Idealización do pasado e realidade, relendo a Gramsci (II)
Idealizar o pasado é algo que fan moitas persoas cando a realidade non se corresponde cos seus desexos ou cando perden algo que consideraban inmutábel e non son quen de recuperalo. Todos e todas nós moitas veces lembramos escenas da nosa nenez ou mocidade e en moi poucas ocasións, salvo que quedaramos marcados por un acontecemento dramático, esas lembranzas son de feitos negativos. Algúns estudos de psicoloxía sinalan que o feito de termos lembranzas sobre todo agradábeis é debido a un mecanismo da mente humana que nos permite eliminar a meirande parte dos acontecementos negativos do noso pasado, e din que de non existir ese mecanismo seríamos incapaces de seguir vivindo.
Ese mecanismo que opera no subconsciente das persoas non podemos dalo por válido na nosa actuación consciente como militantes nacionalistas, idealizar o noso pasado colectivo pode facernos caer nunha especie de esquizofrenia que nos impida acometer unha análise correcta da realidade.
En certa medida considero que ese fenómeno estase a dar nalgúns dos debates actuais do nacionalismo, fálase demasiado a miúdo do ben que estabamos hai uns anos e da grande introdución social que tiñamos, chegando incluso a dicir algúns compañeiros e compañeiras que o nacionalismo galego era hexemónico entre a mocidade e entre os sectores máis dinámicos da sociedade galega.
Nas conversas aparecen acotío referencias ás grandes folgas xerais dos anos oitenta do século pasado contra o desmantelamento industrial de Galiza, ás mobilizacións do leite e da pesca ou sobre todo á lección de dignidade que supuxo Nunca Máis e aos momentos nos que tiñamos unha porcentaxe electoral superior á actual.
Todo o anterior é certo, pero cada acontecemento ou cada mobilización hai que analizalo no seu contexto, e non debemos esquecer que o mesmo nacionalismo galego que encabezaba en Vigo ou Ferrol a loita contra a reconversión naval non era quen de acadar na mesma época máis que un par de milleiros de votos nesas cidades; cando nos referimos ao movemento Nunca Máis con ducias de milleiros de persoas na rúa lembremos que o sucedeu unha nova maioría absoluta de Fraga, e ese nacionalismo que algúns din era maioritario entre a mocidade e as franxas máis cultas da nosa sociedade non foi quen de poñer en marcha un xornal que informara desde unha perspectiva propia. Ou acaso queremos esquecer a nosa propia historia colectiva?
As veces arguméntase que o nacionalismo galego é un movemento moi útil para labores de defensa pero non quere ser alternativa de goberno e por iso non é percibido nin apoiado pola maioría da sociedade para gobernar. Esta é unha lectura moi simplista dos distintos procesos políticos e ao mesmo tempo interesada.
Na complexa situación actual, que moitas veces nos fai dar paus de cego, non está de máis reler a Gramsci cando ao tratar da dominación dunhas clases sobre outras sinalaba que si o poder da clase dominante sobre as clases sometidas estivera baseado só no control e emprego dos aparatos represivos tampouco debería ser tan difícil rematar con ese poder, os sometidos precisarían simplemente de poñer fronte á clase dominante un exército máis numeroso; pero o mesmo Gramsci sinalaba que a cousa non era tan doada dado que o poder duns sobre os outros ademais de no dominio de elementos coercitivos como o uso da forza baseábase sobre todo na hexemonía, unha hexemonía que se acada co emprego de elementos como o sistema educativo, a relixión, os medios de comunicación, etc...; e case setenta anos despois da morte do pensador marxista comprobamos que os instrumentos para exercer esa hexemonía non só non perderon eficacia senón que a aumentaron e contan ademais co apoio do creto, as hipotecas, os bens de consumo aos que tivemos acceso tamén os traballadores e traballadoras, etc...
Se ao anterior engadimos un retroceso xeral na conciencia de clase -no sentido amplo que o nacionalismo define como clases populares- que leva a moitos segmentos das mesmas a considerarse clases medias, e por tanto a primar erroneamente conservar un suposto status superior a calquer alternativa transformadora como a proposta polo nacionalismo, atopámonos cun marco moito máis impermeábel á nosa acción que o de hai unha ou dúas décadas.
Diante desta realidade o escapismo non é saída, sexa un escapismo como o sinalado na primeira parte do artigo que maquilla o pasado ou outro igual de daniño que considera a depauperación da situación económica e social como o combustíbel ideal para unha revolta social sen decatarse dos mecanismos que impiden á maioría da sociedade dar o paso.
Se temos claro o marco poderemos avanzar, se pola contra perdemos o tempo en contar as historias do ben que o facíamos cada un de nós antes e o mal que se fai agora pecharemos en falso. A fin de contas a pregunta é, se o facíamos tan ben antes e eramos tan capaces de convencer á sociedade galega que alguén me explique como non demos acadado daquela a soberanía nacional?