Licenza para matar


Recentemento puidemos ler na prensa as declaracións do portavoz da conferencia episcopal, José Antonio Martínez Camino co gallo da aprobación no parlamento do estado da Lei sobre a reforma do aborto. Nesta ocasión, Martínez Camino superouse a sí mesmo, algo dabondo difícil dados os seus antecedentes comunicativos, cunhas manifestacións nas que definía a Lei recentemente aprobada como unha "licenza para matar".

Este señor esqueceu que os gobernos lexitimamente eleitos polo pobo, en quen reside a soberanía nacional, teñen, en efecto, licenza para gobernar. Cómpre lembrarlle, no entanto, que quen sí tiña licenza para matar era aquel outro gobernante do Estado que acadara o poder mediante un golpe militar á legalidade democrática vixente, que contou coa connivencia da igrexa durante 36 anos e que entraba nos púlpitos relixiosos baixo palio.

Coido que compre facer unha revisión urxente das relacións entre a igrexa e o estado. Non se pode esquecer que os obispos católicos representan tan só unha das opcións relixiosas dentro do abano de ofertas espirituais que se nos apresentan.

A igrexa católica ocupa desde lonxe espazos vitais das nosas vidas aínda que non compartamos os seus postulados. Probas temos a cotío.

Na escola establécese a asignatura de relixión no horario escolar, como herdanza dun modelo educativo confesional e que ningunha das leis educativas aprobadas no período democrático foi quen de eliminar. Nesta mateira onde se imparte basicamente formación relixiosa desde a óptica do catolicismo non cabe a posibilidade de optar por outra doutrina relixiosa. E se por acaso decides que as túas fillas ou fillos non estuden relixión católica baixo a doctrina dun señor ou señora que non pasou as probas de acceso á función pública que se requiren a calquera outro ensinante, estas ou estes vense na obriga de abandonar a clase cotiá de estudo converténdoos na excepcionalidade. O estado e as comunidades autónomas seguen a manter concertos con colexios privados, a meirande parte relixiosos (católicos, por suposto), cando a participación da empresa privada no ámbito dos sectores públicos (sanidade, educación, servizos sociais) debería contemplarse como unha aportación subsidiaria naqueles casos nos que a iniciativa pública non lograse cubrir a demanda xerada. Nada máis afastado da realidade actual, onde vemos como colexios públicos dos centros das capitais galegas teñen prazas libres mentres se seguen ofertando prazas concertadas nos colexios privados máis próximos.

Espazos nas televisións públicas os domingos pola mañá, na segunda cadea, a que se supón soporta os contidos máis culturais e educativos de todas as cadeas estatais e autonómicas. Que valor económico pode ter un espazo mediático na televisión pública para a promoción dun produto, empresa ou contido ideolóxico en horario de fin de semana pola mañá? Descóntase este prezo das axudas que percibe a igrexa católica por parte do estado?

Propoño, por caso, que se distribúan os tempos adicados a cada profesión de fe como se fai nas campañas electorais cos partidos políticos, en función, poñamos por exemplo, da porcentaxe de fieis que se declaren practicantes, non dos que se nos computa, non sei ben en base a que, a pertenenza a unha relixión para o que ninguén nos pediu permiso.

Habituada a recibir un trato de favor das administracións públicas, a dirección da igrexa católica non pon reparos á hora de facer manifestación pública dos seus preceptos éticos, morais e ideolóxicos, sobre todo dos ideolóxicos, posicionándose claramente a favor dos postulados do Partido Popular.

Noutros países europeos a relixión mantense dentro do máis estricto ámbito do privado, non permitindo a participación ou intromisión do público en asuntos de fe que se consideran persoais. Nin sequera aos partidos da dereita de moitos dos paises europeos, poñamos a Francia de exemplo, defenden a introdución da relixión no ámbito escolar, o que significaría supeditar a transmisión da súa mensaxe á lexislación educativa vixente.

Outro exemplo da presenza da relixión nas nosas vidas témola na declaración da renda que boa parte da cidadanía estamos obrigados a preencher todos os anos. Na mesma dásenos aparentemente a oportunidade de escolla entre adicar unha porcentaxe da nosa cota á igrexa católica ou a outros fins sociais. Por que este trato diferencial cando na outra opción xa vai implícito a asignación de recursos á igrexa católica, nos guste ou non? Por que non se nos pregunta, por exemplo, se queremos adicar fondos con carácter prioritario e diferenciado a algunha outra entidade benéfica, cultural, ecoloxista ou social sen fin de lucro? Ou aínda, é a igrexa católica unha entidade sen fin de lucro?

As inxerencias na vida política da igrexa católica é constante. Permítense o luxo de pagar campañas de publicidade millonarias para intervir na vida política e social coa escusa de salvar non se sabe ben que estado espiritual. No canto de respectar a aprobación de leis sociais, coas que se pode ter maior ou menor empatía, e de adicar os esforzos a dirixirse aos seus fieis e seguidores cal debe ser a súa postura (perdón, compromiso) intentan convencer a toda a sociedade do dano espiritual que se nos está a causar coa promulgación de determinadas leis.

Calquera manifestación relixiosa debe pertencer e manterse exclusivamente no ámbito privado das persoas, onde se pode exixir aos practicantes voluntarios un compromiso de comportamentos e actitudes ante a vida propiamente consontes cos seus principios dogmáticos. Os obispos deben deixar que decidamos libremente se queremos conquerir a salvación eterna nesta terra ou se prefirimos viver sen corsés espirituais a risco de queimarnos nas profundidades de Hades.

Propoño, humildemente, ás autoridades relixiosas católicas que adiquen máis esforzos espirituais e monetarios á realización de campañas informativas contra a pederastia, á denuncia de comportamentos abusivos que constitúen un delito contra os e as menores, no canto de subvencionar campañas publicitarias contra leis lexitimamente aprobadas.

Porque non denuncia esta igrexa española tan combativa contra o que consideran "ataques á familia" aos estados onde está permitida aínda a pena de morte como maneira de facer xustiza? Porque non se revelan contra os mandatarios dos estados onde se permite a morte como maneira de impartir xustiza? Como poideron estar calados durante 36 anos, participando activamente na permanenza no poder dun réxime con licenza para matar por motivos ideolóxicos?

A hipocresía desta igrexa española non ten límites, a súa actitude representa un desafío á sociedade democrática e libre. Licenza para matar non. Licenza para opinar, para decidir, para ser libres. Licenza para lexislar. Licenza para que ninguén nos inculque principios morais, éticos ou espirituais que non demandamos.