O BNG na encrucillada


Os resultados destas eleccións municipais, nas que o BNG perdeu 53.000 votos no conxunto do país, son unha nova chamada de atención da cidadanía galega para endereitar o rumbo dunha nave na que o nacionalismo galego boga á deriva nos últimos tempos.

A Asemblea Nacional deste outono é seguramente a última oportunidade para salvar ao BNG do naufraxio social e electoral. A perda da Xunta rachou o mástil, metido nunha tempestade interna o BNG afrontou as municipais e se isto segue así acabará por bater contra as rochas e esnaquizarse nas vindeiras eleccións xerais.

Cos resultados das pasadas eleccións municipais na man, o nacionalismo galego está a un paso de perder a representación no Congreso dos Deputados, esa que tanto custou conseguir, o que sería unha vía de auga insalvable para o Bloque como ferramenta política.

Porque perder a representación no Congreso significa desaparecer como visibilización do país no Estado pero é sobre todo un torpedo á liña de flotación do BNG dende o punto de vista económico. A estrutura de funcionamento do BNG susténtase a día de hoxe basicamente grazas á asignación obtida pola representación no Congreso dos Deputados. Iso é así, e, xa que logo, para o BNG debe ser un obxectivo preferente enfrontar con garantías as próximas eleccións xerais nun contexto ademais de forte bipartidismo. A supervivencia do BNG depende diso.

Pero quedar sen deputados en Madrid sería tamén perder a única referencia político-institucional que lle queda xa ao BNG de ámbito nacional, se excluímos o grupo parlamentar no Parlamento galego. Nesa situación o único poder real que tería o BNG serían os seus 29 alcaldes e alcaldesas, 29 pequenas dornas a mercede do vento nun océano dominado polo PP e sen un proxecto común que lles dea unidade e coherencia, un minifundismo institucional deslavazado e por libre, cheo de contradicións.

A Asemblea do BNG deste outono é crucial para resolver todos estes asuntos: primeiro, para recuperar a unidade e a imaxe social para encarar con garantías as xerais; segundo, para comezar o camiño (en serio e non como ata o de agora) para tentar recuperar a Xunta dentro de dous anos e terceiro, para dar representación, peso e poder orgánico aos alcaldes como principais activos sociais e electoriais do Bloque a día de hoxe. Pero ou se ten a xenerosidade suficiente entre todos os que conforman o sistema de UTE´s co que ven funcionando históricamente o BNG para evitar que unha parte da militancia abandone (sexa de facto ou sentimentalmente) o Bloque ou isto non será posible.

Cando a cidadanía valora a un alcalde do Bloque, sexa o de Allariz, o de Teo ou o de Ribadeo, non lle pregunta de quen ven sendo, se é de Xan, de Pedro ou de Pericán, simplemente valora o traballo feito. O Bloque debe facer o mesmo, buscar aos mellores, sexan de quen sexan.

- Alcaldías do BNG.
- Resultados Eleccións Municipais 2011.
- Resultados Eleccións Xerais 2008.