No amor e na guerra non todo vale (1ª parte)

No amor e na guerra non todo vale (1ª parte)

As desavinzas sobre a idoneidade da intervención en Libia son ben coñecidas por todas e todos, propiciadoras de efusivos debates nas redes sociais entre defensores e detractores, obxecto de artigos e de faladoiros radiofónicas, e en menor medida televisivas. Porén, pouco se fala do papel que xogan as mulleres e as nenas/os nas guerras. Elas son unha arma máis.

As violacións: unha arma de guerra moi antiga

Desde antano, vénse practicando todo tipo de violencia sexual contra as poboacións invadidas. Os soldados do Imperio romano tamén exercían esta práctica, no século XII os cruzados violaban as mulleres en nome da relixión, na conquista de América os exércitos invasores dedicábanse a violar as mulleres provocando embarazos non desexados, e no século XVIII, os soldados ingleses violaron sistematicamente as mulleres escocesas durante a subxugación de Escocia...

Ao longo do século XX foi unha práctica habitual. Nos anos 30, o goberno xaponés crea e supervisa Os Confort Houses, que eran verdadeiros centros de violación no que recluíron como escravas sexuais a máis de cen mil mulleres e nenas. As mulleres partisanas tamén estiveron cautivas polas tropas nazis, chamadas como "putas para as tropas de Hitler". As mulleres alemás violadas polas tropas rusas en Berlín, as decenas de miles de alxerinas polos soldados franceses na guerra da independencia,... en América Latina en países como O Salvador, Guatemala, Perú ou Chile a violación e outras formas de tortura sexual foron frecuentes. E na guerra civil española tamén contamos con este tipo de atrocidades.

Sempre se considerou a violencia sexual como unha consecuencia natural da guerra, como danos colaterais, institucionalizada por medio da prostitución forzada e a escravitude sexual en mans de militares.

Pero a violencia sexual non é un "accidente", é consecuencia directa da mentalidade machista e das estruturas militares como patriarcais que en tempos de guerra desenvólvese sen ningún tipo de inhibicións. Institucións militares dirixidas por homes e para homes, baseadas nas características biolóxicas dos homes e nas construcións culturais do masculino.

Desde o final da II Guerra Mundial, a Carta das Nacións Unidas consagra unha conquista histórica; a prohibición absoluta do uso e ameaza da forza militar nas relacións internacionais. Unha norma incumprida en moitas ocasións, pero que forma parte da orde internacional contemporánea. Así van aparecer diferentes tipos de uso da forza militar: operacións de mantemento da paz, misións de construción da paz, e a terceira xeración, a imposición da paz, na que non hai consentimento do Estado intervido. Na posguerra fría prodúcese o boom do intervencionismo militar humanitario, despegándose máis de 40 misións de paz de Nacións Unidas, unha decena de intervencións militares de Estados: Bosnia-Hercegovina, Costa de Marfil, Iraq, Liberia, Ruanda, Somalia, Kosovo, República Democrática do Congo, Serra Leoa.

Hoxe en día os conflitos armados cobran mais vítimas civís que militares. Os impactos do conflito armado nas relacións de xénero son significativos. A violencia sexual e o desprazamento son dous exemplos de impactos que son estratexias de guerra deliberadas que desestabilizan a familias e comunidades e con resultados inevitábeis. Non son percibidos como violacións aos dereitos humanos senón como asuntos culturais ou privados nos cales é mellor non meterse.

As intervencións militares NUNCA son a resposta para resolver as desigualdades de xénero. O caso de Afganistán é un exemplo claro. A pesar das declaracións intoxicadas de Estados Unidos e dos seus aliados, as mulleres afgás están a sufrir unha catástrofe moito peor que baixo o dominio misóxino dos talibáns. As violacións de nenas de 3 anos até avoas de 75 están á orde do día e aumentan con horríbel intensidade, sen mencionar os frecuentes secuestros, trata de brancas con rapazas, matrimonios forzosos, violacións en grupo, violencia doméstica ou ataques con ácido. Esta represión da muller en Afganistán ten lugar desde hai tres décadas. Por que desde aquela, nin EEUU nin as potencias occidentais tomaron medidas para resolver estes problemas???

A violencia física e sexual, en particular contra mulleres, nenas/os ocorre con moita máis regularidade durante o conflito armado e despois deste. As mulleres sofren violacións e embarazos forzados, ademais de ser suxeitas a traballo e escravitude sexual forzosos, frecuentemente a mans dos "mantedores da paz", a policía ou as forzas de ocupación. As diferenzas de xénero están arraigadas nas institucións públicas e privadas que interveñen para poñer fin aos conflitos armados e construír a paz.

É particularmente importante involucrar as organizacións de mulleres nos niveis de toma de decisión na formación de estruturas políticas e legais cara á construción de sociedades máis igualitarias tras os conflitos. De feito, as revoltas ocasionadas polos conflitos armados crean o potencial para redefinir as relacións de xénero no período posconflito en formas máis equitativas ao xénero véxase en Exipto). Pero sen un maior apoio de parte das organizacións e intervencións que promoven a equidade de xénero en todos os sectores, existe o grave risco de que os perdurábeis patróns da opresión sexan restabelecidos.

Porque no amor e na guerra non todo vale. Esperpento, pareceume o artigo do comentarista do Mundo, Sostres que tivo que ser retirado a media mañá do xornal, xustificando ao pobre rapaz "un chico normal de 21 anos" que perdeu a temperanza. E deixo para unha segunda parte as violacións cometidas polos cascos azuis da ONU, os que manteñen a orde no mundo, os países civilizados, os salvadores que cometen tantas delitos nas súas actuacións como os ditadores contra os que actúan. O fin último non é protexer a poboación civil, senón a salvagarda dos intereses dos "poderosos" .