Monte e territorio


Ligazón entre monte e territorio é básica para entender o noso país e facer propostas activas de futuro. Agora, máis que nunca, debemos pasar á acción para non perder o que aínda nos queda.

Móvete polo territorio


O pasado 16 de abril presentouse en Compostela a campaña de Adega: "Ponte no medio. Móvete polo territorio" Por unha ordenación sustentable; unha das máis importantes postas en marcha polo movemento ecoloxista do país ata o momento. Neste acto deuse lectura ao manifesto da campaña a través de: Xurxo Souto, Adela Figueroa, Margarita Ledo, Xosé Alfredo Pereira Martínez, Fernando de Abel Vilela, Manuel Gallego Jorreto, Xavier Amigo Vázquez, Alba Nogueira, Adolfo Cordero Rivera, Rosario Álvarez, Goretti Sanmartín, Emilio Carral, Beatriz Moyano de Beçz, Carlos Silvar, Jorge Coira, Celso Dourado, Teresa Moure, Isabel Risco, Xosé Manuel Penas Patiño, Chelo Pampillón e Luís Iglesia.Esta manifesto, asinado nos seus comezos por máis de cento vinte personaxes de recoñecido nome de todos os eidos sociais do país e cincuenta colectivos sensibles co medio, reclama unha ordenación sustentable do territorio e a fin das destrucións e ameazas ás que se somete o medio a diario. É unha aposta pola defensa colectiva do noso territorio, que hoxe máis que nunca está ameazado en todas as súas frontes.Nesta liña o medio rural, e o monte por inclusión, son estratéxicos para a sustentabilidade económica do país.

Así, dentro do decálogo de medidas propostas por esta campaña está a número catro: "Que se restaure a economía do medio rural vinculada á terra primando a protección do solo agropecuario e a mobilidade de terras e defendendo a función económica e social dos montes veciñais en man común e a súa xestión comunal fronte aos proxectos de privatización".

O monte desde os concellos

Debemos entender o monte como un todo natural, ambiental, social, económico, rural e cultural que relaciona factores físicos e socioculturais. Polo tanto é un sistema complexo con interaccións de distintas realidades tanto físicas (climatolóxicas, xeográficas, atmosféricas, etc. . .) como sociais (uso do solo, xestión do territorio, propiedade, costumes, etc. . .).Neste sentido o monte representa no noso país algo máis de dúas terceiras partes, polo que para poder entender e conservar o noso medio teremos que apostar por el. Amais, os montes veciñais en man común (MVMC) ocupan a quinta parte do noso territorio, chegando nalgúns concellos e comarcas a superar a maioría da súa superficie (43 M.V.M.C. abranguen o 60% concello de Quiroga, e na comarca de Valdeorras 78 M.V.M.C. conteñen o 53% do seu territorio). Amais os montes veciñais, supuxeron e supoñen a máxima expresión de participación social no territorio e a súa achega ao traballo colectivo pode ser un referente como alternativa de futuro (fronte a crise e fronte aos problemas do medio).O noso monte está sendo obxectivo da especulación do PP, destruíndo todas as iniciativas nacionalistas xeradas na anterior lexislatura e apostando por unha política liberal no territorio que ten a súa máxima expresión nas SOFOR; onde "os mercados" pretenden ser a solución para os problemas do noso monte. O vindeiro 22 de maio teremos eleccións aos concellos e polo tanto tamén será unha forma de actuar e decidir dentro das regras de xogo desta democracia. Se ben é certo que as competencias dos concellos en materia de montes son limitadas, nestas eleccións o monte tamén se xoga unha parte do seu futuro. Neste senso, é recomendable revisar os apontamentos para un programa electoral municipal do presidente da organización galega de comunidades de montes veciñais en man común, quen xa fixo unha relación de cuestións a ter en conta entre monte veciñal e concellos.

Ponte no medio



A nosa tradición, cultura e historia está fortemente impregnada e encadrada nos montes, sendo a peza clave para entender a situación actual de moitos lugares. As distintas civilizacións que pasaron por estas terras tiveron nos montes e montañas a cuberta necesaria para desenvolverse adecuadamente. A cultura megalítica, a cultura castrexa, a cultura romana, a cultura do medievo; integraron o monte no seu acervo e na súa actividade cotiá. Polo tanto, o mapa non é o territorio, xa que non hai unha foto fixa permanente da paisaxe. Todo cambia, evoluciona e muda de aspecto; e non se pode entender o que somos sen antes ver os pasos que demos ata chegar aquí.A multifuncionalidade do monte galego constitúe unha fonte inesgotábel de recursos económicos, ambientais, sociais e culturais. Subministra materias primas renovábeis e respectuosas co medio ambiente e desempeña un papel imprescindíbel no desenvolvemento económico, no emprego e na prosperidade do noso país, especialmente no medio rural. Polo tanto, nestes tempos de crise a valorización do monte, é necesaria máis que nunca, introducindo no aproveitamento e na xestión, os factores ambientais e sociais que xeren un maior beneficio neto dos recursos naturais.Podemos afirmar, que o futuro do sector do monte en Galiza é prometedor, sempre e cando saiba adaptarse aos novos criterios e obxectivos que a sociedade demanda. Isto leva consigo resolver parte dos problemas que a xeito de lastres acompañan ao sector (abandono da terra, baixa ou nula xestión, lumes, baixa autoestima, estrutura da propiedade,...), diversificar a gama de produtos e ofrecer novos servizos ligados a un desenvolvemento sustentábel fundamentado en: permanencia nos asentamentos, recuperación de valores e recursos endóxenos, xeración dun maior valor engadido dos produtos; e en global mellora da calidade de vida das poboacións rurais.Xa para rematar, venme á mente a cita do reverendo Martin Niemöler (supervivente do Holocausto), que nos fala da necesidade de actuar antes de que non haxa ninguén que actúe por nós: "Primeiro arrestaron aos comunistas - pero eu non era comunista, así que non fixen nada.

Máis tarde viñeron polos social demócratas - pero eu non era social demócrata, así que non fixen nada. Despois arrestaron aos sindicalistas - e non fixen nada porque eu non era un deles. E logo viñeron a polos xudeus e despois polos católicos, pero eu non era nin xudeu nin católico e por iso non fixen nada. Finalmente viñeron a por min e arrestáronme - e xa non quedaba ninguén para que puidera facer algo ao respecto".
Oxalá non sexa demasiado tarde para actuar a prol do noso territorio e salvagardar o que aínda nos queda. O noso territorio, merece que lle dediquemos un par de minutos de atención, e nos preguntemos pola causa da súa situación actual. Despois poderemos seguir facendo o que queiramos . . . ou o que nos deixen facer; pero recordade que cambiar as cousas tamén está na nosa man. En resume a aposta polo noso monte é unha aposta polo medio, e en definitiva pola vertebración social e territorial do noso país. Neste momento de especulación e degradación, actuemos e movámonos a prol do noso territorio para acadar un medio vivo e con futuro.