Na defensa do Ensino Público

Na defensa do Ensino Público

Coa alusión á crise intentan convencernos de que hai que recortar nos servizos sociais máis básicos, sanidade e educación. Estes servizos, que deberían ser intocábeis para calquera demócrata, son defendidos con febleza desde o goberno do PSOE, cando non atacados, deixando o camiño libre á intencionada política privatizadora do Partido Popular, que nos está a impoñer unha axenda neoliberal de desmantelamento do estado do benestar xa programada desde hai tempo e que toma como referente modelos mercantilistas xa fracasados en países de referencia para os conservadores como Reino Unido ou Estados Unidos.

Os obxectivos neoliberais son posibelmente distintos en sanidade e en educación. Mentres na primeira a privatización aberta ou encuberta (como no futuro hospital de Vigo) significan un claro negocio lucrativo para uns poucos, no caso da educación é o control social e o adoutrinamento ideolóxico o que interesa: unha sociedade menos formada é máis dócil e máis maleábel. A educación de calidade e a educación superior non teñen que estar ao alcance de todos.

Pasiño a pasiño o goberno de Feijóo vai desacreditando e esfarelando o ensino público a prol do ensino privado. Mentres permite a masificación na escola pública, como no Colexio Ben-Cho-Shey de Ourense, subvenciona a ampliación do colexio privado ultrarrelixioso e elitista Miraflores, que propón formar aos nenos como "verdadeiros apóstolos".

E unha pormenorizada análise das redes de centros plurilingües e centros Abalar, con porcentaxes esmagadores a favor dos centros privados indica unha clara financiación encuberta e o feito de que en poucos anos case o 100% dos centros privados estarán incluidos nestes programas de gran prestixio social.

Coa redución de case 1000 docentes este curso en Galiza serán o fracaso e o abandono escolar os que máis se resintan, como indica o sentido común e contrariamente ao que pregoa a Xunta desde os seus altofalantes propagandísticos: haberá menos titorías, menos apoios, menos reforzos e menos atención persoalizada a alumnado e pais. A ecuación "menos profesorado = máis calidade" é imposíbel e un insulto á intelixencia da cidadanía. Un exemplo: nun colexio público de Vigo, a praza dunha profesora de pedagoxía terapéutica que este curso é xefa de estudos non se cubre cun novo profesor ou profesora, senón que as horas se reparten entre o resto do profesorado, sen cualificar para esa actividade, e que obviamente deixa desatendidas outras funcións que tiña, como atención á biblioteca, gardas, programas de dinamización, desenvolvementos TICs, etc.

O profesorado son actualmente o centro da forte campaña de descrédito do ensino público: as declaracións de Esperanza Aguirre pedindo un "esforzo especial" ao profesorado de secundaria en tempos de crise, para a continuación dicir que "20 horas son, en xeral, menos das que traballan a maioría dos madrileños" indican ou un descoñecemento profundo do labor docente ou unha clara maldade intencionada. Tamén no noso país temos un mamporreiro pintoresco, até hai pouco compañeiro de profesión, o director xeral de centros e recursos humanos da Consellaría de Educación, José Manuel Pinal, que unha vez máis mostra o seu nivel ao dicir que o profesorado "se marchaba para casa" nas horas de libre disposición "e non fai falla que lle explique máis", rematou nunha comparecencia parlamentaria. Con este tipo de declaracións indica que ou el actuaba así cando era profesor ou procura denigrar a súa profesión e por suposto o ensino público.

Un recente informe da OCDE sinala ademais que máis horas de clase non aseguran o éxito escolar. De feito, un estudante galego de 15 anos recibe case 200 horas máis de aulas por curso ca un en Finlandia, referente actual na calidade educativa. No que atinxe aos lacazáns profesores galegos, os de primaria imparten un 13% máis de horas lectivas ca media da OCDE. E a súa xornada semanal é de 37,5 horas, como a de moitos traballadores, e como supoñemos tamén que será semellante á xornada dos presentadores do telexornal, dos futbolistas, dos avogados ou do propio Conselleiro de Educación, xornadas loborais que non se limitan ás súas actuacións públicas ou de relación directa co cliente.

Fundamental tamén neste proceso son as novas funcións asignadas ao profesorado, cada vez máis asistenciais e menos formativas, como o coidado á entrada e saída do transporte escolar. E o profesorado da ESO vai impartir multitude de materias para as que non están preparados. Incluso o profesorado definitivo nos centros, pois a impartición de afíns recaía até agora fundamentalmente no profesorado provisional, cousa que sempre me sorprendeu, pois ademais de ter por regra xeral menor experiencia profesional e precisar por tanto máis tempo para preparar as aulas, supónselles unha variedade enorme de coñecementos de materias dispares. Este curso as prazas rocambolescas multiplícanse: cinco profesores que imparten cinco materias diferentes, 37 con tres afíns e 122 con dúas, como filosofía con língua galega e música.

Hoxe estamos de novo mobilizándonos non só polos nosos dereitos como profesionais, senón pola defensa da nosa liberdade como sociedade democrática e polo dereito a unha educación de calidade, esencial para a nosa convivencia democrática, solidaria e xusta. E para isto só pode ser pública. É toda a sociedade a que debe ser consciente disto. É toda a sociedade a que debe defender un ensino de calidade e para todos e todas.