Máis Organización, máis traballo social

Máis Organización, máis traballo social

Sendo importante o traballo institucional no que, obviamente, non hai que escatimar esforzos, precisa o nacionalismo galego aplicarse nun permanente traballo social da súa organización e militancia que non pode verse coartado continuamente con interminábeis debates sobre a súa unidade que, en moitos casos, responden a protagonismos persoais que, en vez de ser expostos internamente, son trasladados a uns medios de comunicación dominados pola dereita e dos que nunca poderemos agardar axuda algunha, máis ben o contrario.

Miramos moitas veces con envexa a situación maioritaria do nacionalismo en Catalunya e Euskadi, nacións as que este feito permítelles dispor de distintas opcións políticas nacionais, todas elas con gran implantación social. Non sucede o mesmo en Galiza onde non nos podemos permitir a división e así mentres non somos quen de cambiar a maioría social temos que aproveitar a unión do nacionalismo acadada en torno ao BNG para traballar socialmente cara aos nosos obxectivos. Por suposto non vai este artigo a restar lexitimidade á defensa dos diversos puntos de vista de cómo afrontar estratexicamente o traballo político, pero si quere ser especialmente crítico con aqueles que o único esforzo o poñen en sementar a división e desaparecen en canto hai que saír a rúa a defender os intereses dos galegos e galegas e pelexar cos verdadeiros adversarios políticos.

Con isto, e por se non queda claro, estase a defender o carácter frontista da organización xa que esta é a única opción mentres a maioría social é a que é. Pódese recoñecer que a propia natureza dunha fronte causa problemas e loitas internas pero é a ferramenta máis útil que temos. Agárdase do sentido patriótico da militancia un esforzo para evitar as eivas comentadas e ao tempo valerse das potencialidades do propio carácter. Non está en cuestión que o BNG é unha organización nacionalista e de esquerdas e eses son os alicerces fundamentais, entre outros, nos que se asenta o proxecto.

Avecíñanse unhas novas eleccións, neste caso xerais, cunha importancia estratéxica fundamental para o nacionalismo galego. Comprobouse no último debate no Parlamento madrileño no que solo o BNG situou Galiza no mesmo e grazas ao bloque nacionalista nas Cortes falouse do noso país moi a pesar da dereita reaccionaria que faltando as máis elementais normas de comportamento non considerou necesario que o seu líder, o galego(?) Rajoy, asistira. Que se pode agardar cara a Galiza dun partido que nos poucos momentos nos que se falou dela fixo gala do desprezo máis absoluto do que alí se expuxo.

Asustan os cada vez menos medios de comunicación, si é que queda xa algún impreso, que participen dalgún xeito das teses nacionalistas. O control e o dominio é case total da dereita polo que evidentemente se algo podemos esperar deles son versións terxiversadas das novas e a explotación máxima das mínimas sinais de división que poida haber no nacionalismo. Por iso é preciso o traballo directo, social, de persoa a persoa, que é o xeito de transmitir as nosas mensaxes sen intermediarios interesados. É especialmente grave pois que determinadas persoas do ámbito nacionalista se apliquen en dar argumentos a estes medios, sementando as dúbidas sobre a viabilidade do único proxecto e ferramenta que na actualidade temos: o BNG. Dentro e no debate pausado nos órganos correspondentes é onde corresponde defender as lexítimas ideas.

Achégase a Asemblea Nacional, prevista para os vindeiros 22 e 23 de outubro, e o momento non é bo pois cada minuto necesario cara a súa preparación e debate é un minuto menos na preparación das vindeiras eleccións nas que se non media un grande esforzo suplementario non será doado transmitir as mensaxes aos electores que castigarán ademais calquera sinal de división. A parte positiva é que a militancia é soberana e o que alí se acorde, agrádelle a un máis ou menos, temos a seguridade e confianza de que será aceptado por todos poñéndonos a traballar nesa liña inmediatamente. Quen non o faga e volva a transmitir mensaxes de división e non acordo co aprobado, terá unha grande responsabilidade no dano que se poida facer a Galiza.

Aí fora non van estar esperando que amañemos as cousas e os adversarios políticos e os medios ao seu dispor van traballar arreo polos seus obxectivos políticos, e non nos enganemos pensando que os medios de comunicación vanlle dar todo feito ao PP e que solo teñen que saír os seus cargos e expresar as súas repetitivas mensaxes para meter votos no peto. O partido popular, guste ou non, ten moito traballo detrás e militantes de a pé que poñen o seu esforzo. No tempo que falta ata a Asemblea non podemos parar, hai que traballar cara afora, votante por votante para minimizar o impacto da impresa, e dar imaxe de unidade, o contrario pagase. No traballo electoral atópase un con votantes que expresan a súa decepción por considerar que solo nese período de campaña os partidos amosan preocupación polos seus problemas e esa é a clave do traballo social, o día a día coa xente e cos seus problemas, o procurar que se sintan apoiados e esperanzados pola nosa labor.

Cómpre facer un esforzo de unidade para deixar solucionado, na medida do posible, este tema e estamos seguros que o amor a Galiza conseguirá limar asperezas e facer que nos poñamos todos a traballar na liña que maioritariamente trace a Asemblea Nacional na que a militancia decidirá. Precísase unha labor previa de achegamento de posturas para que o resultado sexa un lugar onde todos poidamos sentirmos cómodos. Quen non poida ou non queira, reclamaríaselle o acatamento da decisión da maioría e cando menos, se non hai disposición de traballar, unha lealdade ao proxecto, o único que os nacionalistas temos e que se vería afectado por persoas que, sen conseguir obxectivo algún, farían un dano nada doado de reparar ao nacionalismo e con el a Galiza. O momento é difícil coa dereita ostentando as maiores cotas de poder e coas perspectivas aínda peores, así que os que levan a Terra no corazón, os bos e xenerosos, teñen que estar aí fora unidos defendendo a nosa nación.