O 75 aniversario do golpe militar franquista e a Lei de Amnistía
O 18 de xullo pasado cumpríronse 75 anos do golpe de estado militar franquista acontecido en 1936, unha data fatídica para a democracia, para a liberdade e, 40 anos de ditadura represiva, asasina e negadora dos máis elementais dereitos humanos. Guiouse polo mesmo sendeiro que as demais ditaduras fascistas contemporáneas, por moito que algúns historiadores se empeñen en distinguila e diferenciala conceptuándoa de ditadura "branda" ou de ditadura de "pandeireta". Foi un réxime que fusilou, encarcerou, perseguiu e acosou ao diferente. E houbo que agardar 40 longos anos á que o ditador morrese na cama de norte natural para comezar unha Transición, imbuída de altas doses de idealización e santificación, que pasou polo drama de miles de vítimas de puntillas, non querendo facer bruído nin alterando a imposta convivencia entre vítimas e verdugos. Así foi, teceuse no Estado español unha especie de amnesia colectiva que pretendeu borrar a memoria, a historia, o pasado tinguido de traxedia sen pensar que é imposíbel eliminar a memoria individual de tantos que padeceron en propia pel a perda dos seus.
En 1977 aprobouse unha Lei de Amnistía que ao cabo dos anos se empregou como unha lei de punto e final. Centos de asociacións e organizacións da memoria histórica lembran cada día os buratos do enorme coador que tal normativa supuxo. Téñase presente a que se armou cando un xuíz quixo investigar os crimes do franquismo e aínda está a pagar por tal atrevemento. O mesmo xuíz que puido abrir causas pola ditadura de Pinochet ou outras ditaduras de Seguridade Nacional no cono sur de América Latina como Arxentina. Pero a súa ousadía lle custou cara porque agora paga a súa penitencia, por riba, por unha denuncia realizada por un sindicato fascista (Manos Limpias).
Este tipo de cousas suceden efectivamente no Estado español onde permanece un Val dos Caídos que é unha auténtica homenaxe ao ditador e a José Antonio. É un tópico xa repetido centos de veces pero sería impensábel que en Alemaña existise un lugar así de homenaxe a Hitler, igual que en Italia con Mussolini.
Aínda hoxe no Estado español hai que suar tinta china para eliminar da xeografía urbana nomes de militares fachas, estatuas franquistas e demais simboloxía da extrema dereita.
Estes son os feitos por moito que custe asumilos. O BNG levou ao debate do Pleno do Congreso unha proposición de lei que pide unha reforma da Lei de Amnistía, para que se garanta que os crimes do franquismo non fiquen impunes, para que non se aplique esta lei aos crimes de xenocidio ou de lesa humanidade que se deberían xulgar polas leis internacionais en materia de dereitos humanos. Unha proposta que tamén demandaba a aplicación retroactiva de todo isto a todas as resolucións administrativas ou xudiciais relacionadas con este tipo de crimes, de xeito que se puidesen revisar ou reiniciar.
O BNG tivo o don da oportunidade cando levou ao pleno da Cámara Baixa o debate da proposición o 19 de xullo, un día despois de tan infausto 75 aniversario. Na súa intervención, Jorquera lembrou as cifras da memoria: desde o inicio do golpe do 36 e até a morte do ditador, houbo máis de 100.000 desaparicións, miles de cativos foron separados das súas familias e foron incontábeis as execucións extraxudiciais e as torturas.
Máis o obxectivo da Lei de Amnistía foi desnaturalizado, manipulado e transformado para facer unha interpretación interesada, negadora da posibilidade de poder revisar as barbaridades perpetradas polo réxime franquista.
O silencio obrigado provocou a amoestación de Nacións Unidas ao Estado español en varias ocasións, debido a aplicación que se esta a facer da Lei de Amnistía. En 2009 o Comité de Dereitos Humanos de Nacións Unidas criticou o mantemento da Lei de Amnistía de 1977 lembrando que os delitos de lesa humanidade son imprescritíbeis.
Máis existe tal control, con cancerbeiros que pecharon todas as portas e teñen as chaves a bón recado, que te convertes "en rara avis" cando reclamas abrir as cerraduras. Iso mesmo lle pasou ao BNG coa súa proposta, e na que faltou que PP e PSOE acusaran a Jorquera de querer defenestrar a sacrosanta Transición. E como non, triste papel o de CIU posicionándose en contra da iniciativa dos nacionalistas galegos.