Nacionalismo e patriotismo

Nacionalismo e patriotismo

A raíz da polémica descalificación aos galegos de Rosa Díez, un comentarista nocturno da Radio Galega, o sr. Rubido, aventurou unha diferenciación entre patriotismo e nacionalismo que, por esquemática e terxiversadora, resulta sorprendente. Parafraseando o apuntado polo mencionado comentarista, é patriota quen quere que a súa terra sexa a mellor do mundo; fronte a un nacionalista que sería o que pensa que a súa terra xa é a mellor do mundo. A primeira sería a actitude positiva, como non: quen non quer que a súa terra sexa a mellor do mundo e non loita por iso, desde un san inconformismo. Os segundos non aportarían nada positivo, porque están instalados no mundo da ilusión e xa non poden aspirar a nada mellor.

Non é de recibo tal dicotomía e carece de todo fundamento. Para nada andan rifadas ambas as cousas nin son excluíntes, aínda que deban situarse en planos diferentes; nun caso no terreo das doutrinas políticas ou das ideoloxías e no outro máis no terreo das actitudes e da expresión dos sentimentos. Nin comentario merecería a tal arroutada sacada de non sei que chistera, se non for pola confusión xerada arredor das connotacións do patriotismo, que conleva un certo rexeitamento ou non asunción na medida do desexábel por parte de nós mesmos.

Entendemos que a dualidade nacionalismo-patriotismo non pode aparecer confrontada no terreo da política, por non seren termos opostos, senón complementarios, sendo o patriotismo no noso caso a expresión máis consecuente da ideoloxía nacionalista. Non creo nas conviccións patrióticas dos membros do PP nin nas doutros partidos estatais. Os membros dos partidos estatais pouco máis que asumen un certo verniz de galeguismo nalgúns casos e, polo tanto non poden sentir a necesidade de manifestar a súa adhesión a Galiza, alén de puntuais loas paisaxísticas, gastronómicas e folclóricas. Porén, os/as nacionalistas galegos/as, que cada 25 de xullo concorremos ao Dia da Patria Galega a Compostela, somos patriotas galegos. E non queremos renunciar a selo. Se pensarmos que Galiza xa é a mellor terra do mundo careceríamos de razón e forzas para soster as nosas reivindicacións como nación que quer manter a súa identidade e como pobo que aspira a mellorar as súas condicións de vida. Se pensarmos tal, viviriamos instalados nunha idealización –Galiza pareceríase a un edén- e si que seriamos uns ilusos e mesmo uns fachendosos.

Calquera que analice a nosa realidade actual e a nosa historia, atopa razóns para pensar que o pobo galego sufriu moito e que ten todo o dereito do mundo a loitar por un futuro mellor. Este é o pensamento e a práctica de calquera nacionalista. Decatámonos do que é o noso país e do que puido ter sido se formos quen de gobernar o noso destino. Galiza foi e é unha terra maltratada, mesmo nos seus trazos externos, na súa paisaxe. Que é senón toda a faixa litoral inzada de eucaliptos, nalgún caso máis alá dos cincuenta quilómetros? Ou que son algunhas actuacións de grande feísmo, precisamente non promovidas por particulares, senón polos poderes públicos? Galiza ten que aspirar a mellorar a súa situación socioeconómica, porque ten potencialidade e capacidade para producir como as mellores terras do mundo. Un mozo ou moza nado en Galiza atopa dificultades para ser galego e exercer como tal. Somos formados no desprezo polo propio; prívasenos do coñecemento da nosa historia; a nosa lingua pasa polas peores dificultades… Temos, daquela, sobradas razóns para o convencemento de que é preciso rectificarmos a historia, como ben dixo Carvalho Calero.

,
Non pode existir repudio pola nosa parte ao termo patriotismo, cando o labor da maior parte dos nosos clásicos foi un exemplo de patriotismo. …o amor da patria me afoga, así o expresa Rosalía de Castro a través da meniña gaiteira en Cantares gallegos, de xeito ben prematuro por ser unha moza de vinte e seis anos. A mesma actitude podemos atopar en Curros Enríquez, en Murguía… Hai patriotismo nos escritores dos século XIX; hai asunción do mesmo, manifestacións e referencias explícitas e constantes á patria.

O mesmo podemos dicir de moitos dos nosos escritores do século XX. Unicamente poñeremos de relevo dous exemplos pola súa singularidade na teorización sobre o nacionalismo galego: o de Ramón Vilar Ponte e o de Castelao. Ramón Vilar Ponte considera que a principal característica do nacionalismo é a adhesión, o agarimo á nación en que se nace e ao conxunto de atributos diferenciais que a caracterizan. O patriotismo, como primeira característica do nacionalismo é “aquela lóxica e natural exaltación do amor á terra natal”. Aínda que recoñece que pode existir un grao de adhesión máis elemental ou intuitivo (o que Castelao denominaría querencia polos eidos nativos), avoga por un patriotismo máis reflexivo e menos simplista até os galegos decatárense de que a propia nación é algo máis que o chan en que rolou o seu berce. Alén diso, para Vilar Ponte o “patriotismo nazonalista” debe definirse en actitudes e feitos concretos e non quedar reducido a cuestións rituais ou de pose. É o compromiso con Galiza, que conleva “ofrendarlle a flor dos nosos mellores esforzos para ollalos recompensados co seu engrandecemento que por reflexo temos de ollar, logo, reproducido en nós”. Para non derivar nunha sorte de “egolatría colectiva”, asúmese a solidariedade cos demais pobos na loita polo concerto das nacións igualmente libres e soberanas, sendo a loita pola liberdade de cada unha delas o mellor contributo e garantía para a liberdade de todas. Pola vía nacionalista chegamos así á fraternidade universal entre os pobos, ao internacionalismo.

Na mesma orientación, reflexiona Castelao de xeito emotivo sobre a patria e o patriotismo, sobre todo cando sofre o exilio na última etapa da súa vida. El mesmo chega a dicir –ao fío do que andamos argumentando- que sen conciencia nacional non se comprende o sentimento patriótico. O sentimento patriótico levámolo dentro e a patria podémola ver representada na bandeira e no himno. “A nación é o obxecto amado; a patria é o amor que a nación nos infunde”, asegura na última parte do Sempre en Galiza. Castelao é consciente de que este sentimento ten que ser cultivado entre os galegos, pois non todos identifican a terra coa nación e patria. Para algúns a patria segue a ser o Estado español a quen serviron como soldados…; para outros Galiza non é máis que a “pequena patria”… E aínda habería moitos outros exemplos deste e doutros autores que ben poderían ilustrar este artigo.

En síntese, ser nós mesmos, descubrirnos a nós mesmos, non conduce a outra cousa, nesta terra e neste tempo, que a un exercicio de patriotismo. Non pecamos disto; pecamos do contrario. E non deixa de ser un complexo crelo algo desfasado e decimonónico. O mesmo sucede neutros pobos. Un escritor portugués, poñemos por caso Eça de Quiroz, pode expresarse en termos de patriotismo. Actualmente, un basco que se identifica con Euskal Herria é un patriota, igual que o poden ser un nicaraguano ou un saharauí, que aman a súa terra e desexan un futuro mellor para o seu pobo.