Medios de comunicación


O ser humano ten unha tendencia impulsiva a tentar comprender a realidade que o rodea. Cando nos atopamos cun feito perturbador tendemos a procurar unha explicación racional e o noso pensamento non atopa acougo até elaborar unha interpretación satisfactoria que non rompa os esquemas que xa temos asumidos. Cada persoa ten unha concepción do mundo máis ou menos elaborada a base das súas experiencias e aprendizaxe na que vai incorporando as novidades que van xurdindo. Cando un acontecemento ou determinada situación entra en contradición co seu esquema mental non ten máis remedio que procurar respostas que fagan casar todo o conxunto. Dito doutro xeito, cando nun quebracabezas hai unha peza que non encaixa caben dúas opcións: ou ben faltan pezas e hai que buscalas ou ben o quebracabezas está mal construído dende o principio e hai que desmontalo por completo para comezar dende cero.

Parece ser que nos atopamos nun tempo no que a información está ao alcance de todo o mundo. Seica (as persoas) nunca estivemos tan informadas e esta situación fai que a obtención de respostas sexa moi doada. O volume de información que manexamos fainos ter un criterio moito máis amplo e podemos achegarnos en tempo real aos acontecementos que se están a producir en practicamente todo o planeta. É por iso que nos atopamos na "Era da Información".

Ben, comecei o parágrafo anterior coa expresión "parece ser"... e fíxeno porque a pesares de estar amplamente asumido que o que escribín é certo eu teño serias dúbidas ao respecto. En primeiro lugar non acredito que a información estea ao alcance de todo o mundo. Non todo o mundo ten acceso a internet, nin sequera todo o mundo ten acceso á televisión ou á prensa escrita. De feito hai unha parte do mundo que por ter non ten acceso nin á auga potábel... e aínda así forman parte do mesmo mundo ca nós.

Sobre a era da información na que vivimos tamén teño as miñas reservas... Cando deixaron a TV, radio, prensa, internet... de seren medios de comunicación para se converter en medios de información? Según eu o entendo a información manéxana persoas e comunícana por diversos medios. Medios de comunicación... non de información. No caso de medios dirixidos ás masas máis valería dicir que a información é propagada, logo estaríamos a falar de medios de propaganda. Ademais esta información é elaborada antes de difundirse. Non temos acceso real á información senon a unha elaboración da mesma. Só se difunde aquela información que se quere introducir na sociedade e ademais da información engádese opinión e xuizos de valor presentados de tal xeito que resulta difícil distinguir entre unha cousa e outra.

Unha das preguntas máis importantes que nos facemos a cotío para tentar comprender a realidade é "por que?". É esta a pregunta a partir da cal comezamos a analizar a realidade e a tirar conclusións sobre a mesma; a procurar, en definitiva, as pezas que nos faltan no quebracabezas. Todo proceso de cambio, toda revolución, ten implícita na súa orixe esta cuestión: Por qué nos atopamos na situación actual e por qué debemos conservar esta situación? En canto as respostas a estas preguntas non son o suficientemente convincentes iníciase o proceso de cambio.

A mellor maneira de evitar que a xente procure respostas é dárllelas. Así os medios de comunicación de masas, apresúranse a satisfacer a necesidade de respostas inhibindo a procura libre de conclusións propias. Trátase dunha maquinaria poderosa que se apresura a dar respostas "convenientes" antes de que poidamos xerar a nosa propia opinión sobre calquera feito. Isto resulta moi efectivo xa que se ben é certo que tendemos a procurar explicacións sobre o que non entendemos tamén é verdade que en canto as atopamos perdemos interés en seguir reflexionando sobre o tema. É esta e non outra a razón pola que se invisten tantos recursos en acadar a inmediatez nas comunicacións. A meirande parte das veces acceder ás noticias "en tempo real" non aporta grandes ventaxas para a sociedade, mais permite non dar tempo a que as persoas elaboren as súas propias conclusións. Chéganos simultaneamente o relato dos feitos, as declaracións do poder (sexan representantes gubernamentais, políticos, económicos etc.. según conveña) e a opinión que debemos ter ao respecto. Xa non temos que reflexionar sobre o que vemos... dánnolo feito e en pequenas doses de 30 segundos, que é o que soe durar unha noticia en calquera telexornal. A partires de aí xa están estabelecidas as bases da "opinión pública" e dificultada a opción de calquera opinión discordante.

En demasiadas ocasións me teño atopado coa seguinte conversa:

Pregunta: Que opinas de tal cousa?
Resposta: En internet comentan que... -ou- Pois na televisión dixeron que....

O máis curioso non é remitirse aos medios para dar unha opinión persoal, senon a ausencia de suxeito nesas respostas. Quen comenta? Quen dixo?... Tanto ten, non é posíbel dubidar das fontes ou rebatir a súa obxectividade, simplesmente foi en internet ou na televisión, abonda.

A menos de dous meses dunhas eleccións ímonos atopar con esta realidade a diario. Escoitaremos e mesmo participaremos en conversas consistentes nun intercambio de fórmulas aprehendidas dos medios de propaganda de masas. Teño a sospeita de que o nacionalismo non vai ter grandes facilidades para difundir a súa mensaxe neses medios e unha vez máis seremos nós as (persoas) que teremos a responsabilidade de divulgar o proxecto nacionalista a pé de rúa. Evidentemente debemos estar nos medios que poidamos e facer uso de internet para chegar a unha parte da veciñanza, mais para contrarestar a incidencia da propaganda masiva a través da televisión e da prensa escrita hai que botar man da ferramenta máis poderosa que sempre tivo o nacionalismo: a voz da nosa xente como medio de información fronte aos medios de comunicación.

Para isto precisamos falar con todo o mundo e ser quen de dar resposta á intoxicación mediática, ter presenza no noso entorno como nacionalistas que poden explicar e argumentar o noso proxecto. Non sempre é doado empezar a argumentar politicamente se non se fai habitualmente, por iso é indispensábel falar de política con outras militantes, comentar e debatir conxuntamente as nosas ideas, falar das nosas conviccións e a nosa ideoloxía. Isto levaranos a facernos preguntas e reflexionar sobre as nosas conviccións, a contrastalas coas das compañeiras de xeito que atopemos respostas e argumentos que despois utilizar no debate externo. Ás consignas enlatadas en paquetiños de 30 segundos que se difunden por televisión rebátense con argumentos e argumentos temos dabondo, só temos que expresalos e defendelos no contacto directo coa xente.