coro mediático vai intentar tapar a nosa voz e centrar exclusivamente o debate na necesidade dunha alternancia que o tempo demostrou totalmente negativa para os galegos e as galegas. Non necesitamos alternancia, necesitamos alternativa, a do BNG. Teremos que ser os e as militantes e simpatizantes do BNG quen coa nosa acción social rachemos o manipulado veo informativo co que nos queren cegar.